Empresas privadas certificarán o coñecemento de inglés do profesorado

A Consellaría de Educación avanza na privatización do ensino público

Nacional -

A Consellaría de Educación continúa coa privatización do ensino galego e nesta ocasión tócalle a un dos seus xoguetes preferidos: a lingua inglesa. Até o de agora o profesorado galego tiña ao seu dispor as Escolas Oficiais de Idiomas (EOIs) para certificar os coñecementos de inglés. Porén, a administración anuncia que este ano serán empresas privadas as que leven a cabo esta certificación, iso si, usando o persoal do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para a súa xestión, o que, en palabras da CIG-Ensino “xa roza o esperpento”.

A formación do profesorado non pode ser unha forma de financiar empresas privadas"

Fóra do que supón a privatización, dende a Federación do Ensino destacan que esta certificación non cumpre cun mínimo de calidade, xa que só avalía as competencias orais, mentres que nas probas das EOIs certifícase o nivel de xeito global, nas súas catro destrezas comunicativas: falar, escoitar, ler e escribir.

“A formación do profesorado non pode ser unha forma de financiar empresas privadas, máis aínda cando as EOIs teñen entre as súas funcións expresas levar a cabo esta formación, tal e como se pode ler no Decreto 189/2010, do 11 de novembro, polo que se establece o Regulamento Orgánico das Escolas Oficiais de Idiomas da Comunidade Autónoma de Galiza”, aseveran.

Desde a CIG Ensino denuncian esta enésima privatización e reclaman que sexan as EOIs as entidades que formen e certifiquen os coñecementos do profesorado galego en todas as linguas.

Volver