Francia: As fontes do macronismo

Michel Husson - 21 Nov 2017

É irónico constatar que a acción de Macron se inspira amplamente nunha estratexia concibida hai un cuarto de século e cuxa posta en práctica tivo por resultado destacado a concentración da riqueza . En canto ao paro masivo, só retrocedeu grazas ao aumento dos traballos precarios

No fondo, o proxecto do macronismo tenta recuperar o tempo perdido e facer as reformas que os seus predecesores non lograron impoñer. Así que non é sorprendente constatar que atopa as súas fontes de inspiración en programas que teñen máis de vinte anos.

 En 1994, xusto despois da brutal recesión que levou a un forte aumento da taxa de paro, a OCDE (Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económicos) publicou o seu “estudo do emprego” 1/ sobre a que se basea a estratexia para o emprego. O texto en si é ben impactante e paga a pena volver sobre el xa que é unha verdadeira folla de ruta para as políticas neoliberais contemporáneas. Nel está a suma dos fundamentos filosóficos do macronismo: cada unha das propostas da estratexia lembra irresistibelmente cada unha das reformas levadas á práctica ou programadas.

Viva o cambio!

 A OCDE comeza a preparar o terreo rexeitando as explicacións sobre o paro baseadas nas transformacións tecnolóxicas, a globalización ou a intensificación da competencia. Para a OCDE, estes factores só xogan un papel secundario, é dicir, sen importancia. A verdadeira causa do paro reside máis ben na débil capacidade das sociedades para se adaptaren ao cambio: hai que reforzar esta capacidade antes que “intentar diminuír o ritmo do cambio”. Esta proposta resume ela soa a filosofía do macronismo: hai un cambio e hai que se adaptar a el. Ademais, a sociedade non ten enganche neste “cambio”, verdadeiro deus ex machina, que presenta unha forma unívoca impoñéndose ás opcións sociais. O verdadeiramente real é que a sociedade xa non ten capacidade de dirixir a súa propia traxectoria posto que é guiada desde un máis alá indeterminado.

 Porén, ao texto da OCDE fáltalle sutileza e non fai o seu traballo cando se trata de identificar os motores do cambio. Constátase que este famoso cambio non cae do ceo posto que é o resultado das vagas de liberalización e de desregularización dos anos 80 do sigo XX, que “melloraron considerabelmente a eficacia potencial das economías da OCDE” e “aceleraron o ritmo do cambio”. Este fragmento é dabondo para desvelar o procedemento retórico que consiste en presentar o cambio como un proceso inexorábel ao que non hai outra opción que se adaptar. Por outra banda, a OCDE ensaríllase máis cando sinala que os cambios tecnolóxicos e a globalización reforzaron a necesidade de se adaptar mentres que estes factores eran presentados un pouco antes como moi secundarios. Pero mesmo nisto, estes dous procesos -cambios tecnolóxicos e globalización- se conciben como independentes das políticas postas en práctica polos poderes establecidos. Toda esta presentación apunta a un único obxectivo: non relacionar os procesos desenvolvidos (e os seus efectos sociais, neste caso, o paro masivo) coa acción consciente dos poderosos.

Lume á “rixidez” (social)!

 Os factores que se opoñen ao axuste necesario para o cambio identifícanse claramente: como cabía esperar, son as “prácticas que fixeron ríxida a economía”. Estas prácticas, “progresivamente adoptadas polos gobernos, os sindicatos e as empresas”, certamente eran benintencionadas posto que intentaban protexer a xente polo menos das peores vicisitudes económicas”. De feito, alcanzaron os seus obxectivos pero, infelizmente, era unha política de parvos de veze. Pois as súas medidas tiveron como “efecto secundario reducir, sen que ninguén o quixese -e en proporcións crecentes- a capacidade de adaptación da economía e ás veces tamén, a vontade de adaptación da sociedade”.

 Séntese unha musiquiña de fondo bastante sinistra: “para conseguir os obxectivos sociais, seguimos políticas que tiveron como consecuencia involuntaria acentuar a rixidez dos mercados, incluíndo o mercado laboral”. Con outras palabras, para a OCDE, existe unha relación entre as medidas que intentan “protexer a xente” e a necesaria adaptación ao cambio. A OCDE utiliza unha fórmula extraordinaria cando fala dun “período axitado no que as forzas poñen a proba a flexibilidade das economías”. Todo se presenta coma se a economía fose unha fráxil barca exposta ás “forzas” do cambio e que ten que reducir o velame social. Mesmo a OCDE ceiba o seu discurso de cláusulas intentando -ao mesmo tempo- atenuar o seu discurso, o imperativo da flexibilidade aparece como o que é, o convite a ir cara a unha sociedade na que se reduza a protección da “xente”.

