Falta de limpeza no Álvaro Cunqueiro provoca epidemia bacteriolóxica que pon en risco a saúde de persoal e pacientes

As centrais CIG, CGT e CCOO denuncian a existencia de máis dun cento de persoas ailladas a causa dun brote de Klebsiella no hospital vigués
Vigo - 08 Set 2016
Responsábeis comarcais dos sindicatos CIG, CGT e CCOO compareceron hoxe en Vigo para alertar sobre a existencia dunha epidemia da bacteria Klebsiella no hospital Álvaro Cunqueiro provocada pola falta de limpeza no centro médico. As centrais denuncian que máis dun cento de persoas atópanse ailladas nestes momentos a causa dun brote que pon en grave risco a saúde de traballadores/as, usuarios/as e pacientes.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto a responsábeis da CGT e CCOO e a un nutrido grupo de traballadores/as de Acciona -contrata da limpeza do Álvaro Cunqueiro- para alertar sobre a existencia dunha epidemia no hospital causada pola bacteria Klebsiella. Dende as tres centrais entenden que se trata dun feito moi grave que pon en risco a saúde tanto do persoal como dos usuarios/as e pacientes do centro médico.

Segundo denuncian, a presenza da bacteria obrigou a aillar a máis dun cento de persoas dende o mes de abril, que foi cando máis casos de contaxio se contabilizaron (arredor de 130 nesas datas e uns 110 na actualidade). Lembran que se trata dunha bacteria que afecta a persoas que padecen infeccións previas e que adoita causar neumonías.

Ao mesmo tempo, os representantes simdicais sosteñen que a aparición da bacteria está relacionada cos problemas existentes no servizo de limpeza a causa da falta de persoal e da redución do orzamento do servizo, extremos que xa motivaron protestas, incluíndo unha convocatoria de folga. “A única resposta ás nosas reclamacións foi cambiar a contrata, pero no seu día xa advertimos de que o prezo do concurso non daba para garantir a prestación do servizo; de feito, atopámonos con que segue a falta persoal, hai zonas que non se limpan e incúmprense os protocolos de prevención”, indican.

Incumprimento dos protocolos de prevención

Neste senso, sosteñen que o Sergas e a concesionaria está a incumprir estes protocolos xa que non se están a limpar dúas veces os cuartos das persoas contaxiadas, ao que hai que sumar a falta de formación dos novos/as traballadores/as adscritos/as ao servizo de limpeza. “Tampouco se controla aos familiares dos pacientes, co conseguinte risco de que a epidemia se estenda”.

En canto á falta de persoal, lembran que no antigo hospital Xeral cada traballador/a limpaba unhas 15 habitacións, mentres que no Cunqueiro están a limpar até 24. Segundo os cálculos dos sindicatos, o servizo de limpeza do hospital debera estar formado por uns 190-197 traballadores/as, mais na actualidade unicamente rondan os 150. “O outro día, por exemplo, comprobamos que pola mañá só había 47 persoas traballando, cando no Xeral, que era moito máis pequeño, había 48”.

“Ademais, atopámonos con problemas como que as taquillas son moi pequenas, o que provoca que a roupa de traballo contamina a roupa de rúa do persoal, ou con que os contenedores do lixo están sen sellar e van goteando por todo o hospital”. Para exemplificar a falta de limpeza sinalan tamén que no caso do Xeral os cuartos de baño públicos limpábanse até tres veces diarias, mentres que no novo hospital “hai días que non se limpan nin unha soa vez”.

Campaña informativa, asembleas e mobilizacións

Esta situación foi posta en coñecemento da Inspección de Traballo, que optou por enviarlle varios requerimentos á empresa “cando o que tiña que facer era sancionala economicamente ante a gravidade dos feitos”. De feito, hoxe mesmo teñen unha nova xuntanza coa autoridade laboral para abordar esta cuestión.

Diante disto, reclaman unha actuación inmediata por parte dos responsábeis do Sergas e da empresa concesionaria do Álvaro Cunqueiro para evitar que esta epidemia se convirta nun problema de saúde pública “xa que non só afecta ao persoal do centro, senón que está a afectar tamén a usuarios/as, pacientes e familiares”.

Finalmente, anuncian que convocarán asembleas cos traballadores/as para trasladarlles a problemática existente, desenvolverán mobilizacións e iniciarán unha campaña informativa entre a veciñanza para alertar das consecuencias da falta de limpeza.