"En Hércules de Armamento, queremos traballar e queremos cobrar"

O persoal da fábrica de armas da Coruña desenvolve unha nova xornada de folga
A Coruña - 10 Mai 2017

Traballadores e traballadoras de Hércules de Armamento desenvolven hoxe unha nova xornada de folga para reclamar á dirección que regularice o pago dos salarios "e demandar que redobre os esforzos para resolver as incertezas sobre o futuro laboral e industrial da empresa".

Ao berro de "queremos traballar, queremos cobrar" ou "non máis endebedamento en Hércules de Armamento", o Presidente do Comité, Xabier Rioboo, volveu reclamar da empresa que redobre esforzos ante a perspectiva de asinar un contrato para dotar de nova carga de traballo á fábrica e a existencia de varios precontratos, mais que fican pendentes da entrada dun socio inversor.

Neste senso, tamén pediu ao Ministerio de Defensa que axilice os trámites para autorizar a fabricación de material para defensa, "pois xa hai varias semanas que a empresa remitiu a solicitude, que conta co visto bo dos trámites administrativos previos, logo de corrixírense as deficiencias en materia de seguridade".  

Con motivo da folga, que se desenvolve en horario de 10:30 a 15:00 horas, o persoal volveuse concentrar ás portas da fábrica de armas, xusto cando se cumpren catro anos do inicio dos despedimentos do ERE presentado por General Dinamycs, que supuxo o deixar na rúa á totalidade dos/as empregados/as e o peche das instalacións.

Sobre a aplicación do ERE, Rioboo lembrou que se está a espera de coñecer a decisión da sala do Tribunal Supremo a respecto do recurso de casación que a CIG presentou contra o expediente de regulación e no cal se solicita a nulidade da medida.