Ex traballadoras/es de GEA concéntranse na Coruña coincidindo coa vista previa da demanda civil contra Inversiones Subel

O colectivo reclámalle a Fernández Somoza que pague dunha vez os 2.5 millóns de euros que lles debe

A Coruña -

O colectivo de ex traballadoras/as do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) que asesora a CIG concentrouse este xoves diante dos xulgados da Coruña, con motivo da celebración da vista previa pola demanda civil interposta contra Inversiones Subel (propiedade do empresario Luis Fernández Somoza) a causa da millonaria débeda económica que a empresa ten pendente de abonarlles. Unha débeda que responde ao acordado no seu día pola venda de parte dos terreos que a antiga fábrica de louzas ocupaba en Cabral (Vigo).

As ex empregadas/os de GEA (Pontesa, Santa Clara e Royal China) manteñen o pulso mobilizador dun conflito que se prolonga dende hai case 17 anos e que agora traen até a Coruña, xa que será nos xulgados da cidade herculina onde se dirima a demanda civil interposta contra Subel.

O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, que acompañou ao colectivo de ex traballadoras/es, lembrou que Fernández Somoza "é un dos homes máis ricos de Galiza e está nas listas dos máis ricos do Estado español, pero négase a pagar todo o acordado polos terreos que GEA ocupaba en Cabral" e que foron vendidos para afrontar as débedas salariais que a empresa de louzas tiña co seu persoal cando quebrou.

2.5 millóns de euros

Segundo os cálculos da central sindical a débeda que Inversiones Subel ten pendente de abonar ascende aos 2.5 millóns de euros, a repartir entre un colectivo formado por máis de 200 persoas.

Uns cartos que Somoza depositou no seu día no xulgado do social, pero que posteriormente deu orde de retirar. O problema, explica Conde, "é que nese proceso anterior contabilizáronse como pagados os cartos depositados por Subel no xulgado e que logo foron retirados. O que non pode ser é que se compute como pagado a estas traballadoras e traballadores un abono que nunca se chegou a afectivizar", subliña.  

Hai que lembrar que a inmobiliaria adquiriu, hai xa máis dunha década, a parte dos terreos que ocupaban as instalacións de GEA en Cabral e Coruxo (Vigo). Estas parcelas correspóndense co 25% dos terreos que lle tocou xestionar á CIG logo de que o Grupo de Empresas Álvarez péchase no ano 2001, sen pagar os salarios e as  indemnizacións ao seu persoal. Naquel momento, Subel pagou unha parte do valor industrial, pero ás afectadas/os aínda lles resta por percibir (segundo o pactado entre ambas partes) a diferenza até o valor total que adquiriron os terreos ao seren recualificados e unha vez que o PXOM de Vigo xa é definitivo.

"Que se faga xustiza"

Aínda que inicialmente a demanda civil foi presentada en Vigo, o xuíz da sala 10 entendeu que ao estar a sede social de Inversiones Subel na Coruña debe ser nesta cidade onde se resolva o proceso xudicial.

Tras a vista previa celebrada hoxe, a xuíza encargada deberá decidir nos próximos días se abre xuízo ou procede ao arquivo do mesmo, por considerar que se trata de cousa xulgada (posicionamento que defende a empresa para evitar o xuízo). "Pedimos que a demanda vaia adiante. Non é xusto ter 17 anos despois a traballadores e traballadoras pendentes de cobrar as débedas económicas de Álvarez", sinalou.

A este respecto, o secretario comarcal da CIG de Pontevedra censurou a actuación de Luis Fernández Somoza durante todo este tempo, "pois nunca quixo negociar nin atender as nosas solicitudes de reunións". A última vez que o empresario accedeu a xuntarse co colectivo foi no ano 2013, momento no que mantiña un litixio aberto co Concello de Vigo polo PXOM. Dende entón, nunca volveu falar coas traballadoras e traballadores.

Volver