Emigrantes retornados/as reclaman a Sánchez a modificación da Lei 35/2006 do IRPF

Lembran ao novo goberno que son “traballadores/as, non defraudadores/as”

Nacional -

Colectivos de emigrantes retornados/as de toda Galiza percorreron esta mañá, en manifestación, as rúas de Compostela para rematar diante do Parlamento galego  baixo o lema “Somos traballadores, non defraudadores”. No decurso da mobilización, á que se sumou o Colectivo de Xubilados/as e Pensiosnistas da CIG, demandaron a modificación da Lei 35/2006 do IRPF, orixe dos seus problemas e da que é “pai”, segundo lembraron, Zapatero.

O colectivo considera que a marcha do PP “é unha boa noticia”. De feito asegura que “celebramos a marcha dun presidente e dun partido político (os nosos verdugos) que foron uns tiranos para o noso colectivo, uns prepotentes que nunca se dignaron a dialogar, negándose a darlle unha solución o noso problema e abusaron das súas maiorías e do poder para espoliar os cartos das nosas pensións, arruinarnos a nós e o país”, dixeron.

En todo caso, diante do novo escenario político lembran ao PSOE que se comprometeu con eles, publicamente, e con moitas das súas demandas. Aínda que non coa que consideran que é a causante da súa situación: a Lei 35/2006 do IRPF (dos dous pagadores) que “nos endosaron os retornados”, da que “é pai” Zapatero e que consideran que é a causa dos seus problemas.

Por iso demandan a súa modificación, como “clave da solución do noso problema coa facenda española”.

Por iso consideran que coa chegada do PSOE ao goberno a súa situación é a mesma. Avanzan que seguirán solicitando “diálogo e negociación” e advirten que continuarán “loitando, mobilizándonos na rúa, agora máis que nunca, para forzalos a que o noso problema entre na axenda do novo goberno”.

Volver