Desacordo da CIG-Navantia coa externalización do 100% da enxeñería de detalle para os AOR australianos

Advirten que se afonda nun modelo de empresa de simple xestión e dependente da subcontratación

Ferrol -

A CIG Navantia Ferrol amosa o total desacordo na externalización do 100% da enxeñería de detalle e dunha parte substancial da enxeñaría funcional para os AOR australianos, xa que isto significa" que a práctica totalidade do proxecto de deseño dos buques, non a realizará Navantia". "Entendemos que esta decisión afonda no deseño cara unha empresa de mera xestión e dependente, en todo o proceso produtivo, da subcontratación externa".

Neste senso, a Sección Sindical subliña que se dá unha transferencia tecnolóxica e de coñecemento que vai na liña contraria das propostas de manter e preservar actividades claves para o futuro como o caso desta área e, ao mesmo tempo, aquelas que reportan un maior valor engadido á actividade produtiva do estaleiro.

Denuncian que tampouco se  contemplou a posibilidade de complementar aquelas áreas técnicas onde houbera mais carencia de persoal, con persoal propio, contratado directamente pola empresa principal.

Xunta a isto, a CIG-Navantia Ferrol augura "problemas de coordinación importantes" entre os distintos departamento da empresa que dependen directamente do proxecto de deseño, como poden ser o de compras e enxeñería de produción. "Isto fainos supoñer que os problemas no proceso de construción do flotel, derivados fundamentalmente dunha mala organización produtiva, repetiranse nos dous buques contratados para a Mariña Australiana, feito que pode levar a empresa a unha situación crítica".

"Fracaso estrepitoso" do sistema organizativo

Así, censuran a despreocupación da dirección diante deste tipo de situación,  mentres se seguen a incumprir aspectos importantes do III Convenio para o cadro de persoal da principal e se afonda na precarización da industria auxiliar,  mantendo ao mesmo tempo unha elevada cifra de horas extras : "a súa propia existencia demostra a mala planificación ou a pouca eficacia da mesma".

Para a Sección Sindical é indicativo "do fracaso estrepitoso" de este sistema organizativo que está a impoñer a empresa". Unha mostra, engaden, "témola no buque recentemente entregado. Todo por querer impoñer unha organización por programas e implantación de novos sistemas, que ía ser a pedra filosofal da construción naval, pero nos que a descoordinación e os malos resultados foron evidentes, polo que non quedou outro remedio que facer unha volta atrás no medio do proceso".

Explican que a subcontratación se fixo tarde, cambiando de sistema (o que tamén provocou atrasos), "dándose a situación paradoxal de que a dirección dos centros non pinta nada, nun contexto organizativo dunha “Navantia única” pola centralización e ao mesmo tempo deslocalizacion nos distintos centros produtivos das decisións importantes no desenvolvemento dos procesos produtivos. Esta transferencia e perda do knowhow non fai máis empresa senón que vai no camiño da súa redución", advirten.

Volver