Falta de persoal na unidade de reparto de Correos de Ponteceso

Ponteceso - 18 Set 2018

CIG-Correos denuncia a falta de contratación de persoal na unidade de reparto de Ponteceso para cubrir as ausencias de dous traballadores que están de vacacións, o que está a ocasionar atrasos na entrega da correspondencia e unha sobrecarga de traballo. Segundo información recibida na central sindical, o día 7 de setembro comezaron as súas vacacións dous dos traballadores que se encargan do reparto da correspondencia nas parroquias de Cesullas, Nande, Sarces, Serantes, Soesto, Traba e parte da parroquia de Laxe. Un deses traballadores tamén se encarga da oficina de atención ao publico de Correos, que está situada no lugar de Neaño.

Durante os días 10 e 11 de setembro non houbo reparto de correspondencia en todos os lugares cuxo reparto depende da oficina de Correos de Ponteceso, debido a que eses días foron festivos neste concello. A parte desta circunstancia, dende que comezaron as súas vacacións e até a data de hoxe, Correos non contratou persoal para substituír os dous traballadores, de forma que os veciños e veciñas das parroquias antes mencionadas levan dende o día 12 de setembro sen recibir a súa correspondencia. Dende o mesmo día 12 leva sen prestar servizo a oficina auxiliar de Correos de Neaño.

Esta situación causa un gran prexuízo as persoas afectadas e tamén ao resto dos traballadores e traballadoras que non están de vacacións, xa que con dous empregados menos  resúltalles máis complicado sacar o reparto adiante e asumir toda a correspondencia urxente.

Diante desta situación, a CIG-Correos solicita que se dote o centro de traballo de Ponteceso de persoal suficiente para que se poidan asumir as cargas de traballo dos envíos que hai pendentes de reparto nesa unidade.