Fondos europeos, ao rescate do capitalismo español

Erika González, Nicola Scherer e Nuria Blázquez - 18 Xun 2021

Coas grandes empresas no deseño da regulación para xestionar os fondos, na definición dos principais investimentos e na meirande parte dos proxectos presentados, non se enxerga ningún cambio de modelo. Máis ben, trátase de dar un impulso aos nichos de negocio con potencial de crecemento e beneficios para as compañías que nas últimas décadas capitanearon a expansión do capitalismo español

Telefónica quere ampliar a cobertura de fibra óptica e 5G. Endesa pretende transformar as súas centrais térmicas de carbón en plantas de hidróxeno. Iberdrola, como o resto das compañías enerxéticas, tamén aposta pola xeración de “hidróxeno verde”, e asóciase con Fertiberia para axustala á produción de fertilizantes. Ferrovial di que vai construír plataformas para taxis voadores. Meliá, Iberostar, Riu e Barceló queren dixitalizar e renovar 12 destinos turísticos “maduros”. Estas son algunhas das propostas que presentaron as grandes empresas españolas para ser subvencionadas polos fondos europeos de reconstrución.

 Nas súas carteiras de proxectos abundan a renovación de infraestruturas, a construción de parques eólicos e fotovoltaicos, a dixitalización de empresas, administracións e turismo, a posta en marcha de xigafactorías de baterías, o impulso do automóbil eléctrico e a aposta polo hidróxeno como vector enerxético. Máis aló da retórica da sostibilidade e a dixitalización, en que medida contribúen estas propostas á transformación do modelo produtivo?

Recuperación dos beneficios empresariais

“O plan de recuperación máis ambicioso da historia recente de España”. Así cualificou o presidente do goberno ao plan España Puede, co que se trazan as liñas principais para modernizar e aumentar a competitividade da economía española cos fondos europeos. Co relato asociado a este Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que até o momento é o único que se presentou, fálase do fortalecemento do tecido produtivo e de cuestións como a mobilidade sostíbel, a rehabilitación de edificios, os ecosistemas resilientes, a transición enerxética xusta e inclusiva, a nova economía dos coidados...

 Todos estes conceptos, en realidade, serven para dar unha man de pintura verde e violeta ao plan e esvaer o seu principal obxectivo: soster as bases do modelo socioeconómico e impulsar os beneficios das grandes empresas que lideran o capitalismo español. Así o reflicten os investimentos, as reformas e os instrumentos propostps, as declaracións da patronal, os proxectos que están presentando as empresas do Ibex-35 e unha revisión de quen concentrou a meirande parte do apoio financeiro estatal tanto nesta crise como nas anteriores.

 O ano pasado púxose en marcha un dispositivo de gran envergadura para rescatar as empresas transnacionais europeas. O Banco Central Europeo ten unha liña de compra de débeda específica das grandes empresas e ademais sumou un programa específico no contexto da pandemia. En total, desde marzo do ano pasado, realizou adquisicións por un valor superior a 80.000 millóns de euros das que se beneficiaron máis de 210 transnacionais. As compañías españolas non saíron mal paradas de todo iso: entre as 18 empresas que recibiron liquidez do BCE destacan enerxéticas como Repsol, Iberdrola, Enagás e Naturgy, do mesmo xeito que construtoras como ACS e Ferrovial. Ao mesmo tempo, o Estado español investiu case 25.000 millóns de euros en avais públicos a apoiar os créditos bancarios de grandes compañías. E a Sociedade Estatal de Participacións Industriais rescatou empresa por valor de mil millóns de euros.

 Aínda que non son receptoras de axudas directas, as grandes entidades financeiras tamén van resultar beneficiadas do rescate estatal. “Os bancos podemos contribuír á recuperación coa nosa capilaridade e proximidade co cliente, anticipando fondos e cofinanciando e impulsando proxectos”, dixo a directora do Servizo de Estudos e Relacións Institucionais do Banco Santander. As comisións que están negociando e poden chegar a percibir pola canalización dos fondos europeos, a cambio, suponlles un negocio de entre 3.000 e 4.000 millóns de euros. Co seu papel de intermediarios financeiros, aos que xa non se lles vai esixir a devolución dos 80.000 millóns de euros do anterior rescate e agora vánselles a perdoar todas as débedas da Sareb e os “activos tóxicos” que vai asumir o Estado (35.000 millóns de euros), ven como se reforza a súa centralidade no modelo socioeconómico.

