Estado español: As mutuas patronais e a súa perigosa ignorancia

Iñaki Moreno Suescun - 04 Mar 2022

O sistema mutual, de natureza empresarial, é xuíz e parte na atención aos danos derivados das condicións de emprego e traballo, xestiona competencias públicas como froito das políticas de desleixo da Seguridade Social e constitúe un dos cabalos de Troia da sanidade privada contra o sistema público de saúde

 Este texto vaise referir ás Mutuas colaboradoras coa Seguridade Social (MCSS) definidas na Lei Xeral da Seguridade Social RD 8/2015 como asociacións privadas de empresarios, sen ánimo de lucro, que colaboran na xestión da Seguridade Social (SS). En canto á cobertura da SS refírese basicamente á atención sanitaria e prestacións económicas asociadas aos danos na saúde, non a prestacións como xubilación, desemprego ou outras propias da súa acción protectora.

 As actuais mutuas de accidentes de traballo xorden coa industrialización no século XIX, como entidades de aseguramento para atender necesidades económicas dos traballadores mancados, incapacitados ou enfermos e as das súas familias.

 Ante o xurdimento de mutuas de carácter sindical o empresariado reacciona creando as súas propias mutuas para contrarrestar o poder de atracción daquelas ligadas á afiliación sindical. Entón as mutuas empresariais limitaban o acceso ao dereito ás indemnizacións en numerosos supostos entre os que se incluían cando a lesión fose froito da conduta errónea do traballador ou da actuación dalgún compañeiro de traballo. Mesmo podía esixirse ao traballador asinar a renuncia ás prestacións do seguro á hora de formalizar o contrato, entendendo que este coñecía o risco asociado ao traballo a realizar. Estes contratos foron coñecidos como “o dereito a morrer” ou como “contratos de morte”[1]. Os numerosos litixios para o cobro das prestacións fixeron ineficaces e caras estas aseguradoras[2].

 Co fin de laminar as organizacións obreiras Otto von Bismark, Chanceler de Prusia, como resposta ás fortes demandas do movemento socialista-marxista, ademais de reprimir e ilegalizar o partido socialdemócrata en 1878, aplicou algunha das súas esixencias. Entre elas en 1884 inicia o establecemento da SS de forma progresiva como aseguramento público obrigatorio para a poboación traballadora asalariada. Primeiramente, para atender medicamente lesións e enfermidades laborais e, posteriormente, para cubrir economicamente indemnizacións e pensións por invalidez e enfermidade non necesariamente laborais. Os traballadores cubertos pola Seguridade Social a cambio do dereito á prestación correspondente non podían demandar legalmente os seus empregadores. Esta ausencia de responsabilidade xurídica dos patróns polos danos constituíu unha das bases do sistema de SS nos seus inicios. Con máis ou menos dificultades nas décadas seguintes o modelo foi estendéndose por Europa. No EUA a implantación foi máis débil e tardía.

 Hoxe en día nalgúns países de Europa as prestacións de Seguridade Social realízanas mutualidades (Alemaña, Holanda, Bélxica), entidades independentes, sen ánimo de lucro, de carácter solidario, formadas por unha comunidade de individuos que comparten un patrimonio destinado a cubrir os riscos inherentes á vida laboral ou outros. No resto de países corresponde á Seguridade Social, e aos seus respectivos sistemas sanitarios públicos, xestionar e atender as prestacións económicas e sanitarias das e os traballadores. Con dúas excepcións. En Portugal o empresariado debe asegurar con compañías de seguro privadas a atención a enfermidades profesionais e no Estado español disponse de entidades empresariais, as mutuas, para atender sanitaria e economicamente os danos laborais e outras prestacións de SS.

 No Estado español o proceso asegurador comeza coa Lei (chamada Dato) de accidentes de traballo en 1900. Hai que esperar á Lei 193/1963 de Bases da SS e a Lei da SS de 1966 para o establecemento do seu carácter público e da uniformidade das súas prestacións ás múltiples entidades de seguro sectoriais[3].

