Folga indefinida no sector de transporte de viaxeiros/as a partir do día 13 de xullo

O seguimento desta nova xornada de paro é, como nas anteriores, do 95%
Nacional - 04 Xul 2017

Traballadores/as do sector de transporte de viaxeiros/as acordaron por unanimidade, nas asembleas simultáneas celebradas a primeira hora da mañá en toda Galiza, convocar folga indefinida a partir do vindeiro xoves, día 13 de xullo. A decisión tómase coincidindo cunha nova xornada de paro na que, ao igual que nas anteriores, o seguimento é masivo, secundada polo 95% dos traballadores/as.

Xesús Pastoriza, responsábel de Transporte da FGAMT-CIG salienta tamén a numerosa participación que houbo nas distintas asembleas e a resposta unánime dos traballadores/as –de todas as convocadas en Galiza só consta un voto en contra- a lanzar a convocatoria de folga indefinida a partir do día 13 de xullo, aínda que na práctica será desde o martes 11, porque tanto para esa xornada como para a seguinte xa estaba convocada.

A convocatoria prodúcese logo de que na xuntanza celebrada onte coa Xunta de Galiza non se pechara un acordo. Así o explica Pastoriza, quen sinala que foi unha repetición da reunión anterior, na que houbo algúns avances pero “a reivindicación fundamental, que é a retirada do Plan, a Xunta non a contempla”. Xunto a iso asegura que “ao non termos garantía de subrogación ao 100%, nin de que os contratos sexan economicamente viábeis non podemos asinar ningún acordo á Xunta”.

Na xuntanza celebrada onte si houbo algúns avances no relativo a subrogación, que é unha demanda esencial para o sector. Porén, segundo avanza Pastoriza, “a mellora do articulado das subrogación limítase a quen sexan subrogados, pero non se garante a subrogación do 100% dos cadros de persoal”, como tampouco hai garantías de que unha vez subrogados “teñan continuidade no seu traballo cunha dotación económica axeitada”.

Con todo, o responsábel do sector de Transporte da CIG avalía como un avance que se contemple quitarlle as concesións a aqueles empresarios que non cumpran coa subrogación do mínimo que collen os contratos. “Pódeselle quitar a concesión e ademais estarían sancionados durante 10 anos. Un período no que non poderían concursar para a Xunta de Galiza”.

O problema é que non queda garantido, segundo Pastoriza, que o 100% dos cadros de persoal vaian ás novas concesións, “porque os dos novos contratos son inferiores aos dos antigos e polo tanto queda xente no camiño”.

Dotación económica

Xesús Pastoriza valora ademais como “mala” a dotación económica porque aínda que melloraron as partidas “seguimos pensando que non garanten o salario do 100%”. Con todo denuncia que “non temos datos porque non nos deixan ver os contratos”.

Tamén considera un avance mesmo “histórico” que o disco de tacógrafo se poña no 100% dos autobuses ou que as/os acompañantes de transporte escolar pasen a ser contratadas/os pola empresa de transportes e non por subcontratas, con aplicación do convenio de transportes e cunha xornada mínima, porque “até o de agora a empresa que contrataba poñía a xornada que lle daba a gana”. O que queda aínda por estipular é cal vai ser a xornada mínima.

Seguimento do paro

A FGAMT-CIG avalía como un éxito o “seguimento total” desta nova xornada de paro, cun 95% de participación. “A xente está respondendo moi fortemente. O ánimo é total, porque se estamos cunha folga de dous días e unanimemente a xente apoia ir a unha folga indefinida é porque está absolutamente convencida disto”.

Xuntanza no Consello Galego de Relación Laborais

Neste intre, e desde as 13:00 horas, patronal e sindicatos manteñen unha xuntanza no Consello Galego de Relacións Laborais para falar non só do convenio, senón tamén –e por primeira vez- para falar dun acordo de ámbito galego.