Entregan máis de 500 sinaturas no SERGAS contra o recorte de horario da matrona de A Baña

Demandan que se manteña o servizo tal e como estaba até o de agora
Compostela - 10 Feb 2020

Dúas veciñas de A Baña, en representación das mulleres do concello, acompañadas por representantes de CIG-Saúde Compostela, fixeron entrega esta mañá, no rexistro do SERGAS, das máis de 500 sinaturas dirixidas ao conselleiro de Sanidade, a Xerente da Área sanitaria, a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, a Dirección de Recursos Humanos do SERGAS e á Xefa de Servizo de Negreira-A Baña en demanda de que se manteña o horario da matrona.

Algo semellante ocorre na Baña, onde un cento de persoas se concentraron o pasado sábado diante do centro de saúde, convocadas pola CIG-Saúde, para protestar polo novo horario asistencial que se lle impón desde a Xerencia de Santiago, á matrona. Concentración que se repetirá o vindeiro sábado de 10:00 a 12:30 horas.

A matrona de A Baña viña desenvolvendo unha xornada de 4 horas (mínimo de 10:00-14:00 hs), pero co novo horario impostos desde a Xerencia pasa a ter de 10:00 a 12:30 de tempo presenza e o resto do treito horario de 8:00-10:00 e de 12:30-15:00 horas ten que estar localizable no concello.

As veciñas do concello salientan o labor desenvolvido pola matrona. Lembran que en A Baña contaban cun servizo integral de atención á muller, educación na sexualidade e anticoncepción. Tamén con atención en todo o referido ao embarazo (preparto, probas, postparto, fomento da lactación…), información á adolescencia, citoloxías, patoloxías mamarias, dolos perinatais, infeccións vaxinais, menopausia e atención ás persoas maiores.

Pregúntanse se agora, tras o cambio, seguirán contando co servizo de preparto e potparto; se poderán seguir acudindo cos bebés aos talleres de lactación e se verán aclaradas as súas dúbidas, como até o de agora. Pregúntanse ademais se seguirán mantendo todos os servizos ao recortarse o horario de atención.

Por iso a CIG-Saúde de Compostela fala “dun caso máis de desmantelamento da medicina rural e dos equipos que a forman”, e neste caso, “dun incumprimento da carteira de servizos que oferta a propia xerencia de xestión”.

Por iso demandan da Xerencia que expliquen como incorren en gasto, xa que até o de agora ese centro non prestaba asistencia sanitaria o sábado, porque se facía garda no concello limítrofe de Negreira. Ademais agora, ante a denuncia de CIG-Saúde a xerencia tivo que contratar un traballador, xa que o sábado anterior tivera que estar soa no centro, “o que é  a todas luces unha ilegalidade”, afirman.

A matrona conta co apoio das mulleres dos concellos de A Baña e de Negreira que nos dous últimos sábados se concentraron diante do centro de saúde e recolleron as sinaturas de apoio  que hoxe presentaron en demanda de que o SERGAS manteña o servizo da matrona tal e como se viña desenvolvendo até o de agora.