"En Gadis, negociando non consegues nada e cando vas á Inspección, a resposta da empresa é a represión"

A CIG concentrouse na Coruña pola readmisión dunha traballadora
A Coruña - 11 Xun 2018

A CIG realizou unha concentración este luns diante do supermercado que Gadis ten nos baixos do Mercado de Elviña (Avda. Salvador de Madariaga) para esixir o cese da política represiva e antisindical practica pola empresa e a readmisión dunha traballadora que foi despedida recentemente. A protesta desenvolveuse coincidindo coa celebración do acto de conciliación polo despedimento, que rematou sen avinza, polo que agora o proceso seguirá nos xulgados.

Dende CIG-Servizos explican que a traballadora foi despedida con "falsos argumentos" e que atrás da decisión empresarial "agóchase unha nova tentativa de amedrentar e perseguir as traballadoras e traballadores que reivindican os seus dereitos". Unha persecución que aplica con especial intensidade contra as persoas que a empresa identifica coa CIG.

Unha tenda para recluír as traballadoras reivindicativas

A empregada despedida estaba destinada no supermercado máis pequeno que Gadis ten na Coruña, que semella máis a unha tenda de barrio, e no que traballan arredor de 10 persoas. Destas, catro son delegadas da CIG no comité provincial, e hai que subliñar que a compañeira despedida tamén foi delegada de persoal hai uns anos. "A empresa utiliza este supermercado como unha especie de lugar no que recluír as traballadoras reivindicativas e as delegadas da CIG, como castigo e para telas así desconectadas do resto de compañeiras e compañeiros", denuncia Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña.

Por se non fora abondo, Gadis permite e fomenta o comportamento autoritario dos mandos, e por sistema "manda a ese pequeno supermercado as encargadas que máis queixas reciben polo trato ao persoal", subliña. Neste senso, Pérez sinala que hai ducias de queixas á dirección polo comportamento da actual encargada da tenda, "pero a empresa fai caso omiso".

Denuncias na Inspección de Traballo

A CIG entende que o recente despedimento é unha represalia polas denuncias presentadas contra a empresa para mellorar a prevención e os riscos laborais e polas cales a Inspección de Traballo está obrigando a Gadis a realizar modificacións nos procesos de reparto das mercadorías dende o almacén de Piadela. "Nesta empresa negociando non se consegue nada e cando acudimos á Inspección, a resposta de Gadis é agredir a CIG e as persoas que a representan", critica.

O responsábel de comercio da Federación de Servizos apunta que este tipo de actuacións son a práctica habitual na empresa, cuxas relacións laborais se reducen "á represión e ao medo", sendo continuos os despedimentos de persoal que se atopa de baixa. Neste senso, engade Roberto Pérez, a inmensa maioría dos despedimentos en Gadis son declarados improcedentes por vía xudicial.