Estado español: Derrogar a reforma laboral… ou algo máis?

Miquel Àngel Falguera -

O contrato social welfariano deuse por rematado.Trátase de recortar as conquistas sociais de civilidade democrática, de reverter negativamente as rendas, de eliminar controis internos e externos ao poder (tamén na empresa) e de articular un discurso social hexemónico no que o núcleo esencial da cidadanía xa non se basee no traballo, senón na “emprendoría”

A Exposición de Motivos da Lei 3/2012 -co precedente do Decreto-Lei homónimo- aducía unha dupla xustificación: acabar coa alta taxa de paro daquela existente e dotar as relacións laborais de mecanismos áxiles de flexibilidade. Máis de cinco anos despois da reforma laboral que puxo en marcha o anterior Goberno do PP converteuse nunha especie de mantra -en diversas instancias españolas e internacionais- a afirmación de que eses obxectivos se están cumprindo conforme a datos estatísticos macroeconómicos.

 Con todo, unha cousa é a “foto” estatística; outra, moi distinta, a realidade que vivimos cada día nos xulgados e tribunais. Ou a que vemos cada día como simples cidadáns. É o que ten o discurso simplemente economicista baseado en estatísticas: o retrato non é verídico, en tanto que se basea en cifras, non en persoas. A redución do paro susténtase hoxe en emprego de moi baixa calidade -contratación temporal desmesurada e unha ampla porcentaxe de traballo a tempo parcial-. E na práctica a suposta “maior flexibilidade” non é outra cousa que unha “precarización” das condicións de traballo, ao terse incrementado exponencialmente as competencias decisorias dos empregadores no marco do contrato de traballo. É recorrente hoxe a figura dos “pobres con traballo”, o que non é outra cousa que falar dun maior número de persoas que se atopan en moi difíciles situacións económicas, mentres que a riqueza duns poucos aumentou exponencialmente. A “mellora económica” beneficia os poderosos, non ao conxunto da cidadanía. Unha realidade certamente afastada do mandato constitucional aos poderes públicos para promover unha igualdade “real e efectiva”.

 De feito, malia o triunfalismo nas declaracións, semella obvio que o conglomerado de cambios normativos que deron lugar á reforma laboral de 2012/2013 se sustentaba nunha serie de alicerces ocultos, a saber: a) incrementar as competencias decisorias dos empresarios (dotándoos de maiores atribucións en aspectos como a mobilidade funcional ou a modificación substancial das condicións de traballo, eliminando a autorización administrativa nos despedimentos colectivos, etc.); b) unha reversión negativa de dereitos das persoas asalariadas (redución da indemnización por despedimento, o contrato indefinido de apoio aos emprendedores, menor control xudicial sobre as extincións, descenso das garantía do FOGASA, revisión á baixa do sistema de pensións, etc.); e c) unha disminución significativa dos mecanismos de control da empresa, internos e externos (cláusulas de inaplicación de convenio con arbitraxe forzosa, potenciación dos convenios de empresa, etc.). Eses eran, no fondo, os obxectivos buscados coa devandita reforma normativa.

 Aínda que ese panorama se basee en discursos aparentemente tecnocráticos, a realidade é outra: trátase de simples ideoloxía. Os teórico neoliberais están convencidos de que a desigualdade crea riqueza (o que non deixa de ser parcialmente certo: xéraa para os ricos) e que é o único camiño. Non é certo: polo menos no terreo das relacións laborais as experiencias doutros países -en especial, os septentrionais europeos- poñen en evidencia como é perfectamente posíbel combinar as tutelas das persoas asalariadas e pensionistas con estándares suficientes de igualdade que non afectan negativamente ao crecemento. Ao que caberá engadir un efecto adicional: son os sectores produtivos que menos valor engadido achegan en termos de recursos humanos e crecemento persoal os que precisan de precarización; pola contra, os modelos de industria e servizos máis especializados requiren man de obra máis cualificada e formada, o que redunda en beneficio das condicións contractuais. O tan reiterado “cambio do modelo produtivo” esixe previamente unha efectiva modificación do sistema de relacións laborais, así como unha maior formación profesional dos cidadáns.