 A mensaxe fundamental é clara: “fronte a un nivel elevado de paro, a solución non é tentar diminuír o ritmo de cambio senón de restablecer a capacidade das economías e das sociedades de se adaptaren ao cambio”. Pero a OCDE vai aínda máis lonxe cando menciona, máis aló da capacidade de adaptación, unha “vontade de adaptación” debilitada. Esta diatriba implícita fai pensar irresistibelmente na famosa declaración do presidente Macron (“Os franceses e as francesas detestan as reformas, é un pobo que detesta iso”) que acompañaba cun aceno coa man despectivo 2/. Así que é necesario, concluía, “explicar ao pobo cara a onde imos, proporlle transformarse en profundidade”. Sen dúbida, o pobo é o principal atranco para o cambio, ao que se terá que adaptar.

 Naquela época, nunha breve recensión 3/ do estudo da OCDE, considerabámonos presos dunha “especie de tolo riso nervioso” ante esta “acumulación de propostas reaccionarias”. Co paso do tempo, o catálogo da OCDE leva a esta constatación: inspirou todas as políticas neoliberais levadas a cabo desde hai preto dun cuarto de século, só se puxo en práctica parcialmente (polo menos, en Francia) e o proxecto de Macron aparece como unha tentativa de inscribilo plenamente na realidade. Isto xustifica algunhas citas máis extensas que confirman o paralelismo chocante coas grandes orientacións do macronismo. Hai para todos os gustos.

Lume á incompetencia dos asalariados!

 O canto á formación ocupa un gran espazo no discurso macroniano. Xa en1994, a OCDE facía recaer sobre os asalariados a responsabilidade da precariedade: como “non posúen as competencias solicitadas para exerceren empregos mellor remunerados (ocorre) que, frecuentemente, os traballadores só tiñan a opción de aceptar unha remuneración escasa, condicións precarias e poucas garantías no seguro de enfermidade. Pero malia todo, era un mal menor pois “doutra banda, as dificultades sociais con que batían moitos destes traballadores, sen dúbida, serían peores se, debido á rixidez do mercado laboral, fosen privados mesmo destes empregos”. Este brillante cinismo é o mesmo que o de Macron, que trata os traballadores de alcohólicos e ignorantes.

Lume ao gasto público!

 Partindo do principio absoluto segundo o cal o gasto público é excesivo, a OCDE fai seu o principio “facer máis con menos”. Cómpre “optimizar a eficacia” do gasto público e da fiscalidade. Claro que é unha “tarefa ardua e laboriosa” mais que pode “ter uns efectos benéficos moi importantes”. O sector público tamén é estigmatizado debido ao seu “importante crecemento como empregador”. Séguelle un razoamento sobre o que hai que reflexionar: “En numerosos países europeos (…), o emprego no sector público desenvolveuse a medida que se multiplicaban os atrancos á contratación no sector privado, o que diminuía o estímulo a aceptar un emprego -especialmente, o emprego mal pago e precario- e que a sociedade esixía moitos máis servizos públicos”.

 Esta declaración de principios é vertixinosa. A OCDE non se contenta con reprochar ao emprego público eliminar emprego privado: trátase dunha vella tese liberal moi difícil de demostrar. Vai máis lonxe, incriminando á progresión de empregos públicos (dignos) o frear a dos empregos precarios privados. E peor aínda, a organización traslada a responsabilidade á “sociedade”, acusada de querer sempre máis servizos públicos. É nestas demostracións onde se manifesta o inconsciente burgués para o que, no fondo, a satisfacción das necesidades sociais é unha carga para a economía, cando non pasa pola mercantilización privada. Na práctica macroniana, isto tradúcese de forma coherente na redución dos efectivos do funcionariado, o retroceso do seu poder de compra e o canto á colaboración público-privada.

Lume ao dereito laboral!

