Ferroatlántica continúa a campaña de mentiras para ocultar o seu "Plan de Reconversión"

O Comité di que a única garantía de emprego é a determinada nas concesións das centrais en relación á viabilidade das ferroaleacións
Cee - 22 Dec 2016

A reunión coa dirección de Ferroatlántica celebrada no día de onte, 21 de decembro, confirmou o que dende este Comité levan semanas denunciando: que o plan da empresa leva á perda de emprego, ao desmantelamento e ao peche progresivo das fábricas de Cee e Dumbría. Un obxectivo que non ocultan nin a ofensiva mediática nin a chantaxe social que a empresa está a levar a cabo.

A empresa ten unha concesión, non a propiedade sobre os ríos

Unha vez máis, dende o Comité denuncian que o plan industrial anunciado por Ferroatlántica non pode vincularse en ningún caso á venda dun dos seus principais activos: as centrais hidroeléctricas.

Do mesmo xeito que non se pode segregar o futuro das fábricas de Cee e Dumbría da actividade de produción eléctrica, xa que a única garantía de emprego é a que vén determinada nas concesións das centrais hidroeléctricas en relación á viabilidade das ferroaleacións.

Concentración este venres

Os traballadores e traballadoras volverán concentrarse este venres, 23 de decembro, ás 18:30 horas, diante da fábrica de Brens.

Esta vinculación está establecida na concesión administrativa para a explotación dos recursos hidráulicos, que Ferroaltántica pretende saltar, buscando negociar un plan industrial que é ilegal.

Cabe recordar que a empresa só ten unha concesión, non ten unha propiedade sobre os ríos e os seus aproveitamentos, que están suxeitos ao interese público.

"Relevo ordenado da xubilación"

A este respecto, o Comité denuncia a intoxicación da empresa cando ofrece incorporar traballadores/as novos/as ás fábricas a través da implantación dunha FP Dual. A dirección "xoga ao despiste mesturando os contratos relevos coa incorporación de persoal en prácticas, dúas modalidades laborais que non gardan ningún tipo de relación.

A dirección xoga ao despiste mesturando os contratos relevos coa incorporación de alumnado en prácticas

En primeiro lugar, aclaran que a empresa fala dun "relevo ordenado nos procesos de xubilación" ofrecendo datos falsos. "Eses 34 traballadores/as de máis de 61 anos susceptíbeis de seren "relevados" na práctica xa están prexubilados, con un contrato de relevo e co relevista traballando".

Ademais non existe en FP a rama siderometalúrxica, é á Xunta de Galiza a quen toca regular o sistema educativo e, en todo caso, tería que ser un instituto da comarca que  imparta algún ciclo relacionado coa actividade desenvolvida nas fábricas, quen solicitara a FP-Dual e logo, a través do convenio de colaboración do que fala Ferroatlántica, enviara ao seu alumnado a facer as prácticas a Cee ou Dumbría.

Por outro lado, o Comité lembra que xa existe unha bolsa de traballo de máis de cen traballadores cualificados que cobren vacacións, baixas etc..., "o que garante o relevo xeracional".

"En calquera caso estamos a falar de alumnado en prácticas cunha relación laboral precaria e de carácter formativo, pero non dun traballador ou traballadora contratado/a para relevar a outra persoa. En cambio, este sistema facilitaríalle a Ferroatlántica man de obra barata coa que substituír emprego estábel e de calidade e avanzar no desmantelamento das fábricas. Atopámonos diante dunha mentira máis por parte da dirección", alerta o Comité.

As centrais reportan millonarios beneficios que non son reinvestidos na comarca

Doutra banda, Pedro Larrea, no vixésimo intento de convencer a opinión pública, cualifica as centrais hidroeléctricas de "actividade non estratéxica", condición que si lle outorga á publicitada planta de carbón vexetal.

A explotación dos recursos hidráulicos reporta de xeito anual máis de  35 millóns de euros

 Ao tempo, cifra en 9 millóns de euros o custe deste proxecto (que apenas xerará 20 empregos) e asegura na prensa que se destinarán 23 millóns de euros para modernizar as fábricas da comarca (logo de 25 anos de abandono). "Entendemos que estas cantidades forman parte do paquete de inversións de 55 millóns de euros presentado ao Comité para o período 2017-2021".

"Non deixe de ser rechamante que a empresa ligue esta inversión á venda das centrais, cando a explotación dos recursos hidráulicos lle reporta de xeito anual máis de  35 millóns de euros", continúan. Cifra máis que suficiente para cubrir a posta en marcha da planta de carbón vexetal e as actuacións nas fábricas de Cee e Dumbría. A esta cantidade habería que sumar tamén as achegas económicas de carácter público destinadas a estes proxecto, que a empresa recoñece está a contemplar.

"En definitiva, o Grupo Villar Mir ten un plan, pero non é un plan de futuro para a comarca nin pensado nos intereses da empresa en Galiza.  Como tamén o demostran os últimos 25 anos, nos que o Grupo só se dedicou a enriquecerse a conta das centrais, mais sen reinvestir nin un só euro na  modernización e  ampliación  das capacidades produtivas das fábricas".

O Grupo Villar Mir ten como obxectivo reducir a enorme débeda, contraída principalmente no negocio inmobiliario

 O holding empresarial ten como obxectivo reducir a enorme débeda, contraída principalmente no negocio inmobiliario, e pretende atallar esta débeda desfacéndose dalgúns dos seus principais e máis rendíbeis activos: as centrais de produción hidroeléctrica.

Neste senso, non cómpre esquece que a emprese segue sen clarificar cal é a rendibilidade dos recursos naturais que explota en Galiza polas concesións hidroeléctricas e polas mineiras en Serrabal, e que están na base de proxectos como o de FerroSolar.

Un plan industrial "que non é digno de tal nome"

Por iso, dende o Comité aseguran que o plan industrial  prometido por Ferroatlántica "non é digno de tal nome", xa que  non pode ser sobre a base de vender as centrais hidroeléctricas, que significa descapitalizar e desmantelar os activos da empresa "e na práctica facer deste plan industrial un verdadeiro plan de reconversión e desmantelamento das fábricas".

Finalmente, a representación social entende que "os únicos Proxectos e o único Plano Industrial  que pode supor a creación de postos de traballo e o fortalecemento do tecido produtivo galego, pasa pola grandes potencialidades e rendibilidade económica que as centrais hidroeléctricas reportan  dentro do Grupo Ferroatlántica -de respectarse as concesións actuais, a non segregación das actividades- para a creación de emprego e non para a especulación económica".