En Familia-Eroski: cinco anos cos salarios conxelados e coas peores condicións laborais do sector

A CIG reclama unha suba dos soldos acorde cos excelentes resultados económicos do grupo empresarial

A Coruña -

Salarios conxelados dende hai cinco anos, cambios de horarios e de quenda arbitrarios, ou falta de control da xornada laboral, son algunhas das condicións que padecen as traballadoras e traballadores dos supermercados Familia-Eroski. Para denunciar a súa precaria situación, a CIG desenvolveu esta mañá unha xornada de mobilizacións diante de varios dos estabelecementos que o grupo empresarial ten na zona das Conchiñas-Agra do Orzán, na Coruña.

"O persoal de Vegalsa-Eroski somos o peor pagado do sector, a diferenza co que cobran as compañeiras e compañeiros doutras empresas alcanza, como mínimo, os 2.500 euros ao ano", explicaba durante a protesta Susana Formoso, responsábel da sección sindical da CIG.

Ademais, o persoal de Vegalsa-Eroski (compañía participada nun 50% polo Grupo Eroski e noutro 50% pola familia González Prieto, e propietaria dos supermercados Eroski Center, Eroski City, Cash Record e Familia) realiza entre 50 e 60 horas anuais máis que no resto de empresas do sector. Para atallar esta situación, a CIG leva anos tentando que a empresa estabeleza un sistema de rexistro de xornada laboral como marca a lexislación, mais a empresa négase de xeito sistemático “porque así pode mover os horarios e non devolver as horas extras”.

"Cada ano que pasa afastámonos máis das condicións laborais do resto do sector", afirmou Formoso. De aí que unha das reivindicacións da CIG sexa volver ao convenio provincial do comercio de alimentación, posto que dende a sinatura do convenio propio de ámbito estatal (prorrogado e coa negociación paralizada), "as traballadoras/es non fixemos máis que perder cartos e dereitos".

Pero a empresa négase por completo a volver ao convenio provincial e nesta tarefa conta coa complicidade de FETICO, que ten a maioría da representación.

No outro lado da balanza, nestes cinco anos de conxelación salarial, os beneficios da empresa incrementáronse un 300%". Por iso, reclamou que o incremento salarial para as traballadoras e traballadores debe ir parello a eses excelentes resultados económicos.

Volver