Francia: Un ano de «Macronomic» ou a fin do equilibrismo

Romaric Godin - 04 Mai 2018

A primeira reforma na orde do día foi a que afectou ao mercado laboral. Esta reforma, levada a cabo por decretazo, exime os empresarios de moitas obrigas, favorecendo os despedimentos individuais, establecendo un baremo obrigatorio (e baixo) para as indemnizacións, fusionando os representantes do persoal e permitindo a ruptura dos convenios colectivos

 O presidente francés, elixido cun programa de equilibrismo entre o liberalismo e o social, esqueceu este segundo alicerce para poñer en marcha políticas clásicas baseadas en reformas neoliberais.O macronismo electoral víase, no plano económico, como un equilibrismo. «Simultaneamente», pregoaba, dun lado, un liberalismo asumido; do outro, a aprobación de novas medidas de protección e de novos apoios. Un social-liberalismo capaz de engaiolar e de tranquilizar a dereita e a esquerda e que distinguía a Emmanuel Macron dos seus adversarios, demasiado liberais ou demasiado intervencionistas.

 Un ano despois da súa elección, o novo presidente, mantivo o seu compromiso… Por suposto, hai moitas reformas en curso e algunhas requirirán varios anos até concluír, polo que o balance só é parcial. Pero isto non impide que, un ano despois da súa elección, Emmanuel Macron pareza reducir claramente as súas ambicións no aspecto social e redistributivo do seu programa. O reformismo macroniano inclínase á dereita e este primeiro ano presenta unha visión moi diferente da que ofreceu durante a campaña electoral. O Goberno liberaliza, privatiza, reforza a parte do mercado alí onde pode, nas vivendas sociais, o ferrocarril ou o emprego, coa esperanza de que este movemento leve a liberar medios que permitan aplicar políticas máis sociais. Ese «simultaneamente» convértese nun «primeiro as reformas e despois xa veremos». E iso cámbiao todo. Porque, que pasará se as reformas non dan os seus froitos? Que farán falta outras, por suposto…

As reformas sociais: moita flexibilidade, pouca seguridade

 Prioridade das prioridades, a primeira reforma na orde do día foi a que afectou ao mercado laboral. A devandita reforma, levada a cabo por decretazo no verán de 2017, exime os empresarios de moitas obrigas, favorecendo os despedimentos individuais, establecendo un baremo obrigatorio (e baixo) para as indemnizacións, fusionando os representantes do persoal e permitindo a ruptura dos convenios colectivos. A cambio, as compensacións son mínimas; en esencia, limítanse a aumentar as indemnizacións por despedimento, o montante das cales pasou de ser do 20% ao 25% do soldo mensual por ano de antigüidade. Esta pequena contrapartida non cuestiona a razón de ser desta reforma: a mellora do fluxo do mercado laboral.

 Esta mellora no fluxo podía ser o primeiro acto dunha «flexiseguridade» á francesa. Ademais, aparecía o desexo do Goberno de acompañalo cun esforzo inédito para mellorar a formación dos demandantes de emprego e ampliar a súa protección. Pero esta reforma, a outra vertente da aprobada vía decreto, non só non se executou de forma simultánea á reforma de liberalización (co pretexto dunha longa «concertación» que non considerou necesaria durante o verán), senón que se revelou moi decepcionante.

 No que respecta ás prestacións por desemprego, a ampliación dos dereitos a novos beneficiarios (autónomos e aqueles que deixan voluntariamente o traballo) é moi limitada, por non dicir simbólica, dadas as estritas condicións necesarias. Só 50.000 persoas se poderán beneficiar cada ano desta novidade. Paralelamente, a fin das cotizacións para o paro, e a asunción por parte do Estado do devandito seguro que emana del, aumenta o risco, en caso de crise, dun axuste nas indemnizacións ou da duración da cobertura do seguro. Xa nestes momentos, a obsesión polo control dos parados traizoa unha visión moi financeira da prestación por desemprego pouco compatíbel coa visión equilibrada da flexiseguridade.

 No que respecta ao esforzo destinado á formación profesional, tras prometer unha dotación de 15.000 millóns de euros no quinquenio, resultou ser consecuencia dun xogo financeiro onde se redistribuíron os gastos existentes. De igual xeito, suprimíronse 130.000 empregos subvencionados por razóns orzamentarias sen ofrecer respostas inmediatas ou adaptadas aos beneficiarios. Porén, o Executivo eliminou estes empregos alegando a súa escasa eficacia e prometeu formación máis adaptada para estas persoas sen emprego. Iso si, estas persoas terán que esperar. Polo demais, o Goberno foi alterando a formación abríndoa ao mercado e monetarizando as horas de formación a un prezo reducido. Estamos lonxe da seguridade prometida como reverso da flexibilidade. Ademais, o permiso individual de formación (CIF, polas súas siglas en francés) viu como a súa partida reducíase á metade, cando é o único que permite unha verdadeira mobilidade profesional.