 As propostas da OCDE sobre a lexislación laboral parece ser, antes ca nada, o informe dos motivos das leis laborais postas en práctica por Hollande e Macron. Aquí alcánzase un novo cimo de cinismo cando a OCDE propón “flexibilizar as limitacións en materia de despedimentos previstas pola lei nos países onde as disposicións actuais parecen comprometer gravemente a reestruturación económica e as posibilidades de acceso ao emprego dos acabados de chegar ao mercado laboral”. Como se pode dicir máis claramente que a protección das persoas asalariadas se opón non só ás necesarias “reestruturacións” senón tamén aos novos contratos? E vemos xa o argumento adoito repetido teimudamente hoxe: “A lexislación protectora do emprego intenta desanimar os despedimentos facéndoos máis custosos para os empregadores. Pero esta tamén pode facer dubidar a estes últimos á hora de contratar novo persoal”.

 En consecuencia, hai que “permitir a oferta de contratos de duración limitada” e máis amplamente is asumindo que o cambio vai ligado á precariedade. A OCDE non ten medo de anunciar que é probábel que “moitos dos novos empregos serán empregos de baixa produtividade e baixo salario”. Xa estamos previdos.

 Así que a OCDE ten a súa propia idea das negociacións salariais; sería necesario orientarse cara aos acordos marco que “dean liberdade ás empresas para actuar con axilidade ante a evolución do mercado” e “renuncien progresivamente á práctica da extensión administrativa dos acordos que impoñen normas ríxidas”. E, cada vez con máis forza, lánzase a idea de cláusulas que permitan “renegociar a un nivel inferior os convenios colectivos acordados a un nivel superior”. Semella que estamos lendo un artigo do código do traballo de Macron.

Lume aos parados “de luxo”!

  Tamén se sinala o exceso de “xenerosidade” da indemnización do paro: as prestacións “acabaron por constituír unha garantía de soldo case permanente en moitos países, o que incita a non traballar”. Loxicamente hai que “limitar a duración do cobro das prestacións de desemprego nos países nos que é especialmente longa, a un periodo durante o cal a persoa parada busque activamente un emprego e teña posibilidades de atopar rapidamente traballo”. No momento en que se publicou o informe da OCDE, Michel Bon, o director da ANPE (que se convertería máis tarde nun Polo-emprego despois da súa fusión con Unedic [Unión Interprofesional para o emprego na Industria e o Comercio]) falaba de “parados de luxo”. Así pois, cando o ministro Christophe Castaner denuncia hoxe a quen elixe “beneficiarse das prestacións do paro para marchar dous anos de vacacións” 4/, está no bo camiño.

Lume á redución da xornada laboral!

 A OCDE deita algúns consellos dignos de Perogrullo, o máis gracioso sen dúbida, este douto precepto: “a resposta aos problemas de emprego pasa fundamentalmente pola creación dun maior número de empregos”. Porén, a recomendación da regulación da demanda global tampouco está mal: é necesario que “o crecemento non sexa nin demasiado rápido, o que podería ter consecuencias inflacionistas, nin demasiado lento, o que correría o risco de conducir á deflación”.

 Mais a institución é moito máis precisa sobre “o que non hai que facer”: é o título dun cadro que advirte sobre as dous maiores erros que non hai que cometer. Son, por unha banda, o proteccionismo e, por outra, un “reparto do traballo vía lexislativa”. Isto converteríase, segundo a OCDE, en “querer arranxar o problema do paro non aumentando o número de empregos mediante un relanzamento da actividade económica, senón racionando o traballo remunerado”. Este tipo de reparto obrigatorio do traballo, “nunca logrou facer retroceder o paro, especialmente, a causa do rexeitamento dos traballadores a unha rebaixa dos seus salarios”.

 Gran defensora dos dereitos dos traballadores, a OCDE propón “axustes flexíbeis do tempo de traballo, susceptíbeis de reducir os custos e de facer progresar o emprego”. No espírito da OCDE, isto quere dicir “aumento da flexibilidade do tempo de traballo” e favorecer o “desenvolvemento do traballo parcial voluntario (sic)”. Para isto é suficiente “suprimir os atrancos que na lexislación laboral impiden un arranxo máis flexíbel do tempo de traballo e favorecer a negociación entre empregadores e asalariados sobre horarios flexíbeis e traballo a tempo parcial”.

 A OCDE rexeita de paso outras propostas que lle parecen perigosas porque terían o efecto de “atenuar a vivacidade da competencia”. Trátase, por exemplo, da adopción de medidas antidumping, a regulación das fusións, o establecemento de regulacións financeiras e a creación de dispositivos que garantan a seguridade no emprego”. Estas negativas son a marca dun programa moi claro a favor da competencia totalmente desregulada. Adquiren todo o seu interese despois da crise de 2008. Se estivesen implantadas as medidas que a OCDE rexeitaba en 1994, sen dúbida, contribuirían a atenuar un pouco a amplitude desta crise.

