Descoidar a quen coida é violencia machista
A CIG centrará a conmemoración deste 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, en denunciar que, a pesar de que a crise sanitaria puxo en evidencia a importancia dos coidados, estes non foron nin están a ser obxecto dunha protección especial.
“Dende a CIG levamos anos reclamando que se dean ás tarefas de coidados o valor real que teñen como traballos esenciais para a sociedade”, explica a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, quen engade que por esta razón o lema escollido este ano é “Descoidar a quen coida é violencia machista”.
Na CIG levamos anos reclamando que se dean ás tarefas de coidados o valor real que teñen como traballos esenciais para a sociedade
Se o 8 de Marzo xirou en torno á necesidade de pór os coidados no centro das políticas públicas, “porque sen coidados non hai vida”, unha semana despois “a emerxencia sanitaria confirmaba a actualidade desta reivindicación, ao evidenciarse a importancia fundamental do traballo doméstico e de coidados”, mais tamén ao quedaren as mulleres expostas de maneira desproporcionada ao virus, dado o seu papel predominante como coidadoras no ámbito familiar e como traballadoras nos sectores sanitario, sociosanitario, limpeza, comercio, empregadas do fogar, etc.
Ademais, o peche dos colexios e centros asistenciais traduciuse nunha sobrecarga do traballo non remunerado -con especial incidencia nas familias monoparentais-, “deixando en evidencia que a corresponsabilidade dos homes non é tal”. Como consecuencia, sinala Corral, “foron de xeito maioritario as traballadoras quen asumiron ou ben recortes nos seus salarios ao teren que reducir en parte ou totalmente a súa xornada para prestar estes coidados, ou ben duplas ou triplas xornadas ao adoptar o teletraballo como medida de conciliación”. Mención á parte das traballadoras dos servizos esenciais ás que non se lles permitiu sequera facer uso dos mínimos dereitos de conciliación.
Sen medidas dos Gobernos
“Pero o Goberno español e a Xunta non adoptaron medidas para mudar esta situación, nin sequera para alixeirar esa sobrecarga de traballo físico e psicolóxico que asumimos as mulleres. A pesar de ser o piar do sistema de coidados non fomos, nin somos, obxecto dunha protección especial, nin se puxeron en marcha políticas públicas para reducir a fenda de xénero, reforzar e revalorizar as profesións relacionadas cos coidados, nin se lexislou para garantir os dereitos de coidados das persoas”, denuncia. E isto é así “porque foi o capital quen xestionou a crise sanitaria e quen ditou a resposta a esta”.
No camiño contrario, Corral demanda un incremento substancial do investimento público en coidados e reforzar tanto o sistema de saúde como o de atención ás persoas, dotándoo co persoal necesario e rematando coa precariedade que caracteriza estas profesións.
Neste sentido, a CIG ten en marcha unha campaña en demanda dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, porque os recursos e os servizos sociais teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorizada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública galega en condicións de calidade asistencial para as persoas usuarias e con condicións de traballo dignas e estábeis para as persoas traballadoras.
Lugares e horas das mobilizacións do 25N:
-A Coruña: Delegación do Goberno, ás 12h.
-As Pontes: Praza do Hospital, ás 12h.
-Compostela: Complexo Administrativo de San Caetano, ás 12h.
-Ferrol: Edificio da Xunta, ás 12h.
-Lugo: Subdelegación do Goberno, ás 12h.
-Ourense: Subdelegación do Goberno, ás 12h.
-Pontevedra: Subdelegación do Goberno, ás 12h.
-Ribeira. Praza do Concello, ás 11:30h.
-Vigo: Edificio da Xunta, ás 12h.
-Vilagarcía: Servizo Galego de Colocación, ás 12h.