 Posteriormente, en 1978, o Instituto Nacional de Previsión e Mutualidades Laborais pasa a constituír diversas unidades de xestión de cada tipo de prestación como o INSS, INSALUD, INE, INSERSO e Instituto Social da Mariña.

 Como dixemos xa, as MCSS (antes Mutuas Patronais e Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidade Profesional da Seguridade Social -MATEPSS-) son entidades privadas de empresarios, que teñen por finalidade principal o colaborar na xestión da Seguridade Social (Art. 80 LGSS). As cotas pagas ás mutuas son extraídas dos salarios das e os traballadores directamente ou da plusvalía froito do seu traballo, de aí a cota do traballador/a e a cota da empresa.

 Para non se confundir, diremos que no Estado español as mutualidades ou montepíos son sistemas residuais similares á seguridade social que dan cobertura a colectivos funcionariais como xustiza (Mujeju), educación (Muface), forzas armadas (Isfas), deputacións, concellos (Montepíos), etc. As persoas mutualistas concertan a asistencia sanitaria, sexa de orixe laboral ou non, con entidades privadas ou co sistema público de saúde. Son sistemas financiados por orzamentos públicos con prestacións no pasado algo máis amplas que as de Seguridade Social e que constitúen unha importante fonte de ingresos para a sanidade privada. Característica compartida coas MCSS.

Evolución das Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social

 Na década de 1960 na colaboración coa SS participaban en torno a 200 mutuas, na de 1990 mantíñanse activas pouco máis de 100 e hoxe froito da esixencia do seu fortalecemento por parte de SS non chegan a 20.

 As MCSS xestionaron 13.527 millóns da Seguridade Social no ano 2019. O colectivo protexido nese exercicio ascendeu a 18 millóns de traballadores dos cales o 83% son persoas asalariadas. Xestionan o 96,42% do total das cotas correspondentes a continxencias profesionais. A incapacidade temporal derivada de continxencia común é controlada polas mutuas no 80% das persoas asalariadas e practicamente no 100% do traballo autónomo[4].

            Cadro 1: Resumo de competencias actuais de Seguridade Social das mutuas

  • Xestión das prestacións económicas e asistencia sanitaria en accidentes de traballo e enfermidades profesionais.
  • Control da prestación económica por incapacidade temporal en continxencias comúns. Voluntaria para empresas.
  • Xestión da prestación económica por risco laboral non evitable durante o embarazo e lactación natural.
  • Xestión das prestacións económicas por cesamento na actividade das/os traballadores por conta propia.
  • Xestión da prestación por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave.
  • Aplicación dos plans anuais de actuacións preventivas da SS.

 Hai outras fórmulas de cobertura das continxencias profesionais como é aseguralas co propio Instituto Nacional da Seguridade Social ou que sexa a propia empresa quen o faga unha vez constituída en entidade colaboradora coa SS. No primeiro caso a asistencia sanitaria é prestada polo sistema público de saúde (SPS) e no segundo a empresa debe garantir esta atención sanitaria sexa con recursos privados ou públicos. Porén, estas modalidades de aseguramento son residuais (3,58% do total das cotas). As MCSS residualmente executan os plans anuais de actuación preventiva da SS aos que poden destinar ata o 07% das partidas dispoñíbeis para continxencias profesionais. (Páx. 58 memoria SS 2019).

