Educación filtrou os contidos da proba de reválida de 3º de primaria o mesmo día en que se realizaban os exames

A CIG-Ensino denuncia que a Xunta converteu nunha “chafallada” a aplicación da LOMCE e as reválidas

Compostela -

A CIG-Ensino chama a atención sobre o feito de que o mércores 25 maio se publicaran, nun medio de comunicación impreso, contidos da proba que ese mesmo día formaba parte da reválida de 3º de Primaria. Considera que esa filtración evidencia a “chambonada” na que a Xunta converteu a súa aposta pola LOMCE e as reválidas”.

Para a CIG-Ensino está é a mostra máis palpable da “chafallada” na que a Consellaría de Educación converteu a aplicación da LOMCE e nomeadamente as reválidas que foron rexeitadas de xeito contundente polas familias. Así o asegura o secretario nacional da federación, Anxo Louzao, para quen isto é “todo un despropósito ao servizo da ideoloxía do PP que o único que está supondo é un prexuízo para o ensino público e a súa calidade”.

Para a CIG-Ensino todo indica que foi a propia Consellaría de Educación a responsable desta filtración e esixe unha explicación pública do sucedido que ten que levar consigo a desaparición da LOMCE e das reválidas. “Tendo en conta que parte das probas se filtraron publicamente antes de que remataran e que máis do 80% do alumnado non as fixo, a Consellaría debería tomar a decisión de que se tiren á papeleira, que non se corrixan e que se deixe de cargar aos centros, en contra da súa vontade, de traballo inútil”, engade Louzao. 

En calquera caso, para a CIG-Ensino estes feitos desautorizan a actuación do Goberno galego e poñen en evidencia a falta de competencia do novo conselleiro de Educación, motivo suficiente para que presente a súa dimisión.

“O Goberno de Feixoo teima en someter o alumnado e o sistema educativo a unha presión innecesaria, pero eles mesmos  son incapaces de actuar cun mínimo rigor. Á vista está que  malgastan recursos públicos nunhas probas que a propia Consellaría converteu nun cachondeo e nunha autentica chambonada. E unha tomadura de pelo e desconsideración ao profesorado e aos centros”, explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.

Volver