Francia: A deriva autoritaria do poder

Romaric Godin - 30 Xun 2023

A reforma das pensións que, ante todo, foi un golpe de forza contra o mundo do traballo e a protección social para financiar a redución de impostos ás empresas e ao capital, foi a nai de todas as batallas

 Tras impor a reforma das pensións en contra [da maioría] do seu país, Emmanuel Macron embárcase nunha fuxida cara adiante autoritaria para aplicar unha política a favor do capital. A partir de agora, a súa vontade debe ser a vontade do país. Tanto se lle gusta ao país coma se non.

 Aos poucos, temos que afrontar os feitos. A reforma das pensións non atinxía unicamente ás pensións, nin moito menos. Era un proxecto político moito máis amplo. O obxectivo ía moito máis alá: impor o poder dun home ao conxunto da sociedade. Ao impor a súa reforma, o presidente da República pasou por riba da oposición política da Asemblea Nacional, dunha mobilización social sen precedentes e da impopularidade xeral do proxecto.

 Emmanuel Macron demostrou que o réxime actual xa non ten contrapesos reais e que agora pode gobernar Francia ao seu antollo. Sen sequera necesitar unha maioría parlamentaria.

 Esta demostración ten unha dupla función. En primeiro lugar, desalentar calquera forma de resistencia ao seu poder no futuro, xa que gañou a nai de todas as batallas. En segundo lugar, iniciar un proceso de afianzamento no poder combatendo a quen aínda resiste.

 É con este pano de fondo co que hai que analizar as accións do executivo e dos seus partidarios durante o último mes. Por unha banda, temos, para instruír as masas, a posta en escena dun presidente omnipresente e omnipotente, resolvendo unha tras outra todas as feridas que aflixen aínda o país. Un día, Emmanuel Macron reindustrializa o país; ao seguinte, resolve o problema da escaseza de medicamentos; ao terceiro, salva o planeta a golpe de crecemento verde. A mensaxe é clara: todo o que o presidente queira, pódeo facer; e, por tanto, é inútil e prexudicial tentar detelo.

 Por outra banda, o control autoritario do país faise cada día máis forte. Á violenta represión das manifestacións contra a reforma das pensións seguiu unha represión dos movementos e protestas ecoloxistas, cuxo punto culminante será o anuncio, o mércores 21 de xuño, da disolución do colectivo Les Soulèvements de la Terre. Todo iso se escenificou para xustificar a represión, como nos rexistros e detencións de activistas o 20 de xuño e as que se deron o 5 de xuño. A iso engádese a presión exercida sobre a Liga de Dereitos Humanos (LDH) e outras asociacións. Tanto é así que Nacións Unidas expresou publicamente a súa preocupación polo estado do "dereito de reunión" en Francia.

 Ao mesmo tempo, o goberno francés insistiu no Consello da Unión Europea en limitar a protección dos xornalistas en caso de "ameazas á seguridade nacional" (véxase a investigación de Investigate Europe sobre o tema), mentres que o Senado francés autorizou a activación remota de cámaras e micrófonos de teléfonos móbiles en determinadas investigacións.

 O luns 19 de xuño, o peche de ouro foi unha entrevista a Richard Ferrand, un vello rabudo da macronía en Le Figaro, quen no medio dunha frase abriu a porta a un cambio na Constitución para suprimir o límite de dous mandatos presidenciais sucesivos. Cunha xustificación que semella abraiante: "Todo isto [o funcionamento democrático] constrinxe a nosa vida pública con regras que limitan a libre elección dos cidadáns".

Presidencialismo extremista

 Afortunadamente, aínda estamos moi lonxe do soño de Richard Ferrand. Non parece probábel que unha reforma deste tipo logre unha maioría no Congreso ou na opinión pública. Pero esta opción, formulada tan claramente por primeira vez, é un síntoma da visión política que domina no Elisio. A partir de agora, o presidente podería impor os seus puntos de vista a unha sociedade que tería que recoñecer, de bo grao ou non, a súa superioridade, que non cesa de escenificar.

 Na película de Marcel Carné Les Enfants du paradis, o famoso actor Frédérick Lemaître acepta actuar nunha obra de teatro, pero "a condición que lle deixen facer o que queira". Emmanuel Macron acepta a democracia nos mesmos termos: coas súas propias condicións.

 A mención agora dun terceiro mandato sitúa claramente a Macron no campo dos réximes persoais dispostos a enredar coas leis electorais e as constitucións para preservar o poder. Recep Tayyip Erdoğan modificou a Constitución turca para impor un réxime presidencialista do que el sería o dono natural. Viktor Orbán, en Hungría, modificou a lei electoral para asegurar para si amplas maiorías capaces de lle dar o poder de cambiar a Constitución. Por non falar, por suposto, de Vladimir Putin que, tras burlar a Constitución rusa, acabou cambiándoa para poder seguir sendo presidente.

 Aquí temos moi claramente un cambio na natureza do autoritarismo de Macron que, por outra banda, foi unha característica dominante desta corrente política desde a represión do movemento dos chalecos amarelos. Ademais, tamén é neste contexto no que debemos entender os chamamentos á unidade nacional en torno ao presidente, un dos elementos dominantes na linguaxe da maioría nas últimas semanas e, agora, o tema principal da entrevista a Richard Ferrand.

 Xa que nada pode resistir ao presidente, xa que se demostrou que é inútil tentar oporse á súa vontade e xa que, finalmente, todo tende a demostrar que o Xefe do Estado é capaz de resolver todos os problemas, a única opción razoábel é someterse a el.

