EXOGA consuma o atropelo aos dereitos dos traballadores despedindo o delegado de persoal

A FCM-CIG entende que as últimas medidas adoptadas pola empresa son unha represalia polas denuncias dos empregados

A Coruña -

A Federación de Construción e Madeira da CIG xa adiantou que vai recorrer o despedimento do delegado de persoal da construtora EXOGA, executado esta mañá, e entende que se trata dunha clara represalia contra o representante sindical por ter denunciado na Inspección de Traballo e nos medios de comunicación a dramática situación laboral que viven os operarios desta firma, con varias nóminas adebedadas e tras anos cobrando con atraso.

Hai que lembrar que a pasada semana, a empresa procedeu ao despedimento da metade do seu cadro de persoal alegando motivos disciplinarios e ao tempo abría expediente disciplinario ao propio delegado de persoal. Estes feitos producíanse logo de que a FCM-CIG e o representante do persoal denunciaran na Inspección de Traballo, nas administracións e publicamente os impagos de nóminas ao persoal e os graves incumprimentos dos contratos subscritos con varias administracións públicas así como das normativas ambientais por parte da construtora.

A Federación de Construción da CIG da Coruña subliña que a carta de despedimento do delegado é unha copia das cartas entregadas a pasada semana a outros traballadores e ignorando totalmente as alegacións presentadas pola parte social. "Con este despedimento, EXOGA consuma o seu atropelo aos dereitos dos traballadores", critica Mario Maceiras, da FCM-CIG, polo que xa adiantou que a central presentará demanda contra a decisión empresarial. "Proceso que se unirá ás demandas de extinción de contrato xa presentadas por impago de salarios", matiza.

Non hai que perder de vista que a esta situación se chega logo de que a empresa aplicara un ERE de suspensión e de constantes atrasos no abono dos salarios, que finalmente remataron en impagos e nunha persecución contra os operarios que reclamaban os seus dereitos consumada agora co despedimento disciplinario do representante do persoal.

O pleno da Corporación de Ribeira aproba unha moción de apoio

Por outra banda, o pleno da Corporación de Ribeira aprobou por unanimidade unha moción de apoio aos traballadores de EXOGA e para demandar da empresa  que abone os salarios pendentes.

O debate da moción prodúcese logo de que a FCM-CIG iniciara unha rolda de contactos coas administracións para as que a empresa está a realizar obras co obxecto de informar da situación laboral e dos graves incumprimentos dos contratos e das normativas ambientais por parte da construtora.

Un dos concellos nos que EXOGA ten adxudicada a realización de obra pública (financiada pola Deputación) é Ribeira. Por iso, no pleno deste xoves, a iniciativa do BNG, debateuse a moción de apoio aos traballadores e instando ao Concello a que demande da empresa o abono inmediato das nóminas. A moción foi aprobada por unanimidade. 

Volver