Estimado o recurso da CIG contra os pregos da limpeza dos centros de saúde de Ferrol

O órgano de contratación da área sanitaria terá que recalcular o orzamento xa que non tivo en conta os custes salariais actualizados
Ferrol - 14 Xan 2026

O Tribunal administrativo de contratación pública da comunidade de Galiza estimou o recurso presentado pola CIG contra os pregos AB-ASF1-26-004 do servizo de limpeza dos centros de saúde e puntos de atención continuada dependentes da área sanitaria de Ferrol.

O propio órgano de contratación da ASF, explica Marcos del Río, da CIG-Servizos de Ferrol, considerou no seu informe ao recurso os argumentos alegados pola central nacionalista “recoñecendo eivas nos cálculos económicos da licitación, mostrando a súa pretensión de anular o orzamento e o valor estimado da contratación”.

Valora como unha “boa nova” a obrigatoriedade que ten o órgano de contratación da área sanitaria de recalcular o orzamento, xa que constitúe o primeiro paso para mellorar as precarias condicións laborais que están a padecer todas as traballadoras do servizo de limpeza.

Del Río critica o desleixo deste órgano á hora de elaborar os pregos e o total menosprezo polas condicións nas que o persoal ten que prestar o servizo de limpeza, fundamental para o correcto funcionamento dos centros sanitarios. “A irresponsabilidade na elaboración dos pregos chega até o punto de que a representación sindical ten que estar vixilante até no estudo económico dos custes salariais”, subliña.

Hai que lembrar que a CIG presentou este recurso especial porque nos pregos non se tiveron en conta os salarios actualizados do sector nin o incremento destes nos anos de duración do contrato. Neste senso, rexeita que o único obxectivo que se busque en cada licitación sexa “reducir custes, sen importar en absoluto a calidade do servizo e moito menos as condicións laborais”.