Ex-traballadoras/es de GEA reclaman á Inversiones Subel que pague "dunha vez" o pactado

A inmobiliaria adebeda ao persoal máis de dous millóns de euros pola compra dos terreos da antiga fábrica de louzas
A Coruña - 22 Nov 2016

Ex-traballadoras/es do Grupo de Empresas Álvarez (que se dedicaba á fabricación de louza) trasladáronse hoxe até a Coruña para realizar unha concentración diante das oficinas de Inversiones Subel e esixir que pague as cantidades que adebeda a este persoal por mor dos acordos adoptados para a venda dos terreos que ocupaban as fábricas da antiga GEA.

Segundo os cálculos da CIG, Subel (propiedade do empresario Fernández Somoza) aínda ten pendente de pagar uns dous millóns de euros a un colectivo formado por máis de 200 persoas. Unha cantidade, apunta o Secretario Comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, que a inmobiliaria pode afrontar "sen problemas".

Un conflito que se prolonga dende hai 15 anos

Hai que lembrar que Inversiones Subel adquiriu, hai xa máis de unha década, a parte dos terreos que ocupaban as instalacións de GEA en Cabral e Coruxo (Vigo). Estas parcelas correspóndense co 25% dos terreos que lle tocou xestionar á CIG logo de que o Grupo de Empresas Álvarez péchase no ano 2001, sen pagar os salarios e as  indemnizacións ao seu persoal.

Para facer fronte ás débedas, o patrimonio de Álvarez foi embargado e adquirido en poxa xudicial polo colectivo de traballadores/as (arredor dunhas 1.000 persoas). Neste proceso, á CIG tocoulle xestionar os terreos que ocupaba GEA en Cabral e Coruxo, que foron vendidos en exclusiva a Inversiones Subel.

Naquel momento, Subel pagou unha parte do valor industrial, pero ás afectadas/os aínda lles resta por percibir a diferenza até o valor total que adquiriron os terreos unha vez recualificados como urbanos, tal e como se pactara entre ambas partes.

Porén, á lentitude do proceso, sumouse o conflito aberto entre Subel e o Concello de Vigo pola recualificación dos terreos, xa que a inmobiliaria consideraba que o estabelecido no PXOM (agora derogado) minguaba a súa marxe de beneficios, iniciando un periplo xudicial que chegou mesmo ao Tribunal Supremo.

"Esta non é unha empresa pobre"

"Na práctica, o que pasou foi que cando chegou o momento de pagar non o fixeron, obrigándonos a ir a unha demanda civil, que aínda dilatará máis a resolución do conflito. O resultado final é que a este colectivo de traballadoras/es, Inversiones Subel aínda lle debe pola compra dos terreos máis de 2 millóns de euros", subliñaba Conde. "Por iso volvemos hoxe aquí a reclamar que paguen. E sabemos que esta non é unha casa pobre, non pagan porque non queren", denunciou.

Neste senso, o Secretario Comarcal da CIG de Pontevedra aclarou que, de media, cada traballador/a ten pendente de recibir uns 30.000 ou 40.000 euros, xa que da débeda contraída por GEA só percibiron as cantidades do FOGASA.

A este respecto, o responsábel sindical explicou que a maioría das persoas afectadas son mulleres que pasaron máis de 30 anos nas empresas de Álvarez, nas plantas da Pontesa (Pontesampaio-Arcade), Royal China ou Santa Clara en Cabral, e que agora se atopan nunha situación complicada, xa que moitas delas tivéronse que acoller a unha prexubilación, cobrando as tres cuartas partes do salario mínimo até cumprir os 65 anos, momento no que –de non atopar antes outro traballo- accederán a unha pensión de mínimos.