Eukal Herria: cara á folga xeral do 30 de xaneiro

Jon Las Heras e Lluís Rodríguez Algans - 29 Xan 2020

As reivindicacións teñen como obxectivo configurar un marco vasco de relacións laborais e de protección social máis garantista, dado que é neste territorio onde os movementos reivindicativos nacen e ao cal buscan establecer unha serie de políticas transformadoras concretas

 A Carta de Dereitos Sociais de Euskal Herria convoca o próximo 30 de xaneiro folga xeral nas comunidades autónomas do País Vasco e Navarra baixo o lema “Pensións, salarios e vida digna”. A plataforma agrupa os sindicatos ELA, LAB, ESK, Steilas, EHNE, Etxalde e Hiru, así como movementos sociais impulsados por organizacións xuvenís, feministas, ecoloxistas ou de pensionistas. A esta folga tamén se adhire o sindicato CNT. Todas estas organizacións sindicais e movementos sociais agrupan e representan a polo menos 200.000 militantes en Euskal Herria.

 A convocatoria de folga anunciouse o pasado 23 de outubro de 2019, é dicir, moito antes que estivese conformado ningún goberno no estado, nin sequera celebradas as últimas eleccións. Polo tanto, a folga debe entenderse en clave ofensiva, pois vai máis aló das dinámicas das anteriores folgas xerais no Estado que só buscaban aplacar reformas neoliberais. Esta vez, a teimosía do movemento de pensionistas foi o motor da maioría sindical e militancia social vasca, unindo as diferentes reivindicacións baixo un marco común determinado: impulsar un cambio de política económica para a redistribución de renda e riqueza, así como unha defensa firme da igualdade de xénero e sostibilidade das condicións de traballo e vida. Quizais sexa o feito de que esta folga non agarda a que os gobernos do momento decidan cal é o rumbo que a nosa sociedade debe ser o que xerou maior crispación e rexeitamento entre certos actores sociais. Entender o programa e a súa transcendencia é necesario para disipar calquera dúbida respecto diso.

Que se defende coa folga xeral?

 As reivindicacións teñen como obxectivo configurar un marco vasco de relacións laborais e de protección social máis garantista, dado que é neste territorio onde os movementos reivindicativos nacen e ao cal buscan establecer unha serie de políticas transformadoras concretas.

 As reivindicacións principais no ámbito laboral céntranse en: (i) conseguir un salario mínimo de 1.200 euros mensuais; (ii) rebaixar a xornada laboral máxima ás 35 horas semanais e elevar a mínima a 20 horas en contratos parciais; (iii) garantir a subrogación no emprego subcontratado; (iv) reducir a precariedade a través de medidas reais contra a fenda salarial, a saúde laboral ou os contratos temporais; e (v) reformar o Estatuto de Traballadores para garantir a ultraactividade indefinida dos convenios e a prioridade aplicativa territorial sobre os estatais, permitindo só mellorar as condicións nos ámbitos inferiores. Todas estas reivindicacións van dirixidas tanto ás patronais Confebask e CEN, como aos gobernos vasco, de Navarra e do Estado en tanto poden aplicalo nos seus propios ámbitos de xestión.

 A Carta de Dereitos Sociais tamén trata os problemas relacionados coas pensións e as políticas de redistribución da riqueza. En relación ás pensións, polo de agora de competencia estatal, proponse: (i) volver á idade de xubilación de 65 anos; (ii) tomar os últimos 15 anos para o cálculo, previo á reforma de 2011; (iii) subilas polo menos co IPC anualmente; e (iv) establecer unha pensión mínima de 1.080 euros, podendo os gobernos vasco e de Navarra complementar as pensións mínimas cando sexa necesario. Para estes gobernos concretamente se dirixen as reivindicacións en torno ás rendas de garantía e cobertura universal das persoas en situación de dependencia, pedindo que a RGI e RG: (i) se sitúen no 100% do SMI; (ii) cun aumento do 50% do SMI para o caso das unidades convencionais de dúas persoas e dun 50% adicional para as de 3 ou máis compoñentes.

 Todas estas reivindicacións tamén o foron da esquerda parlamentaria vasca nos últimos anos, obxectivos tanto para o sector privado, como para o sector público e subcontratado, mentres que as patronais e gobernos vasco, navarro ou español se opuxeron sistematicamente a elas. Unha aplicación de todas estas medidas non soamente supoñería unha mellora importante nas condicións de traballo e vida das persoas traballadoras e pensionistas nos territorios onde se convoca a folga, senón que tamén establecen uns obxectivos de loita de referencia a curto prazo imprescindíbeis para outros territorios do Estado. O obxectivo, pois, non é dividir, senón axuntar forzas baixo marcos de referencia comúns máis ambiciosos.