 A partir de 1990 os sucesivos gobernos estatais foron cedendo competencias de Seguridade Social asignándoas a estas entidades empresariais orixinariamente xestoras soamente da cobertura das continxencias profesionais (Accidente de Traballo e Enfermidade Profesional). Así foron habilitadas primeiramente para controlar a baixa ou Incapacidade Temporal común (ITc). Ás MCSS posibilítaselles realizar propostas a alta médica a través de Inspección Médica do SPS e a posíbel realización de probas diagnósticas e tratamentos para adiantar a alta. Posteriormente, aprobouse equiparar as/os médicos de mutuas cos inspectores de seguridade social dotándoos da competencia de dar altas (Art 44 RD Lexislativo 6/2000), competencia en espera de desenvolvemento regulamentario. Acurtouse o prazo de resposta do sistema público ás propostas de alta das MCSS de 10 a 5 días, aumentouse a súa posibilidade de propoñer a alta desde o anterior día 16 da baixa ao primeiro día desta e prémiaselles financeiramente cantas máis propostas de alta fagan.

 Noutra orde asignóuselles a xestión da prestación económica ante risco laboral non evitábel en situación de embarazo e lactación natural, asignóuselles a competencia da xestión da prestación correspondente ao coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, e para rematar tamén aplican as actividades de prevención de riscos laborais dos plans preventivos anuais da SS.

 Case todas estas competencias, incluíronse nas leis de acompañamento dos Orzamentos Xerais do Estado anuais e nas de medidas fiscais administrativas e de orde social aprobadas na última semana de cada ano. O coincidir co debate dos orzamentos e en datas case vacacionais non semella inocente. Serviu para agochar o firme camiño de desmantelamento da SS e a aposta por crear un dobre sistema sanitario. Un para as e os traballadores ligado ao aseguramento (Tipo Bismark), de carácter centralista, con escasos dereitos dos seus usuarios e ao servizo das necesidades empresariais e outro xeral transferido ás Comunidades Autónomas e descapitalizado financiado cos impostos para o resto da poboación. O primeiro con medios económicos para posibilitar a máxima rendibilidade da man de obra, o segundo avanzando á beneficencia. Ambos a risco de privatización en canto á provisión dos seus servizos.

O exercicio das competencias

 A cobertura de prestacións polas MCSS (Cadro1) son unha caudalosa fonte de carga de traballo para as asesorías xurídico-laborais sexan privadas ou sindicais.

 Repásanse no cadro 2 os efectos asociados ao exercicio das competencias das mutuas e á falta de control das súas prácticas por parte da SS.

            Cadro 2: Competencias das mutuas e as súas “incidencias”

Prestacións

Prácticas e incidencias

Xestión económica:

 

- Son numerosos os procedementos abertos por fiscalía e tribunal de contas por mala praxe e por falta de seguimento da SS[5].

- Resultan escandalosos os soldos das/os directivos destas entidades. Dos 21 xerentes das mutuas en 2020, seis cobraron máis de 200.000 euros brutos e 12 son ‘cenmileuristas” pagos por fondos da SS[6].

- O 18-20% da atención sanitaria prestada polo sistema público asígnase a danos de orixe laboral e cuxo custo se detrae das mutuas para recaer nos SPS[7].

Dereitos sanitarios:

 

- Determinación do carácter laboral das lesións.

· Subdeclaración de accidentes de traballo e en especial de enfermidades profesionais.

· Uso de inxentes recursos (públicos) para avogados, peritos… en litixios contra as e os traballadores que reclaman a negativa da evidente orixe laboral de múltiples danos.

· Derivación de asistencia sanitaria desde MCSS a medios privados, non propios nin públicos.

- Gravidade das lesións.

· Infravaloración sistemática da gravidade dos danos.

- Asistencia sanitaria:

· Bioloxicista, non preventiva.

· Tratamentos de choque con posíbeis efectos secundarios.

· Reincorporación laboral temperá inadecuada.

· Desresponsabilización sanitaria de secuelas tras acelerar a alta.

- Ausencia de dereitos de familiares de accidentados atendidos sanitariamente:

- Información escasa e moitas veces nesgada sobre os procesos clínicos.

Participación no Control de ITc

 

- Ineficiencia do control exercido.

- Sistema perverso. A maior número de solicitudes de alta ao SPS, maiores ingresos ás Mutuas desde SS.

