Día Internacional de Combate á LGTBI fobia: a CIG denuncia o acoso e a proliferación de agresións contra a diversidade sexual

Este 17 de maio, a central sindical esixe a protección deste dereito

A Coruña -

Foi un 17 de maio do ano 1990 cando a asemblea xeral da OMS aprobou a retirada do código 302.0 (relativo á homosexualidade) da Clasificación Internacional de Doenzas. A nova clasificación entrou en vigor entre os países que forman parte das Nacións Unidas en 1993. Dende aquela foron moitos os avances en igualdade acadados: desde os cambios normativos na denominación rexistral para as persoas transexuais, a inclusión de artigos específicos na lexislación respecto da non discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, mesmo a adopción, ou o matrimonio e as unións de feito entre persoas do mesmo sexo.

Porén, a igualdade aínda non está conseguida de pleno. En preto de 80 países os actos sexuais entre persoas do mesmo sexo son tipificados como delito no código penal e as persoas que son detidas baixo esta acusación poden ser condenadas a cadea perpetua e a pena de morte.

Mesmo naqueles países que contemplan recoñecementos legais a prol da diversidade sexual existen casos de discriminación cara ao colectivo de lésbicas, gais, bisexuais, travestís, transexuais e intersexuais (LGBTI). Discriminación que, en demasiados casos, vai acompañada de agresións verbais, acoso, e violencia física, tal e como puidemos comprobar non hai moito, en recentes agresións a parellas do mesmo sexo ocorridas en Galiza.

Desde que no ano 2005 diferentes organizacións pola liberación sexual e colectivos en defensa dos dereitos de gais, lésbicas e homes e mulleres transexuais promoveran a institucionalización do 17 de Maio como Día Internacional de Loita contra a Homofobia, a Lesbofobia e a Transfobia, na CIG consideramos  que, do mesmo xeito que animamos a todas as galegas e galegos a defender combativamente as agresións contra a nosa lingua, reivindicando as Letras Galegas e a necesidade de protexer e revitalizar o noso idioma, hai que pular porque a diversidade sexual e de xénero sexa contemplada como un dereito tanto na esfera social como na educativa, a laboral e por parte das políticas públicas.

A nivel laboral debemos amosar o noso compromiso coa erradicación das actitudes homo/lesbo/transfóbicas, instando a adoptar medidas que eviten calquera tipo de discriminación e acoso laboral, propiciando a igualdade de oportunidades e de trato de todas e todos os traballadores, negociando cláusulas específicas e protocolos de prevención e actuación nos convenios colectivos e nos plans de igualdade de oportunidades nas empresas.

Esiximos o financiamento de tratamentos para persoas transexuais, facilitando o acceso a bloqueadores, e a inclusión do tratamento integral de reasignación de sexo no catálogo de prestacións sanitarias.

Esiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos, sen que teñan que facer alusión ás súas prácticas sexuais.

A nivel xurídico, debe facilitarse o cambio de nome e xénero nos rexistros civís aos e ás menores de 18 anos que así o manifesten.

Consideramos que a nova lei educativa, a LOMCE, non só é unha agresión contra a nosa lingua, contra a necesidade de acadar un sistema educativo propiamente galego, público, gratuíto, laico, científico, coeducativo e democrático, senón que ademais impide un tratamento adecuado da diversidade afectivo sexual no ámbito educativo e, por tanto, fica lonxe o obxectivo de acadar unha educación igualitaria e respectuosa coa diversidade de opcións sexoafectivas e de identidade.

Por iso, instamos a que o sistema educativo integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais que inclúan a realidade LGTBI para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade, poñendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino infantil, medio e superior

Así, o Protocolo educativo para garantir a Igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de Identidade de xénero dxs menores trans", recentemente asinado coa Consellería de Educación, debe dotarse de medios que garantan as actuacións de formación e sensibilización relacionadas coa diversidade sexual, xunto coa posta en marcha dun protocolo de prevención, detección e intervención que remate coa discriminación e a transfobia nos centros educativos galegos.

Porque non podemos permitir que as crianzas sexan vítimas de acoso sexual pola percepción da súa orientación sexual, da súa identidade de xénero ou da dos seus pais e/ou nais.

Ás portas dun novo 17 de maio, as persoas que formamos parte da Confederación Intersindical Galega amosamos o noso compromiso coa diversidade afectiva e sexual, e instamos a combater o sexismo, o heteropatriarcado e a LGTBI fobia.

Galiza, 16 de maio de 2016

Volver