A ILP en defensa do bosque autóctono consegue un total de 42.328 sinaturas

É a Iniciativa Lexislativa Popular de natureza ambiental máis apoiada da historia do autogoberno galego

Representantes da Comisión Promotora da Iniciativa Lexislativa Popular ‘para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais’ - Alianza por un Rural Galego Vivo (conformado pola CIG, ADEGA, Organización Galega de Mancomunidades de Montes e FRUGA) e Cousa de Raíces (conformada por máis de 60 colectivos)-  fixeron entrega esta mañá no Parlamento de Galiza das 42.328 sinaturas acadadas en apoio da iniciativa.

Na mañá deste venres, entidades e colectivos promotores da ILP en defensa do bosque autóctono presentaron 42.328 sinaturas no Parlamento Galego. Tras do rexistro das sinaturas as e os representantes da comisión promotora agradeceron aos milleiros de cidadás e cidadás os avais acadados, que multiplican por catro o mínimo legal para tramitar a lei no Parlamento. 

Neste sentido, salientaron que se trata da ILP de natureza ambiental “máis apoiada na historia do noso autogoberno, superando en sinaturas recollidas á ILP en defensa dos ríos (aprobada en 2006) e a máis recente a favor da reciclaxe (rexeitada en 2013)”. É tamén a terceira ILP forestal en menos de 30 anos, feito que unido ao extraordinario apoio cidadán acadado pola presente proposta, “dá conta da preocupación e o compromiso que a defensa dos nosos bosques desperta na sociedade galega”.

Miles de persoas implicadas

Amosaron ademais a súa satisfacción porque a ILP dos bosques, sexa ou non aprobada, xa acadou un dos seus obxectivos: “implicar a milleiros de persoas por todo o país e a centos de colectivos e entidades de diversas sensibilidades (social, ecoloxista, sindical, cultural, produtiva, política) en defensa dos nosos bosques”. Persoas e colectivos que “asumiron como propias as mensaxes e os obxectivos desta Proposición de Lei, que dende que foi presentada hai 6 meses, divulgouse en ducias de actos públicos por todo o país”.

Xunto a isto subliñaron que tamén se conseguiu levar á rúa un debate que até o agora semellaba tabú, sobre todo en ámbitos rurais: o monocultivo do eucalipto como problema de país, e rachar coa “omertá” de anos imposta por ENCE e os seus valedores políticos.

A ese respecto destacaron que a ILP logrou espertar a reflexión e o debate sobre a expansión descontrolada do eucalipto en eidos como algúns concellos, entidades produtivas, de investigación, etc. nos que semellaba estar sacralizado. “Conseguiu remexer conciencias de aquí e de acolá, chegando a situar a problemática forestal galega nas axendas políticas locais, do estado e da UE”.

Mais, ao seu entender, tamén obrigou, de paso á Xunta “a mirar de fronte cara a unha problemática ambiental, social, cultural, e mesmo económica, que até o de agora facía que non vía: de súpeto, o goberno de Núñez Feijoo lembrou que había unha lei de montes e unha lei galega de prevención de incendios que tiña que cumprir e facer cumprir”, aseguraron.

Coas máximas de defender o bosque galego, frear a expansión do eucalipto, favorecer un monte diverso e multifuncional e loitar contra os incendios forestais, esta ILP chega ao Parlamento para reclamar ao Partido Popular e ás forzas da oposición “que devolvan a dignidade ao rural, e procuren un futuro sustentábel para os montes e os bosques de Galiza. Agardemos que por terceira vez, non lle volvan a dar as costas”.

 

Volver