Lume ao salario mínimo!

 A OCDE non esquece denunciar o salario mínimo legal. Claro que a intención era encomiábel (“evitar a pobreza fixando un salario chan”) pero tamén niso, os efectos perversos acabaron por levalo por diante, e ese salario mínimo legal “a final de contas, frecuentemente ten o efecto de limitar as posibilidades de emprego para a man de obra non cualificada”. A OCDE suxire, pois, “reavaliar o papel” que o salario mínimo ou, polo menos (se a resistencia social é demasiado forte), de “minimizar os efectos negativos para o emprego”. Máis exactamente, a OCDE propón indexar o salario mínimo “aos prezos máis que aos soldos medios” (o que imposibilita calquera nova progresión do seu poder de compra) e modulalo “suficientemente” segundo a idade, para evitar que sexa “atranco para a contratación da xente nova” e segundo as rexións.

 Na mesma época, un argumento semellante foi avanzado polo informe Mattéoli de xullo de 1993 para quen o Smic (Salario Mínimo Interprofesional para o Crecemento) funciona como un “atranco para a entrada no emprego pouco cualificado” ou polo informe Maarek, que estimaba que o Smic  “se volveu contra os que intentaba protexer” 5/. Máis preto no tempo, estas mesmas ideas serán transmitidas por un informe do Consello de análise económica 6/ que recupera a súa actualidade co “novo grupo de expertos sobre o Smic” portador dunha futura reforma radical do Smic 7/.

Dun informe a outro 8/

 Os informes sucédense con, por exemplo, o de Camdessus 9/, o libro de cabeceira de Nicolas Sarkozy. O antigo director do FMI insiste nel, especialmente, nos estragos do contrato de traballo indefinido que impide as empresas “desprenderse do asalariado que xa non lle convén”.

 Por suposto, tamén están os dous informes da “comisión para a liberalización do crecemento francés” creada por Nicolas Sarkozy e presidida por Jacques Attali. O primeiro destes informes foi remitido en xaneiro de 2008 10/ e enumera 316 propostas. Non é baladí lembrar aquí que o relator xeral adxunto se chamaba Emmanuel Macron 11/. Isto é suficiente para establecer a continuidade entre o primeiro conxunto de informes de comezos dos anos 90 do século pasado e as reformas impulsadas hoxe por Macron. De novo podería establecerse un paralelismo entre as sucesivas propostas, e como exemplo é suficiente citar aquí que o informe Attali propoñía (era a súa “decisión fundamental”, a nº 11) “reducir o custo do traballo para todas as empresas transferindo unha parte das cotizacións sociais cara á CSG” (Contribución Social Xeneralizada). De forma significativa, o informe xa se reivindicaba “nin de esquerda nin de dereita” presentándose como unha “forma de emprego para as reformas urxentes e básicas (que) non é nin partidista, nin bipartidista: é non partidista”.

Discordancia temporal

 A ironía da historia é que a OCDE endexamais foi quen de facer un balance positivo da posta en práctica do seu programa, polo menos parcialmente, en numerosos países. En 2006, a organización procedeu a unha avaliación da súa estratexia 12/ que, sen cuestionala, contén varios elementos de autocrítica. Sen dúbida, o máis significativo é a afirmación do seu secretario xeral, Ángel Gurría, que admite que “non hai unha única vía real para mellorar as actuacións no mercado de traballo” o que é unha auténtica contradición coa ambición da OCDE de propor unha folla de ruta universal.

 De feito, o documento constata que “coexisten varios modelos de éxito nos que se poden inspirar adaptándoos ás circunstancias nacionais específicas e á propia historia de cada país”. Un primeiro enfoque pon o acento na “flexibilidade do mercado de produtos e do traballo” mais isto conduce a unha “disparidade de soldos relativamente importantes”. Pero existe outro enfoque nos países “que se caracterizan por un amplo recurso á negociación colectiva e ao diálogo social así como polas prestaciones sociais xenerosas” e nos que “os niveis de emprego son elevados e a disparidade de soldos é pequena pero os custos orzamentarios inducidos son importantes”.

 Nas súas Perspectivas de emprego 13/ aparecidas ese mesmo ano, a OCDE fai outra importante concesión admitindo que “o salario mínimo non ten un impacto claro no paro”. É o resultado dunha análise econométrica 14/ que intenta explicar o paro a partir dunha batería de indicadores inaugurando así unha nova técnica, por outra banda moi discutíbel, pois razoa de feito sobre un “país medio” 15/. O documento constata que “a análise non permite concluír que o salario mínimo teña un impacto significativo no paro global”, pero non evita engadir que “certos índices (sic), con todo, dan para pensar (sic) que as taxas de emprego dos mozos son máis baixas cando o nivel do salario mínimo é máis elevado”.

