Desigualdade social, fonte de toda riqueza

Eduardo Lucita - 07 Feb 2020

O capital deu unha resposta global a esta crise: reestruturou os seus espazos produtivos e de servizos e lanzou unha forte ofensiva sobre o mundo do traballo. Ofensiva xeneralizada, xa que buscou desmontar todas e cada unha das conquistas obreiras que os traballadores conseguiran na súa loita contra a voracidade do capital

 A desigualdade social global está “fóra de control”. Esta é a conclusión máis xeral á que chegaron un conxunto de organizacións non gobernamentais reunidas en Oxfam, organismo internacional que busca combater a inxustiza da pobreza no mundo.

 Segundo os datos informados por Oxfam nos días previos á recente reunión do Foro Económico Mundial en Davos, os multimillonarios máis ricos do mundo -aquelas persoas que o seu patrimonio supera os mil millóns de dólares- suman 2.153 e posúen máis riqueza que o 60 por cento da poboación mundial. O 1% máis rico do mundo ten máis do dobre de riqueza que o 90% (6.900 millóns de persoas) da poboación mundial. Ou que só 26 persoas posúen o mesmo que a metade da poboación (3.800 millóns).

 “A desigualdade no mundo está fondamente arraigada e alcanzou un nivel escandaloso” conclúe o informe citado que se basea en datos oficiais do FMI, o BM e a CEPAL entre outros organismos internacionais.

Non é obra da natureza

 A desigualdade social, é dicir, aquela condición que fai que as persoas teñan un acceso desigual aos diferentes tipos de recursos (cartos, vivendas, servizos esenciais...) non é obra da natureza como nos adoitan dicir os que reproducen aquel concepto que supón que “pobres haberá sempre”. Pola contra é inherente ao sistema capitalista como tal, que non pode sobrevivir sen desigualdades sociais, porque esta é necesidade e á súa vez resultado da lóxica da acumulación do capital en cada período histórico. Noutras palabras, a taxa de ganancia do capital é maior que a taxa de crecemento da economía.

 Porén, estas desigualdades que foran a menos nos chamados “30 anos dourados do capitalismo”, os que van de 1945 a 1975 -un proceso único e irrepetíbel- segundo intelectuais da envergadura de Ernest Mandel e E.P. Thompson, sufriron un cambio a partir da crise mundial dos anos 70 do século pasado.

 A orixe daquela crise centrouse na caída, a fins dos 60, da taxa media de ganancia dos capitais a escala mundial, combinada, a primeiros dos 70, coa alza dos prezos do petróleo. Todo deu nunha abundancia de capital financeiro que non atopaba oportunidades de investimento na economía real.

 O capital deu unha resposta global a esta crise: reestruturou os seus espazos produtivos e de servizos e lanzou unha forte ofensiva sobre o mundo do traballo. Ofensiva xeneralizada, xa que buscou desmontar todas e cada unha das conquistas obreiras que os traballadores conseguiran na súa loita contra a voracidade do capital e sostida no tempo, porque dura até os nosos días. Todo baixo a hexemonía do capital financeiro. O resultado foi unha caída estrutural dos salarios, un aumento da desocupación e da precarización laboral e polo tanto un incremento da pobreza a nivel mundial. Esta desigualdade ten un impacto directo nas relacións de xénero sendo as mulleres e crianzas a quen máis afecta esta situación.

A crise do 2008

 Cando parecía que a crise mundial do 2008 sería un freo á acumulación por valorización financeira e o seu impacto social, resultou unha oportunidade para afondar na desregulación dos mercados e o peso dos organismos financeiros internacionais. O papel do BCE e do FMI na crise grega dío todo.

 Desde aquela, as desigualdades sociais incrementáronse, particularmente na nosa rexión, onde está fortemente asociada ás clases sociais, ás cuestións de xénero e etnia. En América Latina e o Caribe o 20 por cento da poboación concentra o 83% da riqueza, mentres que a pobreza está aumentando. Segundo a CEPAL o 10.7% da poboación, ao redor de 66 millóns de persoas, vivía na extrema pobreza en 2019.

 Isto é particularmente significativo porque se hai algo sobre o que hai consenso é que os 15 anos de gobernos progresistas na rexión significaron melloras na distribución dos ingresos e reducións da pobreza. Así e todo, non redundou nunha redución das desigualdades; pola contra, en termos xerais a fenda ampliouse. Isto resultou así porque a taxa de acumulación na parte superior da pirámide social é maior que a taxa de decrecemento da pobreza na base da devandita pirámide Segundo o informe citado, o número de multimillonarios na rexión pasou de 27 a 104 desde o ano 2000, isto é, case se cuadruplicou en só 20 anos.

Revoltas e rebelións

 A contrapartida deste incremento das desigualdades é a vaga de revoltas e rebelións populares que percorre o mundo, que se inspiran nos movementos de principios da década pasada: a Primavera Árabe, iniciada a finais de 2010 en Túnez, e tamén Ocuppy Wall Street, en setembro de 2011. En Francia foi o aumento dos combustíbeis e a inequidade fiscal; en Catalunya as condenas contra os dirixentes independentistas; a cuestión da autonomía en Hong Kong, o autoritarismo en Sudán e Alxeria; o custo das chamadas por whatsapp no Líbano; en Iraq é o desemprego; o aumento da pasaxe do metro en Chile; o “paquetazo” do FMI en Ecuador e Colombia; a reforma das pensións en Nicaragua; unha vez máis a corrupción en Haití; crises políticas en Perú e en Porto Rico. A corruptela das elites en case todas as partes.

 Como se ve o detonante foi distinto en cada país, pero hai un fío condutor. As desigualdades sociais, os abusos do capital financeiro, a cada vez maior distancia entre as elites e os pobos o que pon en crise os réximes democrático liberais. En todos os casos é o protagonismo da mocidade, que sente que lle expropian o futuro.

 Unha vez máis hai que sinalalo. O problema non é a pobreza, senón a riqueza, que para se concentrar necesita da expansión da pobreza. Comprender a lóxica inmanente do capital nesta etapa histórica: que a velocidade da acumulación capitalista limita, cando non anula, toda redución substancial da pobreza, é decisiva para resolver o problema de raíz.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 6 de febreiro de 2020]