Feijóo impón a súa reforma sanitaria e coloca ao mesmo nivel a sanidade pública e a privada

Dende a federación de Saúde da CIG reclaman que se atendan todas as necesidades do sistema sanitario público galego

Nacional -

O goberno de Feijóo aprobaba, o pasado xoves día 7 de decembro, a reforma da Lei de Saúde de Galiza, coa que recupera o texto da LOSGA (Lei de Saúde de Galiza) feita polo goberno do PP antes do bipartito. Deste xeito, pon ao mesmo nivel a sanidade pública e a privada e recentraliza os servizos sanitarios dificultando o acceso das persoas que viven nas zonas máis rurais ou illadas.

Xunto con esta Lei publícase o Decreto de desenvolvemento da Lei de Garantías, no que se recolle que se a sanidade pública non cumpre os tempos máximos de espera as e os doentes serán derivados ás clínicas concertadas. Se a persoa reclama o seu dereito a ser atendida na sanidade pública o goberno do PP a penalizará deixándoa sen recibir asistencia sanitaria no prazo indicado en función da súa patoloxía.

Con isto o PP cumpre as súas promesas coa sanidade privada convertendo en negocio a saúde de todas as galegas e galegos, coa garantía de que se algo vai mal sempre estará a sanidade pública para financiar e solucionar os problemas que puideran xurdir.

Un dos argumentos que utiliza Feixóo é que isto vai beneficiar a prestación de servizos nos hospitais comarcais xa que se vai aplicar unha mobilidade forzosa das e dos facultativos e do resto do persoal dos grandes complexos hospitalarios cara os hospitais comarcais, “como se circulando o persoal polo país adiante mellorara a atención sanitaria”, denuncia a CIG-Saúde, “sen garantir os dereitos das/os profesionais que terán que se trasladar do seu centro de traballo a outro, en moitos casos, en traxectos de máis de unha hora de duración”.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, “Feixóo pensa que destruíndo equipos estábeis de profesionais garante unha mellor atención”. Considera que detrás disto, o que se agocha é a falta dun estudo serio por parte da consellaría de Sanidade das necesidades de persoal para, a través da formación MIR e EIR, convocar as prazas necesarias para cubrir as necesidades sanitarias futuras”.

Falta de persoal

A CIG-Saúde entende que tamén se pretende agochar a amortización de prazas e a falta de persoal no sistema sanitario público, xa que coa convocatoria de OPE anunciada para 2018 quedan excluídas máis de 2.000 prazas que corresponden ás non convocadas no período que vai desde o ano 2010 até o 2013, onde se aplicou con maior virulencia a taxa de reposición. Un período no que só se cubriron o 10% das vacantes por xubilación.

Á CIG-Saúde preocúpalle a xustificación de Sanidade, que pretende responsabilizar desta medida ás médicas e médicos especialistas porque, segundo afirma a consellaría, non queren ir traballar aos hospitais comarcais.

Fronte este absurdo argumento a CIG-Saúde reclama da consellaría de Sanidade, como xa fixo na mesa sectorial do SERGAS, a constitución dun grupo de traballo para analizar co rigor necesario as necesidades de persoal do sistema sanitario público, as xubilacións de futuro que van dificultar a continuidade asistencial -xa que nos próximos anos están previstas máis vacantes por xubilacións que incorporacións- e todas as medidas necesarias para garantir a asistencia sanitaria independentemente do lugar onde se resida.

Volver