Folga no sector de ambulancias os días 6 e 7 de xuño

Nacional -

O transporte sanitario de Galiza volverá á folga os días 6 e 7 de xuño en resposta ao bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo -caducado dende hai máis de dous anos e medio-, para esixir a retirada de todos os elementos de presión e de precarización que pretenden aplicar as empresas, e demandar un servizo público de calidade. Por iso, dende a CIG tamén se reclama a mediación activa da Consellaría de Sanidade neste conflito, como responsábel do servizo público e dos contratos.

O persoal xa secundou de xeito masivo dúas xornadas de folga o pasado mes de maio e ante a falta de resposta da patronal esta semana volverán realizar un paro de 48 horas. Así, a folga desenvolverase dende ás 00:00 horas do mércores 6 de xuño até ás 24:00 horas do xoves 7 de xuño e afectará a todo o transporte sanitario de Galiza, tanto urxente (061) como non urxente (traslados e programado).

Para dar maior visibilidade ao conflito, os traballadores e traballadoras realizarán concentracións nas diferentes áreas sanitarias:

-A Coruña, ás 12h no CHUAC.

-Ferrol, ás 11:30h. no Hospital Arquitecto Marcide.

-Lugo, ás 11h no acceso a uxencias do HULA.

-Santiago, ás 10:30h no Hospital Clínico.

-Vigo, ás 10h no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Volver