Feijóo di que reforzou a sanidade pública con 3141 profesionais. Pero fala de contratos asinados ou de persoas contratadas?

CIG-Saúde denuncia que o persoal asina de media 20 contratos por mes
Nacional - 25 Xan 2018

O presidente da Xunta afirmaba onte no Parlamento que nos últimos 23 días se reforzou a rede sanitaria pública galega coa incorporación de 3141 persoas, das que 336 serían persoal médico e 2435 profesionais de enfermería. A CIG-Saúde pídelle a Núñez Feijoo que aclare se estes datos se refiren á contratación de persoas ou ao número de contratos asinados nese período, tendo en conta que o persoal sanitario está a asinar unha media de 20 contratos por mes.

Se falamos de contratos asinados, isto suporía que en realidade, neses 23 días só se incorporaron 16 profesionais médicos, unha cifra ben afastada dos máis de 300 dos que fala Feijóo. Unha situación semellante ocorre coas contratacións do persoal de enfermería.

Hai que subliñan que nestes momentos, na sanidade pública galega, danse casos de extrema precariedade, e mesmo hai médicos e médicas que teñen dous contratos por día: un para realizar a atención ordinaria en primaria pola mañá e outro pola tarde en atención continuada para cubrir as gardas dos PACs.

A falta de profesionais que Feijóo di que a Xunta está paliando coa contratación de persoal de reforzo non é a realidade que existe nos centros de traballo. Os datos que manexa o Goberno galego de cara á opinión pública son datos completamente diferentes aos que teñen as organizacións sindicais, ás que, por certo, o Sergas nunca informa a respecto do número de contratacións realizadas.

Por iso, a CIG-Saúde demándalle ao presidente do Goberno galego que deixe de xogar cos datos e aclare se ese presunto reforzo de 3.141 persoas no Sergas é real ou é un síntoma máis dos recortes na sanidade pública e a precarización laboral.