“Colaboración público-privada”

 As transferencias de fondos públicos ao sector privado adoitan xustificarse co argumento da defensa do tecido empresarial máis débil, as pequenas e medianas empresas. Nesta lóxica, o goberno español salientou que a función das pemes está asegurada cos fondos europeos e que estas estarán presentes nos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE). O deseño deste instrumento, porén, segue a proposta da CEOE para crear unha “estreita colaboración público-privada” para definir os macroproxectos que liderarán a recuperación. Defínese así o tipo de empresas que serán protagonistas, as grandes compañías, que como moito deixarán as pemes xogar un rol subordinado.

 A posta en marcha dos PERTE enmárcase na idea do fomento das alianzas público-privadas, unha fórmula feita a medida dos intereses do sector privado. Con iso, mentres as grandes compañías reciben os beneficios, o sector público asume os riscos e responde con garantías fronte ao mal funcionamento do que se está xestionando. Os prexuízos que iso pode supoñer para as contas públicas e para as maiorías sociais quedou patente en numerosos casos, como o proxecto de almacenamento de gas Castor nas costas de Castellón ou a construción do hospital Villalba en Madrid. Este tipo de proxectos non só foron postos en cuestión polas organizacións sociais, senón tamén por un informe do Tribunal Europeo de Contas que xa en 2018 reflectía toda unha serie de deficiencias neles: gastos ineficaces, falta de transparencia, atrasos e sobrecustos.

 Nisto de situar a colaboración público-privada no centro da xestión dos fondos europeos, ademais da CEOE, foi clave o labor das Big Four. As principais transnacionais da consultoría (Deloitte, PriceWaterhouse Coopers, KPMG e Ernst & Young) teñen unha ampla experiencia na contratación coas institucións estatais. A falta de medios técnicos e recursos humanos, tras os sucesivos recortes nas administracións públicas, favoreceulles aínda máis na externalización da xestión e o asesoramento ao Estado. Agora sumáronse até á coescritura de documentos institucionais, como sucedeu nos casos do goberno vasco e PwC e desta mesma consultora e o goberno español. De feito, o plan España Puede recolle nas súas liñas mestras gran parte das propostas elaboradas por PwC e presentadas ao Goberno pola CEOE.

Novo modelo produtivo?

 Coas grandes empresas no deseño da regulación para xestionar os fondos, na definición dos principais investimentos e na meirande parte dos proxectos presentados, non se enxerga ningún cambio de modelo. Máis ben, trátase de dar un impulso aos nichos de negocio con potencial de crecemento e beneficios para as compañías que nas últimas décadas capitanearon a expansión do capitalismo español, esas mesmas multinacionais que protagonizaron os procesos de acumulación e concentración de riqueza asociados á actual crise socio-ecolóxica.

 No caso do hidróxeno, por poñer un exemplo, preséntase como a enerxía alternativa aos combustíbeis fósiles no transporte e a industria pesada, cando se trata dunha solución moi cuestionábel pola súa dubidosa eficiencia e complexidade tecnolóxica. Iso si, aínda que non estea nada claro que sexa unha opción ambientalmente respectuosa, está posibilitando que o oligopolio das petroleiras e as eléctricas se sume ao nicho de negocio que abriu o “capitalismo verde”. Sen ir máis lonxe, un dos PERTE presentados por Catalunya sobre o hidróxeno ten entre os seus promotores privados a Naturgy, Suez, a cementeira israelí ICL e a compañía do aceiro Celsa.

 Ampliando o foco á totalidade de proxectos presentados, pode verse que a aposta pasa por grandes obras e infraestruturas que requiren cantidades inxentes de materiais e enerxía. O que significa máis extractivismo nas zonas onde aínda poidan quedar estes recursos non renovábeis, especialmente nas rexións periféricas e do Sur Global. Tamén máis emisións de gases de efecto invernadoiro, máis desprazamento de poboacións indíxenas e campesiñas, e máis violación sistemática dos dereitos humanos. En definitiva, profundar a crise ecolóxica e social que vivimos.

 Se se pretendese apostar por unha transformación con xustiza social e ambiental, habería que disputar o poder das grandes corporacións e o seu control sobre os sectores, servizos e bens básicos para o sostemento da vida. Desmercantilizar, remunicipalizar, nacionalizar, potenciar a xestión colectiva e público-comunitaria, nesta liña, aparecen como apostas sociais imprescindíbeis para cambiar as relacións de poder.

 

[Artigo tirado do sitio web El Salto, do 18 de xuño de 2021