 O balance é claro: a reforma do mercado do traballo é unha reforma liberalizadora dirixida a mellorar a competitividade externa das empresas cunha maior presión do paro sobre os salarios. Dito doutro xeito, é unha medida que non necesita compensación. A lóxica do presidente non é a do candidato…

Un orzamento motor de desigualdades

 A segunda gran cita deste ano económico foron os orzamentos para 2018. O Goberno colocounos baixo o ángulo do poder de compra, por iso é polo que estes orzamentos sexan ante todo un shock fiscal para os patrimonios financeiros. O 1 de xaneiro, o imposto sobre o patrimonio (ISF, polas súas siglas en francés) deu paso ao imposto sobre a fortuna inmobiliaria (IFI), pero tamén se comezou a aplicar un tipo máximo do 30%, a taxa fixa única sobre os ingresos do capital (PFU), o que permitiu liberar preto de 5.000 millóns de euros adicionais. Paralelamente, iniciouse a baixada do imposto de sociedades cun desconto inicial de 1.200 millóns de euros só para 2018. Para rematar, destináronse ás empresas que pagan impostos sobre os salarios (principalmente os bancos) 300 millóns de euros. Como? Coa supresión do tramo impositivo superior que afectaba aos soldos máis altos.

 Doutra banda, o Goberno defendeu a idea das baixadas de impostos «compartidas» entre os fogares e as empresas. Pero este reparto non é tan igualitarios como podería parecer porque compara medidas inmediatas a medidas diluídas, e mestura medidas relativas a fogares megarricos (como a supresión do ISF) coas de fogares modestos. En realidade, as medidas relativas ás clases medias e populares serviron de axuste para as políticas orzamentarias do Goberno, sempre preocupado por evitar que o déficit se desboque. E son os fogares os que pagaron as medidas a favor do capital que entraron en vigor o 1 de decembro.

 Efectivamente, no proxecto inicial de Emmanuel Macron, a creación do IFI e do PFU debía ir acompañada, «ao mesmo tempo», da supresión das cotizacións salariais de enfermidade e paro, e dunha subida das cotizacións correspondentes á contribución social xeneralizada (CSG) de 1,7 puntos. Esta suba do poder de compra debía estar garantida tamén para o resto de traballadores (autónomos, funcionarios). Pero o Goberno finalmente decidiu levar a cabo estas medidas en dous tempos: en xaneiro e, despois, en outubro. Resultado: a mellora do poder de compra foi mínima en xaneiro (0,5%) e o aumento total neste ano ficará no 0,95%, en lugar do 2,2% prometido. Esta diferenza permite aforrar 4.500 millóns de euros, é dicir, o equivalente ás medidas tomadas a favor do capital!

 Paralelamente, aínda que os autónomos se beneficiarán dunha mellora equivalente na súa capacidade de compra, non sucederá así cos funcionarios, que só se verán compensados co aumento da CSG. Emmanuel Macron non respectou a súa promesa. Os xubilados que pagan a CSG viron como se incrementaba nun 1,7 puntos, sen recibir compensación ningunha. O Goberno responde que os que gañan menos de 2.500 euros se  verán compensados coa baixada do imposto sobre os bens inmobles, baixada que se levará a cabo en outubro… e nun prazo de tres anos. Entrementres, cada mes haberá que aboar máis polas cotizacións… Ademais, os fogares son os principais prexudicados polas subas de impostos no tabaco e a gasolina. Segundo o Insee, o Instituto Francés de Estatística, o poder de compra retrocedeu, no primeiro semestre, 5.000 millóns por efecto da fiscalidade indirecta.

 Para rematar, segundo estimacións do Observatorio Francés de Conxunturas Económicas (OFCE), en 2018, o nivel de vida do 5% da poboación que máis ten subirá un 1,6% como consecuencia destas medidas fiscais, fronte ao 0,1% que o fará o nivel de vida do 95% restante e todo iso aínda que os máis pobres sufran un retroceso do 6% no nivel de vida? En 2019, a situación corrixirase un pouco, pero non o suficiente como para reequilibrar os movementos: as políticas fiscais do Goberno aumentan as desigualdades agora que a ciencia económica non deixa de preguntarse polos medios para reducilas.

