Desconvocada a folga en Denso tras acordar un convenio por tres anos

O comité e a compañía viguesa pactaron unha subida salarial do 1% e a contratación de 40 indefinidos/as

Vigo -

A asemblea de traballadores/as de Denso Sistemas Térmicos, compañía de automoción con sede en Vigo, decidiu este luns desconvocar a folga indefinida prevista para as 6.00 horas tras ratificar o preacordo acadado entre o comité de empresa e a dirección por 275 votos a favor e 39 en contra. Deste xeito, o novo convenio colectivo terá unha duración de tres anos e fixa unha subida salarial dun 1% en cada un deles, ademais de incorporar unha paga extraordinaria do 100% do salario e contemplar a creación de 40 postos de traballo indefinidos.

O cadro de persoal de Denso ratificou en asemblea o preacordo acadado entre a empresa e a representación dos traballadores/as tras unha intensa fin de semana de negociacións. O pacto permitirá asinar un novo convenio, que estará vixente durante 2017, 2018 e 2019. A suba salarial parctada é do 1% en cada un dos tres anos, ademais de establecer unha paga extra do 100% do salario.

Ao mesmo tempo, márcase a creación do 40 contratos indefinidos, mellóranse as licenzas e fíxase a rotación de catro postos de traballo cada dúas horas para paliar os efectos do traballo mecánico. Finalmente, acordouse que os desplidos disciplinarios non se poidan aplicar unicamente tras unha falta moi grave, senón que a partir de agora deberán acumularse dúas.

Volver