Folga indefinida en Valoriza Auga dende o 19 de novembro se non hai avances na negociación do convenio

A empresa só chamou a representación social a negociar tras formalizarse a convocatoria do paro
A Coruña - 12 Nov 2018

Os traballadores de Valoriza Auga irán a folga indefinida a partir do vindeiro luns, 19 de novembro, para esixir o desbloqueo da negociación colectiva e poder avanzar nun convenio que lles permita recuperar o poder adquisitivo perdido nestes últimos oito anos. A decisión de convocar a folga indefinida chega tras realizarse unha xornada de folga de 24 horas e cinco xornadas de paros parciais sen que a empresa concesionaria lles trasladara unha nova oferta que permita chegar a acordo.

A pesar do seguimento masivo das folgas, a empresa concesionaria do servizo de mantemento da rede de sumidoiros da Coruña non mantivo ningunha xuntanza co persoal dende a última reunión da mesa negociadora do pasado 3 de xullo. "Neste tempo, a dirección só nos chamou para abordar os servizos mínimos nas xornadas de paro, mais non para tentar avanzar no convenio", denuncia o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira.

Houbo que esperar até o pasado venres, coa folga indefinida xa convocada, para que Valoriza Auga retomara as conversas coa representación social, convocando unha xuntanza para este mércores 14 de novembro. "Agardamos que para ese día a empresa acuda con verdadeira vontade para chegar a un acordo e poña enriba da mesa unha proposta que responda ás demandas dos traballadores. De non ser así, Valoriza estaríanos abocando á folga indefinida", engade Filgueira.

Oito anos cos salarios conxelados

O convenio colectivo polo que se rexe o persoal de Valoriza Auga caducou en 2010 e dende entón os traballadores teñen os salarios e as condicións laborais sen actualizar, a pesar de que neste tempo a empresa recibiu incrementos do prezo hora que cobra de EMALCSA polo servizo. As tentativas para negociar un novo marco regulador estiveron marcadas polo proceso de adxudicación da nova concesión iniciado en 2014 -que recaeu outra vez en Valoriza- e foi no ano 2015 cando se retomaron as negociacións.

Porén, a empresa pretenda agora "despachar" os anos nos que o persoal estivo sen convenio cun incremento para cada ano de vixencia igual ao IPC do ano anterior e unha paga única de 600€,  que nin sequera repercutiría sobre as táboas como incremento no salario base. "En ningún caso, a oferta da empresa permite recuperar o poder adquisitivo que os traballadores perderon nestes anos", salienta o secretario da CIG da Coruña.

Demandas do persoal

Fronte a isto, a parte social demanda un incremento do salario do 1.75% para cada ano de convenio (2018-2020) con cláusula de revisión; establecemento dun complemento anual nunha porcentaxe sobre o salario base do 25% en 2018, o 50% en 2019 e do 75% en 2020; crear un plus de cualificación profesional; incremento do prezo da hora extraordinaria e da xornada laboral en festividades sinaladas; plus de limpeza de depósitos; ou establecer un complemento de retén.

Diante da convocatoria da folga indefinida, dende a representación social reitérase o chamamento a EMALCSA (como titular da concesión) e ao Concello da Coruña para que interveñan no conflito e faciliten un acordo que respecte os dereitos dos traballadores.