Desconvocada a folga no servizo de Estilismo da CRTVG tras confirmarse a entrada dunha nova empresa

Tamén se abonou á administración concursal as cantidades retidas
Santiago - 28 Mar 2018

A folga indefinida que as traballadoras do servizo de Estilismo da CRTVG tiñan convocada a partir do 30 de marzo para esixir o cobro dos seus salarios quedou desconvocada logo de que o ente público confirmara a entrada dunha nova empresa (Acicala Estilismo), e que efectivizou o pagamento á administración concursal das cantidades retidas e sen as que non se podían saldar as débedas coas traballadoras.

As traballadoras, que serán subrogadas á nova empresa a partir de abril, trasladaron o seu agradecemento a todas as compañeiras e compañeiros da Radio e da Televisión de Galiza, así como ao comité de empresa polo apoio recibido "sen o cal estamos seguras que a resolución do conflito non se tería producido de xeito tan favorábel".

Hai que lembrar que o persoal deste servizo, até agora contratado á empresa New's Models, estaba sen cobrar os salarios dende o pasado mes de decembro. Ademais, a empresa foi declarada en concurso voluntario de acredores polo Xulgado do Mercantil nº 3 de Pontevedra e sobre a mesma recaía unha orde de embargo da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), polo que os pagamentos da CRTVG ingresaban na AEAT.

A débeda do embargo foi saldada a finais de xaneiro, mais desde entón a compañía de radio-televisión estaba a reter os pagamentos a aboar a New Model’s. Finalmente hoxe confirmou que as cantidades retidas foron abonadas á administración concursal, o que permitirá facer fronte á débeda salarial contraída coas traballadoras.

Rescate de todos os servizos

Aínda que o conflito fica resolto desta volta, dende a Sección Sindical da CIG seguirase a defender a necesidade de proceder ao rescate para a xestión directa pola CRTVG do Servizo de Estilismo, Perruquería "e de calquera outro servizo da actividade principal do ente que teña carácter estrutural, con subrogación de todo o persoal que presta estes servizos, como única garantía de mantemento do emprego e de sustentabilidade do servizo público".