Doentes agardan no servizo de urxencias do HULA polo seu ingreso por falta de camas no hospital

A CIG-Saúde de Lugo denuncia que aínda se manteñen camas pechadas

Compostela -

A CIG-Saúde de Lugo vén de denunciar a situación de saturación de urxencias do hospital ao permanecer no servizo doentes xa atendidos que non poden ser ingresados nas unidades nas que lles correspondería porque as camas seguen pechadas. A CIG-Saúde alerta do colapso que provoca ter o hospital a medio rendemento e pregúntase cando volverán estar operativas.

Segundo sinala a CIG-Saúde de Lugo, este mesmo mércores permanecían 5 doentes nesta situación, “xa que non quedaba ningunha cama dispoñible en todo o hospital e o servizo de observacion estaba cheo”.

Explican que esta situación “repítese a cotío” e lembran que o mércores da semana pasada quedaron de novo dez doentes en camas hospitalarias o que levou á Xunta de Persoal, a petición da CIG, a enviar un escrito á Xerencia pedindo explicacións e preguntando polos criterios de apertura de camas que se vai seguir, sobre todo tendo en conta esta situación.

“Non pode ser que teñamos os doentes nos pasillos e nos boxes esperando a ser ingresados. Unha vez máis o servizo de urxencias convértese en planta de ingreso, xa que as e os doentes son atendidos polo mesmo persoal que atende as urxencias provocando una  saturación no servizo, mentres o hospital permanece con camas perfectamente viábeis pero inoperativas”.

Volver