Folga nas auxiliares de Navantia dende o 5 de outubro polo cumprimento dos acordos de 2001

Este venres está prevista unha reunión con todas as empresas que traballan nos estaleiros

Ferrol -

Logo do apoio recibido nas asembleas de traballadores e traballadoras, a CIG-Industria convocou folga indefinida nas auxiliares de Navantia a partir do día 5 de outubro, co obxectivo de lograr garantías de que todas as empresas cumpran os acordos salariais de 2001. Este venres, ao mediodía, está prevista unha xuntanza entre as centrais sindicais e as empresas que teñen contratos en Navantia para abordar esta cuestión.

Aínda que estaba previsto que a folga comezase o día 2, finalmente decidiuse adiar a data até o xoves 5 á espera de que as demais organizacións sindicais "tiveran tempo de reflexionar e sumarse a convocatoria de folga da CIG, ou ben rexistrar a súa propia convocatoria para o mesmo día". Unha proposta que foi trasladada formalmente a UGT e CCOO.

O rexistro do paro indefinido producíase o martes 26, despois da reunión que tivo lugar ese mesmo día con JR Franco, Maessa, e Nervión, e na que tamén estiveron representantes de  CCOO, UGT, e MAS. Ademais, CIG-Industria mantivo posteriormente encontros con outros empresarios para abordar o cumprimento dos acordos de 2001. "Nestas reunións, comprobamos varias causas: moitas empresas transmitíronnos que non terían problema en asumir os salarios das táboas de 2001, e que estarían dispostas a pagalos no momento en que tamén os paguen as demais compañías".  

Nestas xuntanzas, engaden dende CIG-Industria de Ferrol "tamén puidemos comprobar que nalgúns casos tamén mantiveron reunións con representantes de outros sindicatos para falar deste asunto".

Reunión coas empresas

Neste contexto, o xoves pola mañá, a CIG-Industria recibía unha chamada de CCOO que propuxo convocar a todas as empresas con contratos en Navantia a unha reunión hoxe ao mediodía nos locais do comité, á que a central nacionalista aceptou acudir, "mais da nosa proposta de sumarse á folga non comentaron nada".

Dende a Federación de Industria lamentan o proceder dalgúns representes sindicais "que estiveron difundindo mensaxes entre os delegados e delegadas das empresas que cumpren os acordos insinuando que a folga non vai con eles/as, nun intento de convocar o paro". Fronte a estas insinuacións dende CIG-Industria lembran a "volatilidade" das empresas do naval e os cambios habituais do persoal dunha e outra auxiliar.

Volver