 O mestre Josep Fontana dedicou as súas últimas obras (entre elas, o imprescindíbel Por el bien del Imperio ou a máis recente, El siglo de la revolución) a explicarnos o que está ocorrendo. A súa tese é simple e obvia: a fase do denominado Estado do Benestar -que, desde o punto do iuslaboralismo é tamén coincidente coa constitucionalización das grandes institucións da nosa disciplina- non obedecía a unha vontade graciábel dos poderosos, senón ao seu medo. Desta forma o gran pacto social de posguerras en Europa (que no Estado español tivo un trasunto tardío nos denominados Pactos da Moncloa) respondía ao temor das clases acomodadas á existencia en media Europa doutro modelo social e a constatación do cansazo do statu quo vixente polas clases asalariadas tras sacrificar dúas xeracións en senllas guerras mundiais. Pero a finais da década dos setenta e principios dos oitenta do pasado século a debacle do modelo soviético era xa constatábel, o que foi acompañado doutros fenómenos paralelos: a crecente hexemonía do denominado “capitalismo popular”, o cambio no modelo produtivo, a revolución tecnolóxica e a globalización produtiva e de servizos. No novo paradigma resultante os poderosos xa non tiñan -xa non teñen- medo; por iso é polo que empezarían a reclamar a devolución, cos correspondentes xuros, do anaco do pastel que no seu día os seus temores fixeron que soltasen. Noutras palabras: o contrato social welfariano deuse por rematado.Trátase de recortar as conquistas sociais de civilidade democrática, de reverter negativamente as rendas, de eliminar controis internos e externos ao poder (tamén na empresa) e de articular un discurso social hexemónico no que o núcleo esencial da cidadanía xa non se basee no traballo, senón na “emprendoría”.

 Se se parte desa constatación, a reforma laboral do 2012/2013 encontra unha plena lóxica explicativa: o “emprego” e a “flexibilidade”  non son máis que simples pantallas das intencións ideolóxicas reais subxacentes. A crise económica recente converteuse na gran escusa para avanzar por ese camiño. E o medo cambiou de bando.

 Nesa tesitura non deixa de ser abraiante o discurso dos distintos colectivos que se opoñen a esa reversión democrática. En ocasións tense a impresión de que aquilo que se reclama non é outra cousa que o cumprimento polos poderosos do contrato social do que xurdiu o Estado do Benestar, obviando que as circunstancias cambiaron. Pero de nada serve invocar o principio “pacta sunt servanda”, cando a contraparte aplicou unilateralmente o de “rebus sic stantibus” e non hai tribunal con xurisdicción para compoñer o conflito de intereses.

 Os vellos tempos non van volver. Guste ou non, o pasado é pasado: é inútil teimar en reivindicalo. Por iso non entendo que, ante a situación actual do mercado de traballo, o discurso da esquerda política, social e os sindicatos se centre esencialmente en reclamar a derrogación da última reforma laboral, sen grandes matizacións. Trátase de volver ao modelo previo despois da reforma do último Goberno Zapatero, que non foi máis que un precedente do vixente marco normativo? Ou senón, seguimos retrocedendo no tempo até o Estatuto dos Traballadores de 1980?...

 A solución é outra: empezar a construír un discurso alternativo en clave democrática, igualitaria e fraternal para ir xerando hexemonía no discurso social. E iso require ineludibelmente articular un novo desideratum de relacións laborais e de protección social. Xa que logo, deseñar un modelo de contrato de traballo menos descompensado que o actual (e que o previo a este), un sistema máis democrático de relacións laborais con novos mecanismos de control interno e externo da empresa, de que se produce e como se produce (resituar o debate sobre o poder na empresa), a adaptación da nosa disciplina ao cambio de modelo superando a visión unidireccional da flexibilidade contractual para pasar a outra bidireccional e regulando a flexibilidade na produción (externalización, empresas multiservizos, ubereconomía, etc.), na organización da empresa (grupos de empresa, empresas-rede, etc.) e nos medios de produción informáticos (o seu uso no traballo, os seus efectos sobre o dereito de folga, etc.), así como de dar unha nova resposta aos distintos estados de necesidade que a nosa sociedade xera (superando, por que non, o modelo de Seguridade Social esencialmente profesional).

 Só un discurso alternativo e posíbel pode xerar o medo dos poderosos necesario para deter a actual degradación das tutelas democráticas. Por iso, a simple esixencia de derrogación da reforma laboral non é máis nada que poñer panos quentes sobre unha ferida infectada: é inútil, sen alternativas, para parar novos embates na degradación da igualdade e a reversión de rendas e de poder.

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 2 de marzo de 2017]

 

Volver