Educación obriga o profesorado a modificar, rematado o curso, os criterios de avaliación para subir ao programa XADE

A CIG-Ensino denuncia o “desprezo” da Consellaría ao traballo do profesorado

Compostela -

A Consellaría de Educación, o 10 de xuño, tan só a doce días de que remate o curso escolar, publicou a orde que regula a avaliación e a promoción do alumnado que cursa educación primaria cando moitos centros e profesorado xa tiñan iniciado e cumprimentado todo o procedemento burocrático que supón a avaliación.

“O despropósito da Consellaría non ten límites”, denuncia a CIG-Ensino, que explica que “non só pretende que o profesorado modifique os criterios estabelecidos na avaliación, cando xa rematou o curso, senón que neste momento nin sequera ten activada a aplicación no Xade para poder facelo”. Asegura que “o desatino é tal” que están chamando o profesorado que foi substituto e que xa non ten relación laboral coa Consellaría para que adapte a avaliación e a complete na dita aplicación.

Explica que despois de dous cursos de aplicación da LOMCE en primaria, a Consellaría “ten a ousadía”, unha vez iniciadas as vacacións escolares, de obrigar os centros a revisar e a mudar todo o traballo xa realizado.

Por iso denuncia que a Consellaría de Educación trata os seus traballadores e traballadoras “como escravos obedientes, despreza o seu traballo e bótao ao lixo”. Entende ademais que todo isto é aínda máis grave tendo en conta que tanto o profesorado como a CIG-Ensino levamos dous anos esixindo unha orde que concrete a avaliación segundo a normativa en vigor. “Unha vez máis, a Consellaría demostra o seu desprezo e desconsideración polo profesorado e o seu traballo, actitude que vén sendo o modo de actuación do Partido Popular á fronte desta Consellaría”.

A competitividade como obxectivo

Para a CIG-Ensino, proba do carácter competitivo e clasista da LOMCE é que esta mesma orde está destinada tamén a estabelecer todo tipo de diferenzas entre o alumnado. Considera que só así se pode entender que se estabeleza xa en primaria o outorgamento de “mencións honoríficas” ao alumnado “excelente”, desprezando o feito de que o ensino ten que ser un dereito de todos e todas e de que a escola ten que procurar que o alumnado desenvolva as súas capacidades e aptitudes e proporcionar unha formación integral. “O ensino non pode incentivar unha carreira competitiva para o alumnado que acabará inculcándolle o individualismo e a insolidariedades desde o primeiro día da escola”, afirma.

Por iso exixe á Consellaría “que cese na súa intención de obrigar o profesorado a modificar a súa avaliación e, por tanto, que desista de demandarlle de subir ao Xade en período de vacacións uns criterios que non aplicou na avaliación”.

Volver