Empregados/as do Chuvi protestan contra os ataques á liberdade de expresión por parte da Xerencia

A dirección emitiu un comunicado ordenando a retirada das mensaxes nas que se denuncia a falta de persoal ou os problemas na xestión

Vigo -

Traballadores/as do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) desenvolveron hoxe unha mobilización nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro para rexeitar os intentos por parte da Xerencia de censurar as críticas pola falta de persoal ou polos problemas na xestión. O responsábel da EOXI, Félix Rubial, emitiu un comunicado no que insta os xefes/as de servizo a retirar as mensaxes que denuncian as carencias existentes nos centros médicos da rede sanitaria pública viguesa.

As mobilizacións convocadas pola Xunta de Persoal do Chuvi desenvolvéronse ás 11.00 horas no Álvaro Cunqueiro e ás 13.00 horas no Meixoeiro e nelas participaron varias ducias de traballadores/as. Os traballadores/as denuncian que a Xerencia pretende censurar a liberdade de expresión para acalar as críticas derivadas da carencia de persoal e dos problemas de xestión.

A decisión adoptouse despois de coñecer que o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubia, vén de remitir unha circular a todas as xefaturas de servizo, unidade e persoal subalterno e ás persoas responsábeis de supervisión anunciando a retirada das mensaxes que, en diferentes puntos dos hospitais, denuncian carencias de persoal e xestión. Ao mesmo tempo, o comunicado advirte da posibilidade de que se impoñan sancións no caso de que os carteis e os avisos volvan aparecer nos corredores dos centros médicos.

“Dende hai certo tempo -sinala a circular- están sendo expostos nas dependencias do hospital, en lugares non autorizados e utilizando diversos soportes, mensaxes alertando sobre o deficiente funcionamento das unidades e as súas posibles consecuencias para a saúde dos doentes debido á presunta insuficiencia do cadro de persoal na unidade, entre outros”. Esta, acusa o xerente, é unha información que “claramente induce temor, alarma e desconfianza entre pacientes e familiares sobre a asistencia sanitaria”.

Segundo o responsábel sanitario, a exposición de mensaxes críticas coma estas “pode vulnerar o dereito da debida protección da saúde” e por iso “procederase á retirada inmediata”. Ademais, “os empregados/as públicos/as que exhiban esta información ou a difundan polo centro hospitalario expóñense de agora en diante a posíbeis sancións administrativas”. Estas sancións poden afectarlle aos responsábeis das unidades nas que se manteñan expostas as mensaxes “por ir contra o Estatuto Marco para o persoal estatutario dos servizos de saúde”.

Volver