Exixen a Transportes Calviño o cumprimento da sentenza por vulneración de dereitos fundamentais

Denunciado diante da Garda Civil o intento de agresión ao representante da CIG

Compostela -

Traballadores da empresa Transportes José María Calviño Bascoy, xunto coa FGMT-CIG de Compostela concentrábanse este luns diante da vivenda da empresaria para exixir o cumprimento da sentenza por vulneración de dereitos fundamentais e que remate o acoso laboral e as presións contra o persoal.

No decurso da concentración lembrouse a situación á que a empresa somete aos seus traballadores, porque aínda con sentenza, segue aplicando as mesmas medidas de presión ou de represalia que empregaba antes.

O representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, lembra que unha das cuestións que recolle a sentenza é que ao exdelegado da CIG se lle tiña que repoñer nas súas condicións, incluído o camión co que traballaba, porque a empresa lle puxera o camión máis vello que había en toda a empresa. “Non só non o fixeron senón que o primeiro día de traballo, logo das súas vacacións, que foi tamén o primeiro día despois de emitirse a sentenza lle puxeron o mesmo camión cunhas rodas totalmente gastadas, até o punto de que foi parado pola Garda Civil e sancionado por ese motivo”.

Pavón denuncia ademais que aos traballadores se lles están modificado constantemente os horarios de traballo para que non poidan organizar nin a súa vida, nin os seus tempos de descanso nos seus domicilios e que tampouco se lles están dando as ordes de traballo en tempo, co cal non saben moitas veces nin o que teñen que facer.

Intento de agresión

Non só iso, senón que mesmo este martes, día 4 de xullo, houbo un intento de agresión por parte do marido da xefa ao exdelegado da CIG, Antonio Cebey, que xa foi denunciado onte mesmo perante a Garda Civil.

A CIG cuestiona que unha multinacional como Chep España manteña o seu traballo en Galiza a través dunha empresa como Transportes Calviño, que vulnera unha e outra vez os dereitos fundamentais e laborais dos seus traballadores. “Non sabemos até que punto Chep España é cómplice desta situación, porque no xuízo chegou a dicirse que a propia multinacional pediu un listado dos afiliados da CIG a Transportes Calviño, a quen lle exixiu que desmontara todo o movemento sindical que había na empresa”, afirma Pavón.

Diante desta situación xa anunciaron que haberá novas mobilizacións nos próximos días.

Presións e represalias contra os traballadores

A sentenza emitida polo xulgado do Social da Coruña confirmaba que se celebraren as eleccións sindicais a empresa someteu a presións e represalias aos seus traballadores, nomeadamente ao que foi elixido como delegado de persoal en representación da CIG, Antonio Cebey.

A sentenza daba por probado que, existindo un conflito por un exceso horario abusivo e polo abono de dietas, Transportes Calviño, no canto de negociar someteu a presións aos seus traballadores con ameazas de despedimentos –chegou a despedir a 3 traballadores-, cambios de horarios, de camións ou rutas, coa fin de dobregar a vontade colectiva do cadro de persoal.

Revogar o delegado da CIG

O obxectivo final da empresa era revogar ao delegado da CIG, tratar de rachar a unidade de acción dos traballadores e rematar dese xeito o conflito e, de feito, como un dos feitos probados demóstrase que a empresaria, Cristina Calviño, ameazaba aos traballadores con pechar a empresa e despedir a todo o persoal.

Tamén se recoñece que cada vez que o delegado de persoal solicitaba horas sindicais ou acudía citado á Inspección de Traballo era enviado a realizar unha viaxe fóra de Galiza, actividade á que esta empresa non adoita dedicarse. Xunto a isto retiróuselle tamén o camión que conducía habitualmente poñéndolle o máis vello da empresa, con máis de 19 anos e con problemas de entrada de augas.

Así mesmo o xuíz considera probado que a revogación do delegado de persoal fíxose baixo presión e instigada directamente pola empresa.

Diante disto, Transportes Calviño era condenada a cesar na súa acción represiva contra o propio Cebey, a repoñerlle tanto o posto de traballo como o vehículo que conduciu durante os últimos 10 anos e a abonarlle 6.251€ en concepto de danos morais pola vulneración do seu dereito á liberdade sindical.

A empresa ten aínda aberta unha causa penal polos mesmo feitos e malia esta sentenza nin cesou coas presións contra o persoal, nin repuxo o posto de traballo e o vehículo ao delegado da CIG.

Volver