Estado español: O Fondo de Reserva e as pensións

Mikel de la Fuente -

Como produto dos recortes provocados polos recortes e pola deterioración do mercado laboral expresado en caída salarial e desemprego, por primeira vez nos últimos decenios, desde xaneiro de 2016 as novas pensións de xubilación son moi próximas e mesmo, nalgún mes, inferiores ás do ano anterior. É moi previsíbel que esa tendencia se manteña no próximo futuro

A aprobación polo Consello de Ministros dun crédito de 10.192 millóns para facer fronte ás pagas extraordinarias de pensións en 2017, cando aínda o Fondo de Reserva da Seguridade Social tiña recursos suficientes para facer fronte á paga de xuño, tivo o obxectivo evidente de evitar, por razóns de imaxe, aparecer como responsábel do esgotamento dese Fondo. Porén, a utilización desta vía de financiamento mediante crédito parece pouco sostíbel no tempo. Por unha banda, porque non é un instrumento de financiamento contemplado na lei e, por outra banda e sobre todo, porque moi probabelmente a Comisión Europea non aceptaría esa política. Ademais, eses empréstitos teríaos que devolver a Seguridade Social ao Tesouro Público, asunto complicado cando está previsto o mantemento dos déficits da Seguridade Social. Neste artigo, tras indicar a evolución do Fondo de Reserva, imos tratar de explicar as orixes dos déficits do sistema que deron lugar ao esgotamento do Fondo de Reserva e as alternativas que se abren.

 Até o ano 2010 incluído, o sistema de Seguridade Social mantiña superávits, aínda que a partir do 2008 se viñeron reducindo a un ritmo moi rápido e, a partir do 2012, a entrada en déficits deu lugar a que para facer fronte ao pagamento de pensións o goberno acordase disposicións do Fondo de Reserva por un importe global de 69.915 millóns de euros entre o 2012 e xuño de 2017. A esa cifra hai que engadir a utilización no mesmo período dunha cantidade próxima a oito mil millóns do Fondo das Mutuas de Accidentes de Traballo e de Enfermidades Profesionais.

 As razóns dos déficits da Seguridade Social foron varias. Por unha banda, a redución do emprego e a caída salarial. Aínda que durante a crise unha parte do emprego formal perdido se refuxiou na economía subterránea, as taxas de ocupación da poboación de idades comprendidas entre 16 e 64 anos caeron (salvo a excepción do colectivo de mulleres de 55-64 anos).

 Como os salarios son a base das cotizacións sociais, a redución da masa salarial no conxunto da economía dá lugar a unha redución das cotizacións sociais. Pois ben, os salarios caeron drasticamente desde o inicio da crise 1/. Esta redución do peso dos salarios “pon de manifesto a capacidade dos beneficios e as rendas de capital de apropiarse dunha parte crecente da riqueza xerada” 2/ . Como se advertiu por Luengo, para apreciar o estancamento salarial hai que ter en conta que os primeiros traballadores que perderon o seu emprego foron en boa medida os que tiñan contratos temporais que non se renovaron e que son tamén os que, de media, tiñan salarios máis reducidos. Por esta razón, os aumentos da remuneración media, mínima ou inexistente, non significan unha progresión dos salarios dos traballadores que mantiveron o seu posto de traballo.

 O importante aumento do traballo a tempo parcial contribuíu a profundar a caída salarial xa que unha parte importante da deflación salarial se debe ao aumento da proporción deste tipo de traballo, na súa maioría é involuntario; é dicir, que se realiza por non poder acceder a un traballo a tempo completo. O tempo parcial ten unha duración inferior á doutros países europeos. Un informe do Banco de España indica que o cómputo do subemprego do traballo a tempo parcial involuntario faría aumentar ao 30 % o desemprego. A iso únese unha retribución horaria inferior (8 euros fronte aos 11 de media dos asalariados a tempo completo), o que dá lugar a que a retribución bruta do traballador a tempo parcial sexa inferior á metade da do traballador a tempo completo 3/.

 Á inferior recadación contribuíu os agasallos do goberno aos empresarios baixo forma de tarifas planas e redución das cotizacións co pretexto de fomento do emprego, malia que repetidos estudos mostran que a súa eficacia é practicamente nula para a creación de emprego e que o seu efecto é unha selección no emprego dos colectivos obxecto das medidas. Tamén se reduciron as achegas que realiza o SEPE á Seguridade Social polas persoas desempregadas mentres cobran a prestación. Esa menor recadación ascende a cifras comprendidas entre tres mil e catro mil millóns de euros anuais, e nos últimos anos non son compensadas polo goberno mediante transferencias aos orzamentos da Seguridade Social.

 Tamén contribúe á redución dos ingresos a fraude á Seguridade Social, a través do incumprimento das obrigas empresariais coa Seguridade Social de dar de alta e cotizar aos seus traballadores e traballadoras, así como mediante a fixación nas cotizacións de cantidades inferiores ás percibidas ou que non integran a xornada efectivamente traballada. Un caso de infra-cotización “indirecta” é o dos chamados falsos autónomos, é dicir, daquelas e aqueles traballadores que, en número crecente, se ven obrigados para manter unha vinculación cunha empresa a darse de alta como autónomos, o que normalmente vai acompañado por cotizacións pola base mínima, inferiores á retribución realmente percibida pola empresa e pola que se debería cotizar como asalariado. A “uberización” está contribuíndo á ampliación destas prácticas.