- Bloqueo do SPS por solicitudes de informes e altas das MCSS. En caso de non ser aceptadas as propostas, requiren informe motivado do SPS. Sen resposta procédese á alta.

- Só o 13% das altas que solicitan están xustificadas. A SS nada di respecto diso[8].

- Uso de medios privados na realización de probas diagnósticas e tratamentos a cargo dos fondos públicos (falta de capacidade de control dos establecido na norma por parte de SS).

- O empresariado aproveitando a pandemia covid-19 reivindica que a alta médica por continxencia común sexa realizada polas mutuas. A súa oportunidade de ouro para se achegar ao desexado acceso á historia clínica informatizada das e os traballadores[9].

Actuacións preventivas da SS

 

- Sen control, coñecido por parte de SS.

Xestión da prestación económica en risco para o embarazo e lactación natural

 

- Aplicación de criterios restritivos do dereito á prestación e alleos á evidencia científica en canto aos riscos laborais

 Cómpre dicir que a participación das MCSS no control da ITc responde ao discurso patronal de presunción da existencia dunha fraude xeneralizada e nunca demostrada na ITc por parte das/os traballadores e na desconfianza sobre o exercicio profesional do persoal facultativo do SPS desta actuación terapéutica. Probabelmente sería rendíbel estudar o custo/eficacia deste control da ITc no que poden participar simultaneamente médicos de atención primaria e da Inspección Médica con criterios clínicos, médicos do INSS e de mutuas con criterio de contención de gasto e ás veces médicos policía postos polas empresas. Orxiástico.

A aventura preventiva das mutuas

 Como non podía ser doutro xeito o sistema preventivo das mutuas no Estado español durante a ditadura, único existente, foi un rotundo fracaso histórico. Resultaba unha contradición en toda regra o asignar a estas organizacións empresariais a prevención de danos na saúde das e os traballadores. Danos derivados dunhas pésimas condicións de traballo nunha ditadura instaurada precisamente en favor dos intereses do empresariado, entre outras clases e estratos poderosos.

 Tras a aprobación do Regulamento de Servizos de Prevención (RD 37/97) habilitáronse, con fondos da Seguridade Social, Servizos de Prevención Alleos asociados ás Mutuas á vez que se abría da posibilidade de constitución de empresas preventivas mercantís. En pouco tempo, a presión destes negocios alleos a mutuas, en mans de aseguradoras e fondos de investimento, fixo ao goberno lexislar para obrigar o peche dos servizos xestados nas Mutuas. O proceso de venda dos servizos de prevención das Mutuas en gran medida estivo inzado de ilegalidades e enriquecemento dos xestores das mutuas e destes servizos de prevención[10]. Pura delincuencia e ausencia de control da Seguridade Social no proceso.

Algunhas reflexións finais

 Como aceptar que o sistema mantido con cotas achegadas polas e os traballadores sexa xestionado directamente pola clase propietaria e decisora dunhas condicións de emprego e traballo xeradora duns dos máis altos índices de sinistralidade laboral en Europa?[11].

 Resulta abraiante o silencio do movemento sindical e da esquerda política ante a entrega de competencias da SS a organizacións empresariais, e a evidencia de retorno a un modelo “bismarckiano” de sistema sanitario baseado en cotizacións que distingue entre continxencias profesionais e comúns fronte ao modelo “Beveridge” universal que atende o dano das e os traballadores desde o SPS sexa cal for a súa orixe, como prevía a Lei 14/1986 Xeral de Sanidade.

 O sistema mutual, de natureza empresarial, é xuíz e parte na atención aos danos derivados das condicións de emprego e traballo, xestiona competencias públicas como froito das políticas de desleixo da SS e constitúe un dos cabalos de Troia da sanidade privada contra o sistema público de saúde.

 A falta de dereitos das e os traballadores, as escandalosas irregularidades económicas de xestión das mutuas son a norma. Nos últimos anos máis do 25% das entidades foron sancionadas ou acusadas de prácticas corruptas (Prevención Integral 28/01/2021).

