A segunda xornada de paro no sector do metal da provincia da Coruña resulta un éxito total

O seguimento está a ser aínda máis amplo que o rexistrado na folga do pasado xoves

Nacional -

A segunda xornada de folga no metal da provincia da Coruña está resultando un total éxito ao rexistrar un seguimento aínda maior que o do paro realizado o pasado xoves, e confirma así a vontade dos traballadores e traballadores do sector para pelexar por recuperar os seus dereitos e o poder adquisitivo perdidos nos últimos anos. Ao igual que a pasada semana, o seguimento foi practicamente total na grande empresa de maquinaria pesada, taller e reparación onde hai representación sindical, e incluso en moitos polígonos e empresas a actividade dos piquetes foi meramente testemuñal. Porén, a CIG-Industria lamenta a actitude dalgunhas patronais que están presionando os seus traballadores e traballadoras para impedir que exerzan o seu dereito á folga,  coaccionando especialmente a aquel persoal que ten as condicións máis precarias.

En todo caso, tal e como destacou o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas "Tupi", (quen participou dende primeira hora nos piquetes informativos da Coruña) o seguimento da segunda xornada de folga no metal é maioritario. Polo que cualificou de "moi positivo" o resultado deste segundo paro "que demostra que os/as traballadores/as están moi convencidos de querer un convenio xusto, despois de estar de tres anos sen convenio".

A patronal ten que tomar nota desta resposta masiva e reacionar ás demandas da parte social"

 "Ante a intransixencia da patronal, esta é a resposta que lle temos que dar, que vexa que os traballadores/as están na rúa, que queren recuperar o poder adquisitivo, que queren recuperar as condicións laborais que tiñan antes da crise", afirmou o secretario nacional da CIG-Industria. Tupi tamén criticou as presións  aplicadas por certas empresas que impiden ao seu persoal exercer o dereito á folga, ameazándoos con sancións e despedimentos.

Fronte a estas actitudes represivas, a CIG-Industria agarda que a patronal tome boa nota da resposta masiva á convocatoria de folga e "reaccione" ás demandas da parte social: activar a cláusula de revisión salarial, un incremento salarial que garanta que os/as traballadores/as non perden poder adquisitivo, maior control da xestión das mutuas, incorporar as táboas dos acordos nas auxiliares do naval no convenio, limitar a contratación a través de ETT, ou recoñecer a subrogación do persoal das contratas. "Estas son cuestións fundamentais e irrenunciábeis. Unha vez máis, pedímoslle a patronal que senten a negociar para acadar un convenio digno, o que non podemos é seguir perdendo dereitos cando a patronal está a obter beneficios", aseverou.

Neste senso, lembrou que a folga continuará os vindeiros días 4 e 5 de xullo "porque o sector está disposto a pelexar na demanda duns dereitos xustos".  

Seguimento na Coruña

Sobre a reacción da patronal, o secretario comarcal da CIG-Industria na Coruña, Eduardo Caamaño, explicou que durante o piquete deste martes nunha das empresas da patronal con presenza na mesa de negociación do convenio (hai catro patronais), o empresario achegouse até a representación sindical e informou da súa disposición a convocar unha reunión para continuar negociando. "En todo momento lle dixemos á patronal que non imos deixar de negociar, pero que teñan claro que tampouco imos abandonar as mobilizacións", apuntou.

Caamaño valorou como "un éxito aínda maior" a folga deste martes na comarca da Coruña, xa que "fomos capaces de meter máis xente nos piquetes e de paralizar máis empresa"s. Pois ademais de repetirse o paro total en grandes industrias con representación sindical como Celsa Atlantic, Horta Coslada, Metalúrgica Gallega ou Elaborados Metálicos Emesa, este martes un piquete informativo trasladouse até o polígono de Carral e, logo dunha asemblea informativa, conseguíase parar a actividade en Mantiñán.

Nas contratas máis importantes de mantemento de telecomunicacións e enerxía o seguimento do paro tamén é moi elevado e, neste xornada ademais produciuse un incremento na porcentaxe de participación entre os/as traballadores/as dos concesionarios da comarca. De feito, houbo un piquete que percorreu os concesionarios situados en Perillo (Oleiros), facendo asembleas informativas, "e logramos que se sumaran moitos/as traballadores/as".  Sobre o labor dos piquetes, destacou que tiveron un carácter "puramente informativo, polo que ningún empresario pode queixarse de nada".

Para dar máis visibilidade ao conflito, os traballadores e traballadoras en folga realizaron unha manifestación, na que participaron arredor de 1.000 persoas, que marchou dende a sede da patronal coruñesa até a Delegación do Goberno.

Seguimento en Ferrol

O éxito da folga deixouse sentir nos distintos polígonos de Ferrolterra que hoxe parecían estar de día festivo, coas portas das principais empresas pechadas e a actividade "completamente paralizada". Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria, subliñou que, unha xornada máis, o paro nas auxiliares do naval foi do 100% e no resto das empresas e dos concesionarios, "o peche foi total sen necesidade sequera da presenza dos piquetes, que hoxe pasaron polos polígonos de xeito absolutamente testemuñal".

Vidal valorou o seguimento da folga como moi positivo, mellorando os niveis de seguimento acadados o pasado xoves tanto na folga como nos piquetes. "A folga é un éxito absoluto que ten paralizado todo o tecido produtivo da comarca", afirmou. Neste senso, sinalou que a patronal "xa está tomando nota e sabemos que hoxe houbo moita presión por parte das empresas, especialmente sobre os traballadores/as de ETT, que aínda así decidiron secundar a folga".

"Isto demostra o convencemento dos/as traballadores/as para sacar adiante un convenio xusto", afirmou. Neste senso, destacou o caso de Inaval (que fai móbeis para Inditex), empresa na que, a pesar do abuso da contratación por ETT que dá, houbo paro total nas tres quendas de traballo.

A este respecto, Vidal engadiu que, logo de dous anos e medio de negociacións sen avances, "a única maneira de sacar adiante o convenio é seguir coa presión mobilizadora".
Se a pasada semana o persoal saía en multitudinaria manifestación polo centro de Ferrol, nesta xornada, a protesta trasladouse en forma de concentración ao Polígono da Gándara.

Alí informouse que, con motivo da folga do día 4, haberá concentración diante de Megasa, con convenio propio, pero que está en parada de mantemento e "en 20 días pasan por ela máis de 300 traballadores/as das empresas auxiliares que si están no convenio do metal".

Seguimento en Compostela

En Compostela o seguimento da folga de Metal nesta segunda xornada foi mesmo superior ao da xornada anterior. De feito os piquetes pasearon polo polígono do Tambre diante das portas pechadas das empresas sen que se producira nin un só incidente. “Todas as grandes, como Castrosua, Kia, Noya Móvil ou Arteal están pechadas”, explicaba xa a primeira hora da mañá o secretario da CIG-Metal de Compostela, Benedicto Blanco.

Blanco salientou tamén que grazas ás denuncias realizadas na xornada de folga anterior, desta volta foron menores as presións dos empresarios sobre os traballadores e traballadoras que puideron secundar os paros con máis liberdade. “Os traballadores son cada vez máis conscientes de que teñen que mobilizarse para non perder ningún dos dereitos que estamos a defender neste momento. Saben que teñen que pelexar polos seus dereitos”.

Volver