Desconvocada a folga prevista no almacén de Froiz no Marco tras a readmisión dun traballador

A empresa rescindíralle o contrato con “acusacións falsas” co obxectivo de amedrentar o cadro de persoal
Pontevedra - 20 Dec 2023

O comité de empresa, con maioría da CIG, decidiu desconvocar a folga prevista no almacén da compañía de alimentación Froiz no Marco (antigo Moldes), en Pontevedra, despois de que a dirección accedese a readmitir o traballador despedido a semana pasada. Na central denuncian que se tratou dunha medida “inxustificada e represiva” coa que se pretendía “amedrentar” o cadro de persoal. 

As xornadas de paro estaban previstas para os días 22 e 23 de decembro

 Deste xeito quedan sen efecto as dúas xornadas de paro que ían ter lugar os vindeiros días 22 e 23 de decembro para rexeitar unha rescisión de contrato que se baseou en acusacións falsas, tal e como denuncian dende a CIG-Servizos de Pontevedra. De feito, nada máis coñecer a convocatoria de folga a empresa púxose en contacto co afectado para ofrecerlle a reincorporación ao seu posto de traballo.

Dende a central sindical sinalan que o despido afectou curiosamente a unha persoa que participou activamente na folga convocada no sector do comercio de alimentación para reclamar un convenio colectivo digo e coincidiu coa elección do comité por primeira vez, no que a CIG obtivo 4 dos 5 representantes.

“E non hai que esquecer que con anterioridade os delegados/as de persoal reclamaron nunha xuntanza coa empresa as mesmas comisións e pluses que teñen os traballadores/as do almacén de Lourido”. Por iso consideran que a decisión de Froiz foi “inxustificada e represiva” e coa que se pretendía “amedrentar” o conxunto do persoal.

Até o punto de que a dirección ameazou a compañeiros/as do afectado con máis despidos no caso de que se denunciase o acontecido e se convocasen mobilizacións, “creando así un clima de medo ante a posibilidade de máis rescisións de contrato no centro de traballo”.