Estado español: Factor de sostibilidade e sistema de pensións

Jesus Maria Soubies Garate - 22 Nov 2019

Calquera sistema de pensións, xeneralizado e aplicado cunhas regras e normas para todos e todas non deixaría de ser algo similar ao que xa temos, pero constituiría unha chafallada de sistema de repartición, controlado por un sistema financeiro que non foi elixido por ninguén

 O 7 de xuño de 2013 o Goberno do Partido Popular publicou un informe elaborado por un comité de expertos sobre o «factor de sostibilidade (FS) do sistema público de pensións». Abonda con lelo unha vez para se decatar de que o que se pretendía era deixar de soster o sistema público de pensións nun 30-40% ao longo de 25-30 anos. Os expertos non estaban cómodos, transmiten preocupación e, aínda que mencionan que tamén cabe elixir outras alternativas distintas, optan pola redución paulatina da pensión media (se cadra, esa era a premisa). Unha e outra vez (mesmo unha ducia de veces) cóidanse de anotar que a decisión a adoptar compete á sociedade e ás súas canles democráticas: «sen substituír a soberanía popular». Chama a atención que en mes e medio redactasen o informe. Houbo dous votos particulares que foron interesantes, necesarios e ademais premonitorios: previron o conflito social [...].

 O Factor de Equidade Interxeracional o que produce é un aumento enorme da desigualdade entre xeracións e o Factor de Revalorización Anual é para reducir as pensións. Os discrepantes sinálano claro: onde están as simulacións de como quedarán no futuro as pensións. Pero nós si: actualmente, a pensión mediana está en 750 euros e a media é de 994 euros. De se aplicar o FS, dentro de 25 anos o 75% das pensións cobraría unha paga equivalente ao poder adquisitivo que agora teñen eses 750 euros e só o 8% de pensións serían de 1.500 euros ou máis. A pensión mediana baixaría a 508 euros e a media a 698 euros.

 O éxito do factor de sostibilidade pende de tres soportes, aínda que o informe mencione só dous. O terceiro é o Factor de Rendibilidade dos Plans Privados. Deste factor, do que estes expertos si deben entender, non din nada, nin táboas nin simulacións. En troca, as táboas vinculadas á esperanza de vida anótanse con 4 decimais. Só se fai unha mención económica para que os futuros xubilados asuman a diminución das súas pensións: «que se poderían complementar con ingresos procedentes do seu aforro privado». Un experto en economía é o primeiro en saber que un salario de 900 euros non dá para plans privados e un de 1.200 euros tampouco.

 Pero detallemos o absurdo e impracticábel deste sistema. A nómina de pensións en 2018 equivale ao 10,5-11% do PIB e en 2045 pode supoñer o 14,5-15%, pero preténdese que siga no 11%. Se toda a poboación cotizante achegase o 6% a EPSV ou plans de emprego, en 21 anos acumularía un capital equivalente a dúas veces as rendas salariais (RS). Aos 33 anos isto cuadriplicaría. E aí está a súa incongruencia e a súa imposibilidade: para que aos 35 anos eses plans xeren un complemento de pensión dun 20% do salario último, teñen que render un 3% anual por riba do IPC. Isto é, os fondos teñen que xerar a partir do 20º ano o equivalente ao 4% do PIB, pero a partir do 33º ano o 8% e aos 38 anos o 10% do PIB.

 Como será isto posíbel? Se «din» que un aumento por etapas en cotizacións de 4 puntos do PIB ao longo de 25 anos é excesivo para a actividade produtiva, como é posíbel que os rendementos financeiros poidan alcanzar 4, 8 e 10 puntos do PIB para que sexan rendíbeis os fondos? Eses rendementos tamén terán que saír da actividade produtiva e económica. Para quen? e para os asalariados! Non se está disposto a ceder 4 euros en cotización, pero aos asalariados prométeselles 10, a condición de que estes poñan 100 ao mes durante 35 anos.

 Cal será o reflexo de todo isto no PIB? A parte empresarial do Excedente Bruto de Explotación baixará 10 puntos a favor das rendas dos fondos de pensións, manténdose as Rendas Salariais nas súas porcentaxes actuais? Ou unha vez máis, as RR.SS. verán reducida a súa en 10 puntos do PIB? Se os empresarios non aceptan 4 puntos máis de cotización a custa do VAB, como van aceptar 10 puntos a custa dos seus beneficios? Son solucións-promesa dalgúns responsábeis políticos; o que é economistas ou banqueiros non o fan. Os expertos do informe tampouco.

 Non nos enganemos, calquera sistema de pensións, xeneralizado e aplicado cunhas regras e normas para todos e todas (exemplo EPSV) non deixaría de ser algo similar ao que xa temos, pero constituiría unha chafallada de sistema de repartición, controlado por un sistema financeiro que non foi elixido por ninguén.

 Economicamente falando, pretender xeneralizar esta fórmula a todo o Estado e a toda Europa é un absurdo e un desatino. Saben tan ben como nós que son imposíbeis. A Banca ofrecendo un 4% anual de rendibilidade ás achegas de 250 millóns de traballadores e traballadoras europeas durante 35-40 anos e a 120 millóns de pensionistas europeos durante outros 20 anos mentres cobran prestacións? Iso é o que pretenden controlar os financeiros, e ademais sen oficina algunha, todo dixital: unha especie de «Amazon» pero sen paquetería. O incremento de pensionistas que se producirá nas próximas décadas aquí e en todo o mundo indica que a solución terá que pasar por unha reformulación do actual sistema económico e produtivo e, ademais, terá que ser unha solución colectiva e global, consensuada socialmente, democrática e xusta.

 O factor de sostiibilidade fracasou. Os dous factores caeron grazas ao movemento pensionista e á negativa obreira a subscribir plans privados. Do fracaso do terceiro encárganse os propios financeiros, pois seguen coa cega cobiza de sempre, o seu lema é: «euro vexo, euro quero».

 O sistema financeiro insiste en identificar a actividade económica coas súas «contas e balances», e a economía non é iso, a economía somos todos e todas, non un grupello de «xogadores de bolsa». Están a piques de afirmar que unha caída da esperanza de vida sería unha boa noticia para a Bolsa. Estes mesmos pretenden un debate de pensións en termos «monetarizados».

 Non imos permitir que acaben co Sistema Público de Pensións nin o Dereito do Traballo. O traballo realizado devindica un salario digno e xusto. Cando o traballo foi de suficientes anos, tamén devindica unha pensión digna e xusta. E por aí non vos imos deixar pasar. Isto non é negociábel. Queremos unha economía ao servizo da sociedade e da vida, non a vida ao servizo da contabilidade bancaria.

 

[Artigo tirado do xornal vasco Gara, do 20 de novembro de 2019]