 Semella que as organizacións sindicais máis aló de atender caso a caso os efectos das prácticas mutuais, carecen de estratexia, de vontade ou de capacidade para entender e abordar este gran problema das e os traballadores, a desconsideración dos seus intereses de saúde. A esquerda política desclasada non parece que entenda o impropio do uso das cotizacións sociais froito do traballo contra os intereses de saúde da poboación traballadora.

 Tras este repaso un pregúntase se as mutuas son responsábeis das súas desfeitas ou sono os gobernos que xestionan a SS e non exerce as súas responsabilidades de control ou o que é tamén probábel que esa falta de control forma parte da estratexia neoliberal de desmantelamento de dereitos sociolaborais e de privatización do sistema público de saúde.

 Hai alternativas:

- Constitución das administracións públicas como empresas autoaseguradoras colaboradoras coa Seguridade Social. Con iso a asistencia sanitaria das continxencias profesionais de millóns de traballadores/as públicos e os correspondentes recursos financeiros das cotizacións á Seguridade Social pasarían aos SPS fortaleciéndoos.

- Integración dos recursos sanitarios das MCSS no sistema público de saúde conforme a disposición final terceira da Lei Xeral de Sanidade. Require nada máis (e nada menos) o acordo dos ministerios concernidos, Sanidade, Traballo e Seguridade Social, o cal fai improbábel a plasmación desta alternativa co PSOE no Goberno e máis improbábel aínda cun goberno do PP.

- Avances na coxestión das mutuas entre empresariado e traballadoras/es. É a proposta dos sindicatos estatais maioritarios. Ten o risco máis que evidentes de fortalecer a burocratización das organizacións sindicais maioritarias.

 Todas elas en calquera caso dependen dun debate e unha mobilización sociolaboral hoxe non existente.

_____________________________________________________________________________

Notas

[1] Guyton G.P. A brief history of workers’ compensation https://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC1888620/pdf/IowaOrthopJ-19-106.pdf

[2] Balat D. The employer-health insurance connection an 'accident of history'. 11/09/19. https://thehill.com/opinion/healthcare/469739-the-employer-health-insurance-connection-an-accident-of-history

[3] Martínez Mateo, CJ. Las mutuas colaboradoras con la Seguridad Social. Tese de Doutoramento. Granada 2017.

[4] Memoria económico-financiera y de gestión de las mutuas colaboradoras con la seguridad social ejercicio 2019. Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones. Dirección General de Ordenación de la Seguridad Social.

[5] https://www.boe.es/boe/dias/2017/07/25/pdfs/BOE-A-2017-8797.pdf

[6] https://www.sueldospublicos.com/texto-diario/mostrar/2872744/21-directivos-mutuas-seguros-2020-seis-cobraron-200000-euros-brutos-12-cienmileuristas

[7] https://blogs.publico.es/dominiopublico/3351/el-escandalo-de-las-mutuas-patronales/

[8] Memorias anuais da Sección de Inspección Médica do Instituto de Salud Pública y laboral de Navarra 2015 ao 2020 (ISPLN). http://www.navarra.es/NR/rdonlyres/75366057-0BD9-45A2-916F-61AC731CFA93/473338/Memoria2020.pdf

[9] “Correspondencia ministerial sobre bajas laborales”. Iritzia (Opinión): Diario Gara 18/01/2022.

[10] https://www.prevencionintegral.com/en/actualidad/noticias/2020/12/10/tribunal-cuentas-culpa-seguridad-social-por-no-vigilar-reventa-mutuas

[11] Prevención Integral. El dato del día: Mapa europeo de la siniestralidad laboral. https://www.prevencionintegral.com/actualidad/noticias/2021/11/10/dato-dia-mapa-europeo-siniestralidad-laboral

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 24 de febreiro de 2022]