Folga indefinida e mobilizacións contra os despidos na limpeza de colexios e instalacións deportivas do Concello de Pontevedra

A empresa Serveo, nova concesionaria do servizo, rescindiulle o contrato a catro traballadoras para substituílas por persoal con salarios máis baixos
Pontevedra - 19 Out 2026

O cadro de persoal de Serveo, concesionaria da limpeza dos colexios públicos e das instalacións deportivas do Concello de Pontevedra, anunciou hoxe unha convocatoria de folga indefinida e mobilizacións para rexeitar o despedimento de catro compañeiras.

Responsábeis da CIG-Servizos de Pontevedra compareceron hoxe en rolda de prensa xunto a persoas traballadoras da empresa para explicar que as rescisións de contrato fóronlles comunicadas ás afectadas o pasado 15 de outubro, o mesmo día no que a nova concesionaria se fixo cargo do servizo. “A dirección esgrime supostas causas técnicas e organizativas, os únicos motivos que recolle o prego de condicións do concurso para despedir persoal, pero o motivo real é económico, xa que a estas persoas traballadoras aplícaselles o convenio de recollida do lixo e limpeza viaria da empresa anterior, que é un pouco máis alto a nivel salarial que o provincial”.

De feito, a día de hoxe a compañía xa contratou catro traballadoras novas para substituír as despedidas. “A propia empresa recoñece que o servizo non lle é rendíbel economicamente, pero xa o sabía cando presentou unha oferta á baixa para facerse co contrato”.

Dende a CIG esixen a readmisión inmediata das catro afectadas, ao tempo que anuncian unha serie de mobilizacións contra os despidos, comezando cunha concentración este mércores día 21 diante do Concello ás 11:00 horas e continuando cunha convocatoria de folga indefinida a partir do luns 26. “Demandámoslle responsabilidade ao Concello e que medie no conflito para lograr a readmisión das traballadoras”.

O secretario comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Iván Veiga, que participou na rolda de prensa, denunciou que os despidos son consecuencia da privatización de servizos públicos por parte do Goberno local e foron executados de xeito “cruel” pola empresa sin ningún tipo de “explicación nin xustificación”.

Ademais, salientou que se trata dun conflito cunha clara perspectiva de xénero, xa que das 34 persoas traballadoras (30 que se encargan da limpeza de colexios e catro das instalacións deportivas) unicamente hai un traballador e o resto son mulleres.