 Richard Ferrand non di outra cousa cando afirma: "[Situarse] Fóra desta opción estratéxica [alianza coa maioría presidencial], é un suicidio democrático". E engade: "Non sempre podemos evitar a tolemia colectiva resultante da perda do sentido común, pero entón desenvolveríase en detrimento dos valores fundamentais".

 Á luz dos feitos sinalados, esta última frase chama a atención. O presidente da República, que aperta cada vez máis a este país, negándose a escoitalo e prohibindo as asociacións ecoloxistas, sería o baluarte contra unha "tolemia colectiva" que ameaza os "valores fundamentais"?

 Semellante retórica só ten unha función: considerar que non existe oposición democrática ao presidente. Dese xeito, o presidente convértese na encarnación da democracia. Trátase, evidentemente, dun exemplo típico do autoritarismo francés. Todos os réximes represivos do século XIX se construíron arredor desta identidade entre os valores e o home.

 En 1804, o sénatus-consulte do 28 de Floréal Ano XII estabeleceu o Imperio da seguinte maneira: "O goberno da República confíase a un emperador hereditario". Era natural: fronte á oposición, tanto da esquerda como da dereita, Napoleón Bonaparte converteuse na República do sentido común. E a proclamación da farsa imperial foi a consecuencia lóxica desta identidade. Do mesmo xeito que na mente de Richard Ferrand, o límite de dous mandatos presidenciais debe suprimirse para lograr unha verdadeira democracia.

 Esta mesma lóxica pódese atopar noutros momentos chave da historia francesa. En 1830, Luís Felipe foi, quéresenos facer crer, a encarnación da liberdade contra os republicanos sanguinarios e os lexitimistas reaccionarios. En 1851, Luís-Napoleón Bonaparte desempeñou o mesmo papel: converteuse na personificación da democracia fronte a unha asemblea que restrinxira o dereito ao voto e reprimira as e os traballadores. Ademais, apresurouse a restabelecer o sufraxio universal masculino (baixo a supervisión dos prefectos). Finalmente, de 1871 a 1873, foi este mesmo partido o que permitiu a Adolphe Thiers asentar o seu poder.

Forxar un pobo ideal

Nesa liña sitúase Emmanuel Macron. E con máis motivo que eses réximes non se impuxeron unicamente pola tolemia ou a ansia de poder dos seus dirixentes. En todos os casos, tratábase menos de impor a vontade dun home que a dunha clase, os propietarios e xestores do capital. E na Francia actual non é diferente. Por iso, a reforma das pensións que, ante todo, foi un golpe de forza contra o mundo do traballo e a protección social para financiar a redución de impostos ás empresas e ao capital, foi a nai de todas as batallas.

 Evidentemente, este tipo de réxime fai todo o posíbel por agochar o seu carácter de clase, e a mellor maneira de facelo é formar un bo pobo. Este bo pobo é razoábel, non lle gustan os extremos, adhírese ao consenso económico dominante; en resumo, está a favor do presidente. Nisto, o pobo oponse ao vulgo e os están presos da tolemia colectiva deben ser excluídos da unión nacional encarnada polo Xefe do Estado.

 É un clásico. Ao día seguinte do golpe de estado do 2 de decembro, o futuro Napoleón III dixo o seguinte, que resume toda a política do actual goberno da República: "É hora de que os bos se acouguen e os malos treman".

 Nesta empresa de disimulo, tamén podemos recuperar algunhas figuras do movemento obreiro, como Missak Manouchian, cuxa entrada no Panteón foi anunciada o domingo 17 de xuño por Emmanuel Macron. Un verdadeiro obreiro, comunista, internacionalista, inmigrante e heroe da Resistencia: velaquí a proba de que o presidente non é un sectario!

 Salvo que non podemos evitar pensar que faría hoxe o réxime actual cun Manouchian. Sería xulgado presa desa tolemia colectiva que o levaría a defender un réxime de pensións que o seu sacrificio contribuíu a pór en marcha na Liberación? Sería encerrado nun centro de detención administrativa? Sería enviado de volta á fronteira? Ou sería tolerado a condición de responder as necesidades do mercado laboral, o que sería o contrario do compromiso de toda a súa vida? Para o poder, un bo revolucionario é ante todo un revolucionario morto. Por iso poden celebralo [levalo ao Panteón].

 A deriva autoritaria do réxime non é nada novo. Desde a represión dos chalecos amarelos até a xestión da crise sanitaria, pasando polo incríbel primeiro 49-3 para a reforma das pensións de 2020, o macronismo non deixou de estreitar o cerco sobre o país. Mais os últimos acontecementos son máis que preocupantes, xa que semellan que romperon varios diques. O martes 20 de xuño, Elisabeth Borne afirmaba que "unha vez superadas as pensións, pódese resistir a todo".

 Esta confianza agocha unha realidade moito menos agradábel. Porque esta política favorábel ao capital, que é a base deste autoritarismo, sofre en realidade un fracaso tras outro no contexto dun capitalismo que se esgota e destrúe cada vez máis, fronte a unha poboación francesa que, a pesar de todo, o rexeita máis que nunca.

 A partir de aí, a única solución é unha fuxida cara adiante autoritaria para obrigar a realidade a pregarse aos mitos do presidente. E moito peor se o país está abocado a sufrir aínda máis por semellante tolemia.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 22 de xuño de 2023]