'En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua'
Queremos Galego, plataforma da que fai parte a CIG, convoca para o vindeiro 17 de Maio, Día das Letras Galegas, unha manifestación que percorrerá as rúas de Compostela baixo o lema 'En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua', con saída ás 12:00 horas desde a Alameda. Haberá transporte dende todas as comarcas galegas, para facilitar o desprazamento. A información dos puntos de saída estará dispoñíbel na web queremosgalego.gal.
Todos os avances para o galego se conseguiron pola perseveranza e polo esforzo do pobo galego, como a incorporación do galego ao catálogo de Netflix ou a recente sentenza do TSXG contra Facenda por atacar os dereitos lingüísticos dun cidadán galego. A sociedade galega está soa, sen institucións que a amparen na defensa da lingua. É hora de que isto mude e os poderes públicos, comezando polo novo presidente da Xunta, teñen que abandonar a súa política de agresión sistemática ao galego e comezar a exercer a súa responsabilidade na defensa dos intereses de Galiza e da súa lingua.
Queremos Galego reclama a posibilidade de vivir “en galego agora e sempre” e denuncia que o ensino e unha limitadísima oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua. A sociedade galega propón solucións, como a Iniciativa Xabarín, a Iniciativa polo audiovisual galego ou as bases para a normalización da lingua elaboradas pola maioría da representación sindical do profesorado, das anpas, dos movementos de renovación pedagóxica e pola Mesa, pero dende Queremos Galego recordan que para que que estas solucións frutifiquen cómpre que os gobernos galego e español abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza e dispoñibilidade “en todo e para todo”.
Un novo futuro para o galego é posíbel se todas e todos, cidadanía, entidades sociais e gobernos imos na mesma dirección, a de asegurar que o galego está presente e plenamente dispoñíbel. A lingua galega une, é o principal elemento de cohesión, identidade e progreso de Galiza. A manifestación do 17 en Santiago debe servir para que a Xunta de Galiza comece a actuar en consecuencia.