 A magnitude da perda de ingresos pola vulneración dos límites sobre horas extraordinarias pódese apreciar polo dato de que no ano 2013 alcanzaría a cifra de 2 482 millóns de euros, á que habería que engadir o pagamento que se debería evitar en prestacións de desemprego de 1.627 millóns de euros (ademais da perda na recadación polo IRPF) 4/. Nos sectores produtivos de hostalaría e comercio, nos que tivo lugar unha maior creación de emprego en 2015 e 2016, producíronse decrecementos salariais 5/. Estes sectores produtivos experimentan taxas moi elevadas de contratación temporal e a tempo parcial e unha elevada proporción de horas extraordinarias non declaradas. Segundo un estudo de Comisións Obreiras conforme os datos da Enquisa de Poboación Activa 6/, durante a actual crise creceu o número de horas extraordinarias realizadas pero non pagas até alcanzar unha porcentaxe do 56 % das 6,3 millóns de horas extra traballadas semanalmente. As horas extra non pagas concéntranse no sector servizos, no que alcanzan o 80 %.

 Esas prácticas están relacionadas coa economía subterránea, de especial importancia no Estado español, onde alcanza cifras próximas ou mesmo superiores ao 20 % do PIB. Segundo un estudo sobre a fraude fiscal e a economía subterránea na Comunidade Autónoma do País Vasco (CAPV), a perda de recadación por cotizacións sociais ascendería durante o período 2011-2014, como mínimo (aspecto que se subliña no estudo), á cantidade media de 1.415,22 millóns de euros anuais, equivalente ao 37 % da perda total de recursos 7/. Segundo outros estudos que se recollen no xa citado, a economía subterránea representa no Estado español entre 5,7 e 5,5 puntos porcentuais por riba da correspondente á CAPV, polo que tendo en conta a proporción entre o PIB da CAPV e o do Estado, a falta de recadación de cotizacións sociais ascendería no Estado español a unha cifra mínima de 22.676 millóns de euros. Se a economía subterránea se situase nos niveis de países europeos como Francia ou Alemaña, o aumento sobre a recadación das cotizacións sociais sería substancial. A importancia conxunta dos aspectos citados deu lugar a unha importante redución dos ingresos durante os anos da actual crise e a un crecemento moi débil cando tivo lugar un aumento do emprego a partir do 2014.

 Tamén o aumento dos gastos contribuíu aos déficits. En efecto, aínda que os recortes de 2011 e 2013 o desaceleraron, o custo das pensións, aínda que a un ritmo moi inferior que ao do pasado pre-crise (o 3 % anual fronte ao 8 %), segue aumentando, por tres razóns principais. Primeiro porque o efecto dos recortes (de ampliación do período de cálculo, de aumento da idade de xubilación, etc.) é paulatino e os seus efectos principais son a medio e longo prazo. En segundo lugar, porque as novas pensións son, de media, un 30% máis elevadas que as que causan baixa, debido ao aumento dos salarios, algo máis elevado que a inflación, en últimos decenios e polo acceso ás pensións con períodos máis amplos de cotización. E para rematar, polo aumento no número de pensionistas.

Perspectivas inmediatas nas pensións...

 Como produto dos recortes provocados polos recortes e pola deterioración do mercado laboral expresado en caída salarial e desemprego, por primeira vez nos últimos decenios, desde xaneiro de 2016 as novas pensións de xubilación son moi próximas e mesmo, nalgún mes, inferiores ás do ano anterior. É moi previsíbel que esa tendencia se manteña no próximo futuro e que mesmo se acentúe pola repercusión cada vez maior das medidas legais xa aprobadas.

 O aumento do emprego está dando lugar a un aumento da recadación, aínda que limitada pola contención salarial e o tempo parcial e con iso a unha redución dos déficits financeiros, pero non é previsíbel a súa desaparición nos próximos anos, o que moi previsibelmente dará lugar a tentativas de novos recortes, entre eles a eliminación das pagas extraordinarias. Para evitar os déficits que “xustifican” esas propostas sería necesario implantar unha política de pleno emprego mediante a redución do tempo de traballo e unha recuperación dos salarios que lles devolva o que perderon a favor dos beneficios no reparto do producido nos últimos decenios.

 Para que a recuperación salarial permita a equiparación entre homes e mulleres nas pensións (na actualidade inferiores nun 38 %), requírese, entre outras condicións, que se poña fin á fenda salarial e un reparto das tarefas de coidado que facilite o achegamento da duración da actividade profesional entrambos os sexos. Até o momento, a fenda estase reducindo de forma moi lenta e é moito máis elevada que a diferenza salarial, malia que esta é tamén moi alta.

