Eliance volve incumprir o contrato do transporte sanitario aéreo coa permisividade do 061

Nacional - 11 Xul 2023

O contrato formalizado en 2019 con Eliance para a prestación do transporte sanitario aéreo do 061 establece que os helicópteros que fagan este servizo deben estar operados por 2 pilotos -1 comandante/piloto e 1 copiloto/piloto-, pero dende o pasado 8 de xullo a figura do copiloto/piloto foi substituída por un tripulante HEMS, que non ten capacitación para manexar a aeronave en caso de que o/a comandante sufra algún contratempo.

Para a CIG-Saúde esta configuración Piloto/Tripulantes, a máis dun incumprimento de contrato,  supón unha rebaixa substancial na seguridade, tanto para doentes como para o persoal sanitario, nas operación do  servizo de transporte sanitario aéreo, atendendo á meteoroloxía e xeografía complexa que ten Galiza para voar.

A dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 era coñecedora desta situación dende que recibiu por parte de Eliance o  cronograma para o mes de xullo, mais non informou as traballadoras e traballadores nin as delegadas e delegados de saúde laboral nin tampouco á representación sindical até que o propio 8 de xullo, día no que empezaba a traballar o tripulante HEMS.

Esta mesma situación xa se produciu puntualmente no mes de abril entre os días 20 e 22, cando tamén foi denunciada pola CIG-Saúde por escrito diante da dirección do 061, pero no actual mes de xullo esta circunstancia vaise producir como mínimo durante 10 días, segundo o cronograma de Eliance presentado á dirección do 061.

Neste momento o contrato  servizo de transporte sanitario aéreo do 061 esta prorrogado a espera dunha nova licitación ao ter rematado o actual contrato en abril e ter quedado deserto no mes de xuño un novo contrato para o servizo por un importe de 9.989.620,62 euros.