Educación blinda os concertos coa privada comprometendo 1.550 millóns nos próximos 6 anos

Entre os centros favorecidos están os do Opus Dei que segregan o alumnado por sexo
Nacional - 03 Abr 2017

A Consellaría de Educación vén de publicar unha orde por medio da cal blinda os concertos cos centros privados durante seis anos, até o curso 2022/23. A orde anterior, que remata a súa vixencia neste curso, tivo unha duración de catro anos. Mais a LOMCE tamén modificou iso, incrementando a vixencia dos concertos a seis anos.

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, denuncia que “con esta blindaxe a Consellaría de Educación está comprometendo os orzamentos dos vindeiros seis anos, destinando cada ano aos concertos co ensino privado 258 millóns de euros e, por tanto, detraéndoos da pública. Esta contía supera en 22 millóns de euros a cantidade que cada ano están recibindo estes centros.

“En conclusión”, engade Louzao, “para os vindeiros seis anos, a Consellaría blinda máis de 1.550 millóns de euros (1.550.588.701,56 €); mil cincocentos cincuenta millóns que non serán destinados a mellorar o ensino público, nin a ampliar os cadros de persoal, nin a mellorar as instalacións dos centros, nin a dotalos cos recursos suficientes para atender as necesidades educativas, nin a reducir as ratios. As partidas orzamentarias comprometidas até 2022/23 superan en 608 millóns de euros as cantidades destinadas no período  de vixencia dos actuais concertos(  942 millóns)”.

A CIG-Ensino denuncia que, mentres o ensino público pelexa día a día reclamando a dotación necesaria para cumprir cos parámetros de calidade que o alumnado merece, a Consellaría blinda os centros privados e garántelles non só un incremento anual dos concertos que veñen percibindo, senón que eses concertos estarán garantidos durante seis anos e veranse prorrogados  no futuro.

Entre estes centros privados, cinco deles pertencen ao Opus Dei, que continúan segregando alumnado por sexo e contribuíndo á desigualdade de xénero. Cinco centros contra os que a CIG-Ensino gañou un recurso no seu día e que o Tribunal Supremo considerou que os seus concertos eran ilegais. “No entanto, o PP xa tiña a variña máxica da LOMCE para cambiar a situación. Di o refrán popular que quen fai a lei, fai a trampa, e a LOMCE foi feita para regularizar estas partidas orzamentarias e permitir un ensino que é absolutamente inadmisíbel no século XXI e que prexudica obxectivamente a mocidade que estuda neses centros”, denuncia Louzao.