Ferroatlántica insiste cun plan "de reconversión e desmantelamento das distintas fábricas"

A empresa volve presentar o mesmo paquete de investimentos baseado na venda das centrais

Cee -

A  última reunión convocada pola dirección de Ferroatlántica coa representación social en Madrid, que tivo lugar este martes e na que participou unha representación da CIG integrada por Paulo Carril e Xabier Santos, só se poden cualificar como un deja vú.

A empresa sentou os representantes das centrais sindicais e dalgúns dos comités para soltarlles o discurso do plan industrial co que vén facendo propaganda nos medios de comunicacións dende hai un mes e que, a forza de repetir, pretende que os traballadores/as acepten e asuman.

Pero este plan industrial, no que a empresa inclúe a fábrica de silicio solar de Sabón xa comprometida e un proxecto de  planta de carbón vexetal (que xerará apenas 20 postos de traballo)  non é tal cando os proxectos que presenta poñen en cuestión a viabilidade das fábricas de ferroaleacións de Cee e Dumbría e, a maiores, nin sequera contemplan pechar os ciclos produtivos integramente no noso país.

Tal é  caso do silicio solar, do que só faría a primeira parte do proceso industrial (indución) a pesar de ser extraída a materia prima na mina de Serrabal, tamén propiedade do Grupo Ferroatlántica.

Desproporción entre o beneficio estimado e a inversión anunciada

Dos datos achegados pola empresa nesta última reunión, pódese estimar que a venda das centrais hidroeléctricas pode reportarlle ao Grupo Ferroatlántica uns beneficios de 500 ou 600 millóns de euros. Porén, o paquete de inversións que formula no período 2017-2021 sitúase nos 55 millóns de euros a repartir neses 5 anos. A este respecto cómpre destacar que a empresa non determinou, mais ten presente que poidan ser financiados tamén con cartos públicos.

A desproporción entre os millonarios beneficios estimados pola empresa coa venda das centrais  e as inversións anunciadas resulta considerábel. Esta disparidade non pode menos que  confirmar que estamos ante unha operación especulativa por parte do Grupo Villar Mir, para resolver os problemas financeiros das empresas do grupo relacionadas coa construción.

Xunto a isto, a empresa segue sen clarificar cal é a rendibilidade dos recursos naturais que explota en Galiza polas concesións hidroeléctricas e polas mineiras en Serrabal, e que están na base de proxectos que a empresa anuncia nesta plan,  como é o de FerroSolar.

Neste senso, dende a CIG reiteramos que calquera inversión que Ferroatlántica realice en Galiza, e nomeadamente na comarca da Costa da Morte, debe entenderse como a compensación ás achegas polo negocio da explotación dos nosos recursos naturais nestes 25 anos.

Non cómpre esquecer que contar coas centrais  hidroeléctricas permitiulle a Ferroatlántica expandirse e consolidarse na posición de vantaxe que actualmente ten no mercado internacional.

Un plan de reconversión e desmantelamento

Por iso, dende a CIG repetimos: calquera proxecto que supoña a creación de postos de traballo é benvido, pero o plan industrial prometido por Ferroatlántica non pode ser sobre a base de vender as centrais hidroeléctricas, que significa descapitalizar e desmantelar os activos da empresa e na práctica facer deste plan industrial un verdadeiro plan de reconversión e desmantelamento das fábricas.

Desde a CIG temos claro e defenderemos que o financiamento para os novos proxectos industriais ten que acadarse sobre un plan plurianual asentado nas obrigadas reinversións en todas as actividades que o grupo explota no noso país e, polo tanto, sobre a non venda e segregación de actividades.

Subliñar que resulta obsceno que Ferroatlántica pretenda facer valer como un gasto da empresa estes proxectos, cando a propia dirección recoñece que conta (ou prevé contar) con investimento público para levar adiante o seu plan.

Así mesmo, resulta inaceptábel que Ferroatlántica pretenda afrontar a vendas das centrais hidroeléctricas cando legalmente non o pode facer, como temos explicado até a saciedade,  e mesmo cando os ríos que explota non son propiedade de Ferroatlántica para poder meterse en operacións especulativas de venda.

Volver