Desmantelan outro servizo no Hospital da Costa: o arquivo das historias clínicas

CIG-Saúde alerta que os datos sensíbeis das e dos doentes pasan a mans privadas

Burela -

O Hospital da Costa segue perdendo servizos. Á desaparición do departamento de contabilidade, as operacións de fimose, da implantación de marcapasos, das operacións de xeonllos e demais derivacións cirúrxicas, “asistimos agora ao desmantelamento do arquivo de historias clínicas”. Para  CIG-Saúde da Mariña resulta cando menos contraditorio que, atopándose en plena ampliación de espazos, “desapareza un servizo que non vai volver e que naceu con este Hospital, polo feito de non ter  espazo para a súa reubicación”.

“Iso é o que se alega dende a dirección”, sinalan dende CIG Saúde da Mariña, engadindo que a palabra da Xerencia “non ten valor ningún, xa que no ano 2014 comprometéranse a ter todo dixitalizado antes de 2018 -algo que non aconteceu- e o que fixeron foi destruír parte das historias”, como no seu día se denunciou ante o Valedor do Pobo.

Un paso máis no desmantelamento da sanidade pública

“Estamos a asistir á privatización, por parte do goberno do Partido Popular, do arquivo de historias clínicas no Hospital da Costa poñendo as obras como desculpa”, aseveran. Neste senso, advirten que a privatización da xestión dos arquivos clínicos dos centros hospitalarios ten varias vertentes. A primeira é que se trata dun paso máis na lenta e progresiva privatización da sanidade pública que está a realizar o PP, “a pesar da propaganda oficial e das declaracións que negan a evidencia”.

“Que o espazo onde se atopa o arquivo ía ser utilizado para outros fins por mor das obras, era algo planificado dende que estas se iniciaron”.  Critican que non se buscaron alternativas de espazo para a súa reubicación, “xa que a intención perseguida sempre foi utilizar as obras como desculpa para acadar un fin desexado,  a privatización do servizo do arquivo das historias clínicas”.

Datos de especial sensibilidade

Unha cuestión moi importante desta privatización, ten que ver coa confidencialidade dos datos que se atopan recollidos nas historias clínicas. Estes datos son de especial sensibilidade e recollen información que non pode ser utilizada máis que nos casos e nos supostos para os que as usuarias e os usuarios deron consentimento.

Xunto a isto, dende CIG-Saúde subliñan a vital importancia que ten no funcionamento dun centro sanitario o arquivo de historias clínicas, máxime cando non está informatizada toda a documentación para que se atopase, en tempo real, a disposición dos/as profesionais que a precisen para unha atención sanitaria axeitada.

“As historias clínicas dos mariñaos e mariñás estarán en mans privadas a máis de 100 km de distancia; historias clínicas que non están totalmente dixitalizadas”, alertan. Por iso desde CIG Saúde a Mariña lanzas as seguintes preguntas: “se acudimos a urxencias ás 3 da madrugada, chegará a nosa historia clínica que se atopa a máis de 100 km de distancia ese mesma noite, ao día seguinte, ou cando? Sen historia clínica pódese facer un bo diagnóstico que pode ser vital para a nosa saúde?”.

O historial estará en Lugo

“É importante que a cidadanía saiba que o seu historial clínico vai estar en Lugo, e aínda que a empresa privada transportará diariamente as historias que se soliciten de xeito programado, que vai acontecer cando acudamos por urxencias? Pois que non teremos historia e seremos tratados como pacientes desprazados, como turistas na nosa propia casa”, sentenza a central nacionalista.

A historia clínica dos pacientes non pode ser obxecto de negocio e externalizarse -indica CIG Saúde A Mariña-, e nunca, en ningún caso, debe saír do ámbito público “que é o que, de verdade, garante a confidencialidade e protexe os datos persoais relacionados coa saúde e o estado sanitario da cidadanía.” Abundando nos riscos que supón esta fórmula de xestión de documentos públicos,  recalcan que “unha  empresa  privada  non  ten  como  fin  o  servizo  publico  senón  o beneficio  empresarial  e  canto  máis  elevado  sexa  este,  mellor”.

A este respecto, dende CIG-Saúde da Mariña apuntan a que “en todo o que se move ou se xestiona no ámbito da privatización de servizos no SERGAS aparece por medio Servizo Móbil S.A, con sede nas Pontes”.

Postos de traballo

Así mesmo, CIG-Saúde da Mariña estará especialmente vixiante para evitar que se perdan postos de traballo ou que se modifiquen as condicións de traballo do persoal. «Non consentiremos que se amortice ningunha desas prazas porque son necesarias no Hospital».

Volver