 É irónico constatar que a acción de Macron se inspira amplamente nunha estratexia concibida hai un cuarto de século e cuxa posta en práctica tivo por resultado destacado a concentración da riqueza . En canto ao paro masivo, só retrocedeu grazas ao aumento dos traballos precarios.

 A única novidade da concepción macroniana da economía é a referencia á “destrución creadora” inspirada especialmente nos traballos de Philippe Aghion. Sobre este punto, alíñase coa OCDE que está elaborando unha nova “estratexia para o emprego” 16/. Seica, esta si debería basearse na hipótese segundo a cal a eliminación de “empresas zombis” permitiría restablecer o aumento da produtividade e rexeitar a sombra da “estancamento secular”. Mesmo se non son considerados como responsábeis destas rixideces, as persoas asalariadas empregadas por empresarios pouco eficientes evidentemente, terán que pagar os gastos das estruturacións necesarias para restablecer un progreso forte; en resumo, adaptarse ao cambio.

 Porén, as recentes decisións orzamentarias tomadas en Francia, fan dubidar da implicación schumpeteriana de Macron. Parafrasando o vocabulario consagrado en materia de políticas de emprego, de feito, poderíase dicir que se trata de agasallos “pasivos” sen contrapartida, que fan unha aposta “perdida de antemán” de que as empresas, espontaneamente, van restablecer o investimento e a innovación. Máis aló do discurso, hai en Macron unha profunda incomprensión do capitalismo contemporáneo e do capitalismo francés en particular. Mais isto non é grave se continua a servirlle.

_____________________________________________________________________________

Notas:

1/ L’Etude de l’OCDE sur l’emploi, OCDE, 1994.

2/ Emmanuel Macron, discurso de Bucarest, 24 de agosto de 2017.

3/ Christian Barsoc, “Rire aux larmes avec l’OCDE”, Rouge n°1596, 30 xuño de 1994.

4/ Gattaz et Castaner sur le contrôle des chômeurs”, note hussonet n°109, 18 de outubro de 2017.

5/ Jean Mattéoli, Rapport au Premier Ministre sur les obstacles structurels à l’emploi, setembro 1993; Gérard Maarek, Pierre Joly, Coût du travail et emploi, une nouvelle donne, 1994.

6/ Pierre Cahuc, Gilbert Cette et André Zylberberg, Salaire minimum et bas revenus. Comment concilier justice sociale et efficacité économique?, Informe del CAE n° 79, La Documentation française, 2008.

7/ Michel Husson, “Smic : vers une réforme libérale radicale”Alternatives économiques, 31 de agosto de 2017.

8/ Para un tipo de empreg, ver: Michel Husson, “Comment rédiger un rapport”, Regards, outubro de 2007.

9/ Le sursaut. Vers une nouvelle croissance pour la France, Informe Camdessus, 2004.

10/ Commission pour la libération de la croissance française, 300 décisions pour changer la France, enenro de 2008. Un segundo informe será publicado en octubre de 2010: Une ambition pour dix ans, outubro de 2010.

11/ A relatora xeral era Josseline de Clausade, una enarca, conselleira de estado que continuou a súa carreira en Areva, despois no grupo Casino.

12/ Stimuler l’emploi et les revenus. Les leçons à tirer de la réévaluation de la stratégie de l’OCDE pour l’emploi, OCDE, 2006.

13/ OCDE, Perspectives de l’emploi de l’OCDE, 2006.

14/ Andrea Bassanini and Romain Duval, “Employment Patterns in OECD Countries: re-assessing the role of policies and institutions”, Documento de traballo da OCDE, 2006.

15/ Sobre este punto, ver: Edmond Malinvaud, “La réévaluation de la Stratégie de l’OCDE pour l’emplo : deux pistes d’amélioration”, Travail et Emploi n° 118, abril-xuño de 2009.

16/ Ver: Michel Husson, “Optimisme structurel à l’OCDE”, Alternatives économiques, 9 marzo 2017,; e Ronald Janssen, “Stratégie pour l’emploi en temps de crise : un tournant pour l’OCDE?”, Chronique internationale de l’IRES n°155, febreiro de 2017.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 13 de novembro de 2017]