... e a longo prazo

 No Estado español, o gasto público en pensións é do 11,8 % (2014), máis dun punto inferior á UE de 15. O impacto dos recortes en curso é de tal magnitude a longo prazo, que sen necesidade de novos recortes, segundo o Ageing Report 2015 da Comisión Europea, o gasto público en pensións pasaría do 11,8 % ao 11 % no ano 2060. Esa caída é moi superior ao 0,2 % de media da Unión Europea e é o resultado das reformas de 2011 (aumento da idade de xubilación) e de 2013 (revalorización e “factor de equidade”).

 Como o número de pensionistas vai aumentar de forma importante como resultado do aumento da esperanza media de vida, esa contención no gasto de pensións só é posíbel se ten lugar unha redución das pensións en comparación cos salarios medios, que se mide a través da chamada taxa de reemprazo, é dicir, da relación entre pensións medias e salarios medios, que é recoñecida pola Comisión Europea: segundo o Ageing Report 2015 a taxa de reemprazo das pensións vai caer no Estado español 30,4 puntos entre 2013 e 2060, desde o 79,0 % até o 48,6 %. Así pois, as medidas citadas de aumento do emprego e os salarios non serán suficientes para manter e, menos aínda, para mellorar as pensións máis baixas.

 Ante esta situación hai dúas alternativas. Unha delas, defendida polos think thanks e os servizos de estudos das institucións financeiras, preconiza que coa fin de estabilizar o gasto en pensións ou mesmo reducilo, o sistema público debe manter pensións mínimas e, máis aló delas, débense introducir os esquemas das pensións privadas no sistema público de reparto, por exemplo mediante o método chamado de “contas nocionais”, conforme ao cal cada persoa traballadora cotizante ten aberta unha conta na que constan os fondos acumulados, aplicándose aos saldos anuais un índice en función do crecemento económico, da evolución demográfica ou outros criterios. Tamén propoñen flexibilizar ao máximo a idade de xubilación e a súa compatibilización co salario, o que daría lugar a unha prolongación do traballo para asegurar unha pensión decente e sería un obstáculo frontal para o emprego dos mozos.

 A segunda alternativa é aumentar o gasto en pensións mediante cotizacións sociais ou mediante impostos 8/. As organizacións patronais alegan, como motivo para reducir as cotizacións dos empregadores e aumentar a das persoas protexidas e/ou desprazar unha parte do financiamento á imposición indirecta, que a cotización empresarial é demasiado elevada no Estado español e que a achega das persoas protexidas é moi baixa. É certo que a participación das cotizacións dos empregadores no conxunto dos ingresos da protección social é máis elevada no Estado español que na UE e que a das persoas protexidas, é dicir, das persoas traballadoras ou autónomas, é baixa. En relación con isto último, hai que sinalar que aumentar esa achega reduciría os salarios, que son notabelmente inferiores á media da UE.

 Por outra banda, o cálculo das cotizacións conforme a salarios dá lugar a que, segundo Eurostat, a porcentaxe das cotizacións empresariais sobre o PIB é máis baixa no Estado español que na UE e o custo laboral total segue sendo inferior á media da UE: no 2015 o custo laboral por hora traballada era de 25 euros de media na UE-28 (e de 29,5 euros na zona euro)-, mentres que o correspondente ao Estado español era de 21,2 euros. En definitiva hai marxe suficiente para, sen saír dos moi discutíbeis esquemas de competitividade baseada en salarios, aumentar as cotizacións empresariais co fin de mellorar as pensións públicas mediante a derrogación das medidas de recorte dos últimos anos. O esgotamento do Fondo de Reserva non pode ser un pretexto para mantelos e menos aínda para implantar novos recortes.

_________________________________________________________________________

1/ Véxase o detalle en Garí, M., “27J. El mísero legado de Rajoy”, 22-6-2016. Dispoñíbel en https://www.vientosur.info/spip.php?article11407

2/ Luengo, F., “Política salarial en tiempos de crisis en la economía española”. Dispoñíbel en https://fernandoluengo.files.wordpress.com/2016/05/5-ajustes-salariales-en-tiempos-de-crisis-pdf.pdf, 2016, 2.

Goerlich Gisbert, F.J., Distribución de la renta, crisis económica y políticas redistributivas, Fundación BBVA, Bilbao, 2016, 69.

4/ CCOO: Informe sobre horas extra ilegales, 2014.

5/ INE, “Índice de Coste Laboral Armonizado (ICLA). Base 2012. Primeiro trimestre 2016. Datos provisionales”,8-6-2016.

6/ Zarapuz Puertas, L., Las horas extraordinarias según la EPA, Gabinete Económico Confederal de Comisiones Obreras, marzo 2016.

7/ > Zubiri, I., Fernández-Macho, J. e Gallastegui, M.C., Economía sumergida y fraude fiscal en la C.A. de Euskadi, Instituto de Economía Pública UPV/EHU, 6-6-2016, 54-58.

8/ Sobre as alternativas de financiamento das pensións remítome ao meu artigo “Realidad y futuro de las pensiones públicas”. Dispoñíbel en http://vientosur.info/spip.php?article11535

_________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 7 de xullo de 2017]

 

Volver