Desconvocada a folga nas bibliotecas municipais da Coruña tras efectivizarse o pago dos salarios

O comité denuncia a precariedade laboral e o futuro incerto no que se atopa o persoal
A Coruña - 20 Mai 2019

As traballadoras e traballadores das bibliotecas municipais da Coruña acordaron desconvocar a folga indefinida que tiñan previsto iniciar este luns, ao facerse afectivo o pago das nóminas do mes de abril. Non obstante, dende comité manifestaron a "fonda preocupación pola realidade laboral do cadro de persoal das bibliotecas municipais, que están xestionadas fóra de contrato dende o pasado 31 de xaneiro, pola empresa LTM Servizos Bibliotecarios".

A representación social denuncia a "precariedade laboral e o futuro incerto" no que se atopa este colectivo de traballadoras/es, polo que xa avanzaron que, de volverse producir demoras ou impagos nos salarios, convocaranse novas xornadas de folga.

"Cos antecedentes destes últimos tempos e constatando a incapacidade do goberno para cumprir cos compromisos que asumiron desde o anuncio de internalización o 9 de xuño de 2016, consideramos que é o momento de esixir, por responsabilidade, a tramitación da licitación de urxencia comprometida desde a Concellaría de Culturas, nos termos e condicións que garantan a estabilidade e dereitos laborais actuais do cadro de persoal", reclaman

Ao mesmo tempo, o comité de empresa fixo un chamamento a todos os grupos políticos a que asuman "o compromiso" de ter as bibliotecas municipais e ao seu persoal "nos punto a abordar de maneira inmediata na axenda do novo Goberno municipal".