Presidente dos ricos e das empresas

 Ben é verdade que o Goberno renunciou a unha austeridade que prometera –a contracorrente das promesas de campaña, tamén nesta ocasión- no principio do ano, debido aos bos ingresos fiscais que permitiron que Francia teña primeiro déficit público por baixo do 3% do PIB (2,6%) desde hai dez anos. Mais o gasto público está baixo forte presión, sobre todo nas partidas destinadas a vivenda, emprego e entidades locais. Tamén en sanidade, onde o crecemento do gasto previsto é tres veces menor que a tendencia natural. A Seguridade Social, cun superávit de 5.000 millóns de euros en 2017, debe seguir sumando os devanditos superávits para reducir o déficit global. En todas as partes, o descontento oponse a un discurso edificante sobre a necesidade de reducir a débeda que, tamén neste caso, contrasta coas baixadas de impostos acordadas. Pero estas políticas participan tamén do aumento das desigualdades.

 Facendo honor ao seu sobrenome de «presidente dos ricos», Emmanuel Macron cre nun corremento da riqueza, a través do investimento, dos máis ricos cara ao emprego e de aí aos máis pobres. Aquí tamén, a lóxica está nas antípodas da anunciada durante a campaña. Trátase de reforzar a oferta antes de dar poder de compra. «Crear riqueza antes de distribuíla», non deixa de repetir o ministro de Economía Bruno Le Maire. Pero esta aposta por reforzar o aparello produtivo recorrendo ao mellor postor fiscal é moi incerta.

 E éo por varias razóns. En primeiro lugar porque moitos países iniciaron a mesma carreira de baixada de impostos, como sinalou o economista Thomas Piketty, que insistiu nos puntos comúns entre a política económica de Emmanuel Macron e a de Donald Trump. Esta carreira ao abismo conduce a un debilitamento das finanzas e dos servizos públicos e a unha dilución do efecto das medidas. En xaneiro, convidou a 40 empresarios a Versalles para lles ofrecer un gran show de sedución ás multinacionais, pero obtivo poucos froitos concretos. En segundo lugar porque, nun mundo financeirizado e globalizado, a carreira polo rendemento é a palabra chave. Nada garante que o diñeiro das baixadas de impostos se destine á creación de riqueza francesa en lugar de aos mercados financeiros impulsados polos bancos centrais ou en países con tipos de crecemento máis atractivos. As medidas de asignación deberán ser adoptadas pola lei Pacto de maio. Pero anúncianse xa como pouco ambiciosas e nada capaces de contrarrestar estas forzas.

 Se o Goberno aspira a facer pagar o imposto ás grandes empresas de internet, non convenceu co seu plan de loita contra a fraude fiscal desde o momento mesmo en que creou un «dereito ao erro» fiscal e a posibilidade de se declarar culpábel. Como noutras partes, o obxectivo parece ser salvar as empresas tanto como sexa posíbel. Mesmo a custa do interese do Estado.

 No seu conxunto, o Goberno parece, en materia económica, determinado a liberalizar e moito menos convencido a protexer e compartir. O seu modelo económico é o da start up, o que apenas ten sentido cando se sabe que o groso destas empresas fracasa e crea pouco emprego. Porén, os investimentos públicos procedentes das privatizacións masivas que serán anunciadas na lei Pacto e que prometen reducir o servizo público quedarán reservadas á innovación. O Goberno cre firmemente na «destrución creadora». E tamén cre firmemente na miraxe  das finanzas. Bruno Le Maire non deixa de repetilo. «As finanzas non son o noso inimigo, necesitámolas». E seguen dándose pasos para atraer os xigantes das finanzas do mercado da City de Londres a París, como a redución do tipo sobre os salarios dos bancos ou o estatus dos expatriados que retornan ao país. Nese caso tampouco se ven moitos éxitos: Francfort imponse nunha carreira na que o número de empregos en xogo é escaso.

 A gran sorte de Emmanuel Macron foi a conxuntura económica favorábel. O crecemento francés volveu ser do 2% en 2017, por primeira vez en 10 anos. Mais este bo resultado explícase por un débil crecemento en 2016 e sobre todo polo apoio masivo e inédito do BCE á economía europea e en particular á economía francesa. O investimento vai da man do endebedamento: Francia é o único país europeo en que o endebedamento das empresas non financeiras progresa. Este crecemento permitiu evitar a espiral de austeridade anunciada en xullo, pero é fráxil. Depende dunha conxuntura mundial que tende a debilitarse e que vai ter que facer fronte a varios desafíos: burbullas financeiras diversas, normalización das políticas monetarias, guerras comerciais. O máis desacougante nesta política é a inaptitude de Emmanuel Macron para prever novas proteccións fronte a estes desafíos e a súa convicción de que as vellas receitas de antes da crise levarán a outro resultado, máis brillante. Coma se o regreso ao neoliberalismo causante das crises de 2007 abondase para se protexer da seguinte…

 

[Artigo tirado do sitio web Kaos en la Red, do 28 de abril de 2018]