Fallos informáticos obrigan ao persoal do 112 a atender as emerxencias con móbiles

Lembran que veñen advertindo dos problemas da nova plataforma desde hai varios meses

Nacional -

O persoal do 112, en folga desde o pasado 15 de abril, viña advertindo desde hai meses dos fallos que se estaban a producir na plataforma informática que entraría en uso coincidindo co traslado do centro de atención de emerxencias a Estrada. Hoxe denuncian que durante toda a mañá eses fallos impediron facer chamadas de saída e que para mover os medios para atender as emerxencias as e os operadores tiveron que utilizar teléfonos móbiles. “Por sorte non houbo ningunha incidencia grave”, manifestan.

Esta noite fíxose efectivo o traslado da central de emerxencias do 112 ao concello da Estrada. Onte mesmo, o comité de folga, afirmaba que era unha “temeridade” facelo sen ter axeitadamente testado o novo sistema informático que entraría en funcionamento coincidindo co cambio de ubicación. Hoxe non só reiteran que efectivamente “foi unha temeridade” senón que mesmo denuncian que por mor dos fallos tiveron que recorrer a teléfonos móbiles para atender as urxencias que se estaban producindo.

Oscar Valadares, secretario do comité, explica que o novo programa informático controla a saída de chamadas e que, por algunha razón, os enlaces non funcionaron o que provocou que “as operadoras e operadores tiveran que facer as chamadas con teléfonos particulares para poder mover os medios de emerxencias polo que estas non puideron quedar, até o que eles saben, gravadas”.

A presidenta do comité, Isabel Moares, responsabiliza desta situación á Xunta de Galiza por non ter en conta que “esa plataforma informática, que é a nosa ferramenta de traballo, segue sen funcionar” e, sobre todo, por non ter escoitado as advertencias que viñan facendo desde hai varios meses.

Moares asegura que isto crea “inseguridade” ás traballadoras e traballadores e “ralentiza a xestión das emerxencias”, o que “podería ter  graves consecuencias”.

Folga indefinida

O persoal do 112 está en folga indefinida desde hai xa cinco días e ten decidido mantela até que a administración sente a negociar co comité de folga e cos traballadores e traballadoras. A presidenta do comité explica que, logo de ter sido declarados ilegais os servizos mínimos do 100% decretados por vicepresidencia, a partir de mañá pasarán a ser do 60%. Por iso pregunta á Xunta “se cre que cun 60% de efectivos as emerxencias van poder ser xestionadas da mesma maneira”.

Isabel Moares ten claro que “é responsabilidade da administración que isto remate da mellor maneira posíbel para todas as partes e canto antes”. Lembra que a folga viu provocada por tres motivos fundamentais: a deficiente formación para utilizar unha nova plataforma informática que ademais daba fallos; porque o traslado o van ter que pagar dos seus propios petos os traballadores e traballadoras dos seus salarios mileuristas e “a Xunta de Galiza se desentendeu por completo deste problema” e porque o incremento dos horarios de traballo derivado de ter que ir de Compostela á Estrada todos os días vai dificultar enormemente a conciliación da vida laboral e familiar do persoal.

Volver