 Defender salarios dignos, en sentido amplo, é imprescindíbel para recoñecer socialmente o traballo das persoas, senón, un traballo mal pago reproduce a precariedade laboral e abandona a moitas persoas ao ostracismo e escravitude por uns poucos euros.

 Así, as organizacións convocantes presentan as súas reivindicacións aos diferentes gobernos en función das diferentes competencias que posúen sobre o territorio para influír directamente nelas. A única forma de goberno contra o cal esta mobilización non concretou ningunha reivindicación foi a Unión Europea. Ademais, en canto ás partes destinatarias, a mobilización interpela directamente ás patronais Confebask e CEN para o asinamento dun Acordo Interprofesional de materias concretas con aplicación obrigatoria, a diferenza dos acordos derivados do diálogo social para a negociación colectiva que non o son, e que supla a imposibilidade lexislativa vasca no sector privado en catro puntos importantes: (i) salario mínimo de 1.200 euros, (ii) xornada de 35 horas e mínima de 20 horas a tempo parcial, (iii) dereito de subrogación para o persoal das subcontratas, e (iv) medidas concretas para acabar coa fenda salarial que sofren as mulleres.

Renovación sindical a través da folga xeral

 A folga xeral non soamente xera elementos de certa novidade, de renovación sindical nos contidos reivindicados coa incorporación e a defensa dos salarios en todas as súas dimensións incluídas as pensións, senón tamén coa incorporación ao proceso organizativo de movementos pensionistas, feministas e xuvenís, afondando na devandita alianza impulsada nas anteriores seis folgas xerais convocadas en contexto de crise económica do ciclo 2009-2013, as folgas feministas de 2018 e 2019 ou a recente folga do sector do metal de Bizkaia en 2019. O ciclo de folgas xerais post-crise aberto polas folgas feministas e en defensa do clima, transcende a división sindicatos/movementos sociais afondando na alianza entre as diferentes organizacións e sensibilidades, crucial á hora de estabelecer movementos contrahexémonicos con implantación social. Por exemplo, para esta folga xeral creáronse máis de 170 comités de folga en vilas e cidades do país, como nos barrios das principais capitais -Bilbo, Gasteiz, Donosti e Iruña- e nas principais vilas e cidades das comarcas, co obxectivo de realizar os preparativos para a xornada de folga e difundir esta por todo o territorio. Do mesmo xeito, as organizacións sindicais realizaron sucesivas reunións coas súas militancias para impulsar a folga, chegando a adherirse a ela máis de 1.500 empresas e administracións.

 É importante subliñar que esta folga xeral recibiu múltiplos apoios de organizacións sindicais e sociais fóra do ámbito vasco de convocatoria, xerando á súa vez unha dinámica de oportunidade de traballo sindical en común e mobilización de apoio ás reivindicacións promovidas en Euskal Herria.

 É o caso de Catalunya onde os sindicatos CGT, CNT, Solidariedade Obreira, COS, IAC e Cobas que agrupan decenas de miles de militantes, chamaron a iniciar un ciclo de loita en común empezando co apoio a esta folga xeral, promovendo diferentes accións e manifestacións en varias cidades catalás. Tamén noutras cidades do estado se convocaron concentracións e manifestacións de apoio con participación do movemento de pensionistas, como no Pais Valencià -València- (Intersindical, CGT, CNT), Galiza (CIG), Aragón -Zaragoza- (OSTA, CGT, CNT), Asturies -Oviedo e Xixón- (CSI, CGT, SUATEA, CNT), Andalucía -Sevilla, Granada, Málaga- (SAT, CGT, CNT, USTEA, Cobas e partidos de esquerdas) ou Madrid (Plataformas de pensionistas, CGT, CNT, Solidariedade Obreira, Cobas e partidos de esquerdas). Ademais, ao redor de 200 militantes sindicais de diferentes organizacións de todo o estado asinaron un manifesto promovido pola plataforma “Sindicalistas de Esquerda” en apoio a esta folga xeral.

 Esta convocatoria de folga xeral xerou unha dura oposición por parte do poder económico e político vascos, aínda que tamén por parte de organizacións que supostamente defenden os obxectivos e plataforma reivindicativa proposta. Esta folga xeral marca unha liña de acción diferenciada entre, por unha banda, un sindicalismo de contrapoder coa capacidade de transformación necesaria nos contextos actuais e, por outra banda, outro sindicalismo de concertación e dialogo social subxugado á política sistémica. A diferenza entre unha política económica do traballo fronte á política económica do capital.

 

[Artigo tirado do sitio web El Salto, do 28